Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
A organización Amnistía Internacional denunciou o réxime de incomunicación dalgúns detidos que existe en España, e criticou que a falta de transparencia se utilice "para ocultar violacións de dereitos humanos."
Amnistía Internacional fixo público onte o informe "España: Saír das sombras. É hora de pórlle fin á detención en réxime de incomunicación", no que lle reclama a España que poña fin á práctica da detención en réxime de incomunicación, por considerar que viola os dereitos das persoas que están privadas da súa liberdade.
"É inadmisible que na España actual unha persoa detida por calquera razón desapareza durante días, como tragada por un buraco negro", sinalou Nicola Duckworth, directora do Programa para Europa e Asia Central de Amnistía Internacional.
Amnistía recordou que a Lei de xulgamento criminal española permite manter unha persoa recluída en réxime de incomunicación ata cinco días en todos os casos e ata trece se é sospeitosa de delitos de terrorismo.
"Durante a súa detención en réxime de incomunicación, a persoa non pode falar cun avogado nin cun médico da súa elección", advertiu Nicola Duckworth nunha nota de prensa, ó tempo que asegurou que "moitas persoas" detidas en réxime de incomunicación afirman que foron sometidas a tortura ou malos tratos, "aínda que raras veces se investigan tales denuncias."