Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Unha muller participa nunha marcha co lema “Feministas, anticapitalistas en loita pola igualdade e a soberanía popular”, onte en Sao Paulo |
A Marcha Mundial das Mulleres celebra diferentes actos con motivo do Día Internacional da Muller, a pesar de que tivo que reformar a programación prevista pola prohibición de manifestarse debido a que onte foi a xornada de reflexión. No entanto, levaron a cabo algunhas das accións previstas e entregaron, en xulgados de toda Galiza, máis de 2.000 sinaturas de mulleres e homes que se autoinculparon de abortar fóra dos preceptos que estipula a lei ou de acompañar a un acto deste tipo.
A pesar da prohibición de manifestacións, centenares de mulleres acudiron ós xulgados de Ferrol, A Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo para mostrar o seu rexeitamento aos "retrocesos" de dereitos, en concreto, ao aborto e solicitar unha lei de prazos.
En declaracións a Europa Press, unha das portavoces da asociación feminista, Vitoria Iglesias, comentou que en Vigo se mantivo a xornada festiva, que inclúe actos durante máis de 10 horas consecutivas, e que aglutinou decenas de persoas durante a mañá na Praza 8 de Marzo.
En Vigo, as persoas que quedaron fóra do edificio xudicial, permaneceron concentradas en sinal de protesta polas "desigualdades" da muller e baixo o lema "nin un paso atrás". Precisamente, estas palabras formaron parte dos manifestos que se levaron á Praza 8 de Marzo que, en todo caso, A Marcha Mundial das Mulleres tivo que modificar para "evitar sinalar a partidos políticos concretos", tal e como recollía inicialmente.
A Delegación do Goberno en Galicia prohibiu, o pasado mércores 5 de marzo, as manifestacións convocadas para onte. Segundo a Delegación do Goberno, "a finalidade da xornada de reflexión non é outra que a de contribuír a unha formación de vontade libre de quen vai exercer o seu dereito de sufraxio activo, sen mensaxes nin xestos que, directa ou indirectamente, poidan fender esa neutralidade".
A prohibición fundaméntase na incidencia política que se lle supón a unha manifestación destas características. A decisión da Delegación do Goberno en Galicia vai na liña das que xa se adoptaron noutras comunidades españolas, como Madrid, onde tamén prohibíronse as marchas reivindicativas para este 8 de marzo.
Os participantes nas marchas de onte instaron ás mulleres a "estar preparadas" ante calquera acción que poida significar unha perda de dereitos. "Ningún dereito está conseguido de forma infinita", proclamou Vitoria Iglesias. Así, puxo como exemplo a "persecución" ás mulleres que abortaron e ás propias clínicas que realizan esta operación, no que ve un "retroceso 20 anos atrás" nos dereitos das mulleres. Por iso, "hai que estar preparadas para defender os dereitos", sentenciou.
O remate da violencia de xénero, prioritaria
A Xunta reiterou ontea súa aposta pola igualdade das mulleres no traballo e na sociedade en xeral, con medidas concretas que "rompan as barreiras que o impidan". Tamén destaca as actuacións para desterrar o acoso sexual e na "loita sen descanso" contra a violencia de xénero, un aspecto no que coincidiron practicamente todos os discursos da xornada.
Por iso, a través dunha declaración institucional, referenda a aposta dun Goberno "cómplice e comprometido con todas as mulleres do país".
O Goberno galego reafirma que o principio de igualdade efectiva e o emprego son "columnas vertebrais" da súa acción. En todo caso, a Xunta sinala que é necesaria unha transformación das condicións, relacións, tempos e espazos que mantén ás mulleres nunha situación de de- sigualdade.
As iraquís piden a fin das agresións
As iraquís celebraron onte o Día Internacional da Muller con chamamentos a pór fin violencia contra elas e a mellorar a precaria situación na que viven. Esta petición fíxoa Nermin Ozman, ministra iraquí de Asuntos da Muller, nunha rolda de prensa xunto ó presidente do Parlamento, Mahmud ó Mashadani, que foi un dos moitos actos organizados para marcar o Día Internacional.
París sancionará as diferencias salariais
Francia anunciou onte sancións financeiras para as empresas que non apliquen a igualdade salarial entre homes e morres, e dixo que dá ata 2009 para que os interlocutores sociais atopen unha solución a esta cuestión. O país galo indicou que lle dixera "ós interlocutores sociais que se lles dá ata 2009 para atopar unha solución para acabar coa desigualdade dos salarios entre homes e mulleres".
Mil afgás desafían aos talibáns
Unhas 1.000 mulleres da cidade sureña afgá de Kandahar aproveitaron onte o Día Internacional da Muller para desafiar as convencións e celebralo tras máis de tres décadas de silencio. "Aínda que as mulleres queriamos manifestarnos pola cidade e defender os nosos dereitos, as forzas de seguridade nolo impediron", asegurou Mahsooma Noori, a líder da Asociación de Mulleres de Kandahar.
Unha falecida cada dúas xornadas
Unha muller morre cada dous días en Arxentina por mor da violencia de xénero perpetrada, na maioría dos casos, pola súa actual ou ex parella. Nos primeiros 66 días do ano foron asasinadas 33 mulleres e nenas de diferentes idades e nivel social, mentres polo menos outras dez mulleres e mozas foron hospitalizadas tras sufrir intentos de homicidio en situacións de violencia de xénero.
Reaparece tras faltar tres días
A modelo de orixe somalí Waris Dirie declarou que non foi vítima de violencia durante os case tres días que estivo desaparecida en Bruxelas, pero non deu detalles do seu vagar pola capital belga. Wadis Dirie ía participar o mércores nunha conferencia na sede do Parlamento Europeo con motivo do Día Internacional da Muller.Tamén tiña previsto entrevistarse coa secretaria estadounidense de Estado.