Venres 09.10.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Sociedade | O "mosquito", esa "arma antibotellón" que emite un zunido só audible por menores de 25 anos, xa non se "infiltrará" no botellón. A "presión social" obrigou a cancelar na cidade da Coruña a iniciativa coa que Chiu Longina, antropólogo e coordinador da plataforma escoitar.org, pretendía abrir o debate sobre a fenda entre adultos e mozos así como chamar a atención sobre un aparello que "demoniza" a xente nova e que, se ben se prohibiu en países como Bélxica ou Francia, en España "aínda é legal".
O propio protagonista da iniciativa explicou onte que, con todo, non foi unha experiencia de todo negativa a cancelación do proxecto pois o obxectivo está xa conseguido: abriuse un "debate brutal" que mesmo traspasou fronteiras.
Como alternativa, e ata que se celebre un debate sobre o botellón contemplado nesta iniciativa e previsto para o día 16, o "mosquito" instalouse no edificio do Concello para que o "escoite quen queira".
O proxecto concibiuse como "unha obra artística que pretende xerar o tan necesario debate de base nesta sociedade sobre a fenda entre mozos e adultos", explicaba onte, en pleno proceso de instalación Chiu Longina. A maiores, o artista pretendía "denunciar publicamente" esta clase de "dispositivos diabólicos que demonizan un rango de idade moi concreto, neste caso os mozos menores de 25 anos".
Con esa finalidade, Longina pretendía instalar o " mosquito", o mesmo que se vende en Gran Bretaña - país no que se colocaron xa 5.500 unidades- nunha zona pública da Coruña, "sen avisar". Para sorpresa do artista, tres días despois de anunciarse, "xerouse un debate tan brutal, coa implicación de todos os medios de comunicación estatais, que empezou a haber moita presión por parte da cidadanía, de asociacións pro defensa dos dereitos humanos, dos dereitos xuvenís, asociacións de pais..." preocupados por saber "que era esa arma diabólica que se ía usar contra os seus fillos".
Ante tanta presión, o Concello ofreceulle ao responsable de escoitar.org realizar algo semellante a unha performance "pasando polo botellón e preguntándolles aos mozos se lles doía a cabeza", pero a resposta foi, rotundamente, que non, porque "a única maneira de facer o ensaio para xerar ese debate brutal era facelo nas condicións orixinais, agochando o aparello, sen avisar".
Con todo, e malia denunciar a utilización do "mosquito", o artista quixo aclarar que " non é daniña". Simplemente é "un son que, a partir dos 25 anos e debido ao fenómeno coñecido como presbiacusia que envellece o pavillón acústico", non se pode escoitar, posto que "deixamos de ser sensibles", engade.
Foi entón, e tras a presión social, cando os responsables do proxecto decidiron que o dispositivo volvese de novo ao interior do edificio do Concello. "Eu pretendía como artista que transcendese, que fose útil, que servise para algo. E neste caso activou un debate non só a nivel nacional ou estatal, senón que chegou ata o sur de Francia, pois fixen entrevistas con radios francesas", relata. Así é que o "mosquito" vai estar instalado permanentemente, desde onte e ata o 16, nas dependencias do concello coruñés. Desmontarase cando, ese día, se celebre unha mesa redonda sobre o botellón e toda esta problemática, e na que participarán todas as partes implicadas: un urbanista, un sociólogo, un usuario do botellón, un damnificado un representante dunha asociación xuvenil "e o artista que provoca, que son eu", engade Longina.
Con todo, non hai mágoa na voz do artista. "O proxecto inicial, afortunadamente non puidemos cumprilo", pero o obxectivo si foi "un éxito rotundo". A finalidade de "xerar ese debate brutal a escala estatal é chamar a atención sobre o baleiro legal, porque este dispositivo é legal en España, está cumprido".
"O que promoviamos -engadiu- era a posibilidade de que se lexislase contra el". E agora congratúlase de que "este debate, que está en boca de todos, é posible que xere unha atención por parte dos lexisladores. Non creo que se instale despois disto. Desbordounos, felizmente".
En Francia, igual que ocorre en Bélxica, o uso do "mosquito" está prohibido. "Chegouse a instalar para disolver manifestacións e reunións de mozos, pero conseguiuse que se vetase por lei", relata Chiu.
Ata o de agora "en España non se instalou ningún. Houbo un intento en Toledo, hai un ano. Os veciños recadaron un euro cada un para conseguir instalalo, pero non se chegou a facer".