Mércores 02.12.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 1 de 9]noticia anterior de Sociedade Sociedade  |  RSS - Sociedade RSS

día mundial

Prohibido enfermos de Sida

Cincuenta e nove estados teñen leis que limitan a entrada ou residencia das persoas infectadas por VIH e 84 dispoñen de normas que obstaculizan a prevención e tratamento

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M.T. . SANTIAGO

Activistas do colectivo gay de Kenya nunha marcha onte en Nairobi FOTO: Felix Masi/EFE
Activistas do colectivo gay de Kenya nunha marcha onte en Nairobi
FOTO: Felix Masi/EFE

O presidente de EEUU, Barack Obama, anunciaba en outubro a fin da prohibición para os enfermos de sida de viaxar ao país, un veto vixente desde 1987 e ampliado en 1993, cando o Congreso de EEUU converteu o ser portador do VIH na única condición médica incluída de modo explícito nas leis de inmigración como impedimento para entrar no país.

Tamén China se sumaba este mes á alta da prohibición que obriga a foráneos que traballan ou estudan en China a facerse un test. A cláusula impúxose nos anos 80, cando o Goberno consideraba a enfermidade un mal estranxeiro, mentres decenas de miles dos seus cidadáns se contaxiaban dentro do país por causa dos negocios de compravenda de sangue ilegais.

Estados Unidos e China eran até o momento dous dos estados máis restritivos cos enfermos de sida, segundo leva anos denunciando Onusida. Os outros son Arabia Saudita, Qatar, Rusia, Sudán, Armenia, Brunei, Corea do Sur, Moldavia ou Iraq. Aínda que en total, 84 países dispoñen de leis e políticas que son un obstáculo á prevención, tratamento, atención e apoio eficaces do VIH, e outros 59 seguen tendo leis que limitan a entrada, estadía e residencia das persoas seropositivas, ou limitan a súa liberdade de movemento e dereito ao traballo.

No ano 2000, a Organización mundial do turismo calculou que ao día se producían 698 millóns de desprazamentos internacionais en todo o mundo. A maioría tradúcense en estadías curtas asociadas a viaxes turísticas, de negocios, conferencias ou a visitas familiares. En canto ás estadías prolongadas, a Organización internacional para as migracións (OIM) calcula que 175 millóns de migrantes viven e traballan na actualidade fóra dos seus países de orixe, o que constitúe o 2,9% da poboación mundial.

"As restricións para viaxar asociadas ao VIH, en especial por curtos períodos de tempo, demostran que a sida recibe un trato diferente", declarou o doutor Peter Piot, director executivo de Onusida, que engade: "Ningunha outra enfermidade lles impide ás persoas entrar a outros Estados en viaxes de negocios, turismo ou para asistir a unha conferencia. Ningunha outra enfermidade fai que as persoas teman que lles revisen a súa equipaxe na fronteira en busca de medicamentos que poidan ser usados para negarlles a entrada, ou o que é peor, para detelos ou deportalos".

Ademais de discriminatorias, estas restricións non son xustificábeis por razóns de saúde pública. "O VIH non debería considerarse unha ameaza para a saúde pública relacionada coas viaxes porque, aínda que o virus da inmunodeficiencia humana é contaxioso, non se transmite pola mera presenza dunha persoa seropositiva nun país", engade Piot.

Por outra banda, a exclusión de estranxeiros VIH-positivos aumenta o estigma e a discriminación dosafectados pola doenza dentro das fronterias do país, "e iso podería disuadir tanto a nacionais como a estranxeiros á hora de solicitar servizos de prevención e apoio relacionados co VIH". Así mesmo, estes impedimentos poderían fomentar que os cidadáns nacionais pensen que o VIH é un "problema do exterior" -como aconteceu en China- que se resolveu impedindo que entren os estranxeiros e, polo tanto, "que non sintan eles mesmos a necesidade de exercer un comportamento responsábel".

A creación do Equipo internacional de traballo sobre restricións para viaxar relacionadas co VIH, en marcha desde o ano pasado, supón unha gran oportunidade para chamar a atención das autoridades nacionais e internacionais sobre as limitacións para viaxar relacionadas co VIH e avanzar cara á súa eliminación.

 

"Calquera ataque aos gays éo á loita contra a sida"

Onusida pediulles onte aos gobernos que cesen de promulgar leis contra a homosexualidade xa que frean a eficacia dos programas de prevención e atención aos enfermos de sida. "Estas leis, que están en vigor ou están sendo estudadas nalgúns países, representan unha seria ameaza para os dereitos humanos e poderían impedir unha resposta eficaz contra a Sida", explica o presidente de Onusida, Michael Sidibé. Neste sentido, Sidibé, lembra que "a comunidade gai estivo sempre en primeira liña na loita mundial contra a sida. Como movemento social, a comunidade gai cambiou o concepto da sida, que deixou de ser unha enfermidade como calquera outra para ser unha cuestión de xustiza, dignidade, seguridade e dereitos humanos".

Por este motivo, considera que "calquera ataque á homosexualidade é un ataque á loita contra a sida e un impedimento máis para alcanzar as metas de coidado universal".

GALIZA

Diagnósticos de doenza, un 111 por cento menos que os de infección

A Consellería de Sanidade detectou en Galiza entre os anos 2004 e 2008 un total de 1.025 novos diagnósticos de infección polo VIH e 485 casos de sida, o que supón un 111 por cento máis de rexistros de infección que de enfermidade. A progresión anual da incidencia é bastante estable, aínda que rexistra un baixón significativo entre 2007 e 2008, pasando de 34,3 casos de Sida -por ano e por millón de habitantes- a 29,8. Esta situación despréndese dos datos do Sistema de Información Galego sobre a infección por VIH, feitos públicos por primeira vez a semana pasada, coincidindo co Día Mundial do sida, que se celebrou onte.

Sanidade alertou de que, no 68,3 por cento dos casos, a infección se produciu pola vía sexual -41,7 por cento asociado á heterosexualidade e un 26,6 por cento á transmisión por relacións homosexuais- o que "rompe claramente" coa idea "predominante" de que o contaxio tiña lugar, sobre todo, por compartir material de inxección entre drogodependentes, que supón a cuarta parte dos novos casos rexistrados.

Por outra banda, Sanidade resaltou que o 19 por cento dos novos diagnósticos de infección por VIH se rexistrou en persoas orixinarias doutros países. Por iso, destacou a necesidade de diversificar os programas de prevención para adaptalos á poboación inmigrante. Sobre as categorías de transmisión, os latinoamericanos están maioritariamente asociados ás relacións sexuais non protexidas (no 94 por cento dos casos), mentres que a maioría de estranxeiros europeos se infectaron por compartir material de inxección de drogas, e os que chegaron de África, infectáronse case todos por relacións heterosexuais non protexidas (no 93 por cento dos casos).

AS CERNAS

Os bispos do Simposio das Conferencias Episcopais de África e Madagascar (Secam) reiteraron onte o seu mantra de que a Sida non se supera coa distribución de preservativos senón "cunha adecuada educación moral da sexualidade humana, salientando a fidelidade conxugal".

Na súa mensaxe con motivo do Día Mundial da Loita contra a sida, os prelados engadiron que esta enfermidade non é "un simple problema médico" e alertaron de que os investimentos en fármacos "non son suficientes". "Con Benedito XVI, advertimos que o problema non pode ser superado resaltando exclusivamente ou principalmente a distribución de profilácticos", aseguraron. Neste sentido, propuxeron "unha estratexia baseada na educación á responsabilidade individual no cadro dunha visión moral da sexualidade humana". En particular, reiteran a importancia da fidelidade conxugal, que, na súa opinión, "pode ter un impacto real na prevención desta enfermidade".

Ademais, reivindicaron que "a Igrexa é a primeira na tarefa de afrontar o VIH en África e na asistencia das persoas seropositivas e enfermas de sida", e lamentaron como a sida continúa devastando as poboacións "a pesar de non ser xa un tema prioritario".

Discriminados no traballo

O novo secretario do Plan Nacional da sida, Tomás Hernández Fernández, anunciou onte a súa intención de "fortalecer" as liñas de traballo que mantén o Ministerio de Sanidade con sindicatos e empresarios para acabar coa discriminación laboral das persoas con VIH en España, onde "hai constancia de que isto ocorre. "As persoas con VIH foron e son discriminadas no ámbito laboral, hai constancia de que isto ocorre. Pero hai liñas de traballo establecidas e tamén moito interese para dar unha resposta adecuada".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS