Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Sociedade  |  RSS - Sociedade RSS

reportaxe

A crise económica resucita o troco, que agora se fai a través da rede

13.04.2009 As páxinas web sobre intercambio proliferaron no último ano, así como o número de usuarios, que pasaron de 50 a 1.000 diarios. O último, pagar o alugueiro dun cuarto cunha sesión de sexo semanal

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

FRANCISCO CARRIÓN EFE

A falta de cartos fai volver ó vello sistema do intercambio, pero agora no canto de ir ó mercado, faise na rede FOTO: Axencias
A falta de cartos fai volver ó vello sistema do intercambio, pero agora no canto de ir ó mercado, faise na rede
FOTO: Axencias

O troco, tan antigo como a propia humanidade, resucitou en plena crise económica a través de clubs e páxinas web que permiten o intercambio de obxectos, tempo e ata cama entre internautas de distintas zonas xeográficas. Unha bicicleta, un portátil, un reloxo, unha hora de idiomas ou de cociña española ou sexo..., todos son intercambios posibles grazas a varios portais de internet xurdidos no último ano.

"É unha forma de reutilizar e de lecer, de xogar con aquelas cousas que non teñen ningún sentido telas e ás que se lles pode sacar partido", explícalle a Efe Javier Fernández, un dos fundadores de Truequi.com.

Tras o rexistro, a web permite acceder ás ofertas publicadas por máis de 1.300 usuarios e poxar polo obxecto desexado propondo un material propio como contrapartida.

Ao mesmo tempo que os usuarios pechan o trato, os obxectos cambian virtualmente de dono e calquera pode, desde o seu computador, percorrer o itinerario do intercambio grazas a unha ferramenta de xeolocalización.

"A idea non é orientalo a un troco individual, senón xerar varias cadeas de trocos", asegura Fernández, e recorda como 14 intercambios despois, un canadense pasou de dispor dun clip a gozar dunha casa.

Segundo o seu promotor, "antes da crise había unha media de 50 visitas ó día, mentres que agora alcánzanse picos de 700 ou 1.000 accesos diarios".

Noutros portais como Kroonos.com, o obxecto do intercambio é o tempo, pois segundo Miguel Delgado, un dos seus creadores, necesítanse lugares nos que as persoas intercambien os seus coñecementos e habilidades e nos que a moeda de cambio sexa o tempo.

Entre os máis de 4.000 usuarios da plataforma, uns ofrécense para pasear o can ou coidalo se o dono vai de vacacións, outros para traducir a varios idiomas ou para impartir clases de retoque fotográfico, edición de vídeo ou guitarra.

Cada membro dispón dunha conta corrente con horas de tempo, que aumentan ó invitar a amigos e ó publicar ofertas e demandas, e paga polo servizo gozado a través dunha transferencia de horas.

Extramuros do mundo virtual, existen clubs de intercambio como a Asociación de Trueque de Baleares que, segundo lle explica a Efe unha das súas 200 socias, Shalabha Beltrán, "pretende que as horas de todos, con independencia da profesión ou do status, teña o mesmo valor".

Así, Shalabha imparte un curso de masaxes a cambio de dúas horas de traballo na súa propiedade, "por exemplo, pintando unha fiestra", e fala do troco como un xeito de fraternidade ou cooperación, na que se busca a satisfacción dunha demanda simplemente polo pracer de satisfacela".

Desde o seu ingreso, todos os socios contan cunha cartilla de 100 corazóns "para empezar a xogar" e intercambiar servizos co obxectivo de que "o seu número se manteña e non haxa pobreza nin riqueza".

Marcos (nome ficticio) entrou en contacto a través dun portal gay cun mozo que ofrece aloxamento no seu chalé de Madrid a cambio de sexo, levado "pola necesidade, porque non chego a fin de mes co meu soldo e non é dos máis baixos", recoñece.

Alugar un cuarto a cambio de manter relacións sexuais periódicas co propietario é outro dos modos de intercambio que apareceron á calor da rede "pola esixencia de agudizar o enxeño en tempos de crises", apunta o portavoz da Asociación Estatal de Profesionais da Sexología, Iván Rotella."Se queres cuarto e estás disposta a darme sexo unha vez por semana, é teu" escribe un mozo de 34 anos nun dos tantos anuncios publicados nun portal que, desinflada a burbulla inmobiliaria, decidiu abrirse a mercados máis orixinais.

Noutros casos, as mensaxes inclúen unha descrición do demandante: "Son un mozo de 24 anos, discreto, traballador, educado, delgado, tranquilo e de mente moi aberta". Hainos tamén que perfilan a oferta: "Sería sexo normal sen cousas raras e de mutuo acordo. Non importa demasiado como sexas ti, sempre que aceptes estas condicións"; e ademais, informan do valor do cuarto sen troco: 350 euros.

A comunicación é, segundo este sexólogo, un aspecto clave, pois "debe quedar meridianamente claro cales son os puntos do acordo e que é o que se vai facer, cando, como e onde para non violentar á outra persoa". Para lograr este entendemento, Rotella recomenda ter "un coñecemento previo que permita decidir se o outro cumpre algún dos requisitos persoais esixidos ó ter unha relación sexual", e advirte de que "se o caseiro ou a caseira non satisfán nin sequera eses mínimos, a relación será verdadeiramente dura".

"A súa alza tamén pode estar relacionada co feito de que o día a día nos permite pouco tempo para recrearnos e cultivar as relacións sexuais" suxire Rotella, que sinala que "vivir na casa facilita ter relacións sexuais sen acudir a profesionais ou saír a ligar".

"Nos momentos de crises pode xurdir a idea do troco, pero non prospera. En Arxentina naceron moitos centros de intercambio coa crise de 2001, pero moi poucos subsisten hoxe. Os beneficios de contar cun medio de intercambio son moitos como para volver ó troco" explica o profesor de economía da Universidade de Bos Aires Martín Krause.

Krause comentou: "O mundo actual está baseado no intercambio como nunca o estivo antes, só que utilizamos un medio para facilitalo" e cualifica de "primitivo" e "ine- ficiente" o sistema de troce, pois require atopar "alguén que venda o que eu quero e, ademais, que queira o que eu teño".

En cambio, o tamén arxentino José Luís Parra coordinador da área de Docencia e Investigación de Marxe, subliña que "internet propiciou a visibilidade de persoas así como de modelos, rompendo o illamento e xerando novos espazos de encontro". A actual conxuntura, segundo este profesor, "empuxa moitas persoas cara ás marxes e obrígaos a atopar alternativas para lograr a subsistencia". "Millóns de seres humanos, cada vez máis lonxe dunha vida digna, espectadores da destrución dos recursos naturais e explotados ata a escravitude, empéñanse en vivir", sostén Parra.

Para o responsable de Truequi.com, no entanto, en internet o troco é un complemento, pero "é moito dicir que sexa unha alternativa á economía actual".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS