Domingo 18.10.2009
Hemeroteca web
|
RSS
As medidas represivas non son as máis axeitadas contra o botellón que tanto molesta os veciños da cidade da Coruña. Pola contra, desprazar os mozos a outros lugares lonxe das vivendas "pode ser unha solución". Con esta conclusión púxose punto e final a unha semana de reflexión ao redor do fenónemo do botellón impulsado polo artista galego Chiu Longina nunha controvertida iniciativa que, nacida no Outonarte 09 -comisariado por Nilo Casares- sacudiu conciencias e fixo estourar un debate "brutal": o uso do "mosquito", ese aparello que, cun zumbido só perceptible por menores de 25 anos, é utilizado en países como Gran Bretaña para disolver concentracións de xente nova.
O polémico aparello, prohibido en Francia e Bélxica pero legal en España, instalábase para o público hai unha semana no edificio do concello herculino. A intención orixinal da iniciativa de Longina era agochalo nalgunha das zonas de movida da Coruña para ver o resultado. Pero, lonxe do que a opinión pública entendeu como un motivo de alarma, non se trataba dun xeito de defender o aparello, senón todo o contrario: denunciar a "demonización" da xente nova, segundo o artista.
Tras o grande eco mediático e a presión veciñal, e co obxectivo inicial máis que conseguido - "xerouse un debate brutal"- o "mosquito" foi instalado á vista do público o 9 de outubro. Sete días despois, este venres, implicados e afectados do fenómeno do botellón sentaba a debater o fondo da problemática.
E malia as posturas encontradas houbo consenso. Principalmente á hora de recoñecer que "as medidas de represión non son as máis axeitadas contra o botellón", resumía onte, en declaracións a GALICIA HOXE, Chiu Longina.
As reunións de xente nova para beber alcol, concibidas como ese "rito de iniciación polo que todos pasamos" non se combaten con prohibicións. "Lembremos as consecuencias da Lei Seca americana e doutras leis europeas de principios do XX que fracasaron", defendeu Longina, que explicou como, no que respecta ás molestias que supoñen para os veciños, a conclusión á que chegaron é que "desprazando os mozos a outros lugares, lonxe das vivendas, podería solucionarse o problema". Pero, en todo caso, "queda ese problema de fondo, que non ten solución, relacionado coa voracidade e a sede da sociedade de consumo na que vivimos, que antepón o máximo beneficio á liberdade", engadiu Longina.
O debate contou coa participación de implicados, tanto por protagonistas como por afectados do botellón: Antón Laxe, da concellería de Mocidade, o sociólogo José Antonio López Rey, Rosa Quiroga, presidenta da asociación veciñal da zona histórica, e un mozo en representación da xente nova.