Mércores 30.12.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Sociedade | As asociacións da Igrexa de Base de Galicia defenderon onte a consecución efectiva en España dun Estado laico, "independente" da Igrexa, e consideraron que os símbolos relixiosos, entre eles os crucifixos, deberían "desaparecer de forma lóxica e paulatina" dos centros escolares. Neste sentido, Miguel Fernández, en representación da Coordinadora de Crentes Galegos, considerou que a polémica pola retirada dos crucifixos das aulas "non ten sentido", dado que estes símbolos "deben desaparecer de forma lóxica e paulatina" dos centros, "xa que nun Estado laico non debe haber símbolos relixiosos nos ámbitos públicos". Con todo, a Coordinadora apostou por que esta eliminación sexa "natural" e non "imposta" e resaltou os beneficios da separación efectiva entre Estado e Igrexa que lles "daría liberdade de actuación e autonomía" a ambos.
Por outra banda, criticaron que desde a "xerarquía eclesiástica" se defenda "un só modelo de familia" e, como católicos, reclamaron que se aprenda a respectar todas as clases de familia" xa que "non existe un modelo único".
Nunha roda de prensa, a Coordinadora de Crentes Galegos presentou o Documento da Paz 2009, que resume a posición das asociacións de Igrexa de base en Galicia sobre a situación económica, política e relixiosa actual e os seus obxectivos de cara ó ano novo.
En concreto, o documento preocúpase nesta ocasión pola "situación de crise e paro" que vive o país e defende a propagación "doutro sistema" económico baseado na "banca ética", un movemento que durante 2010 a Igrexa de base galega apoiará e impulsará para a súa implantación definitiva na comunidade.
"O aforrador vai saber o que fai cos seus cartos"
Así, Miguel Fernández apostou por buscar un "sistema alternativo" de banca que invista os seus fondos "noutro tipo de proxectos" tales como iniciativas de autoemprego, formación e axuda ó de- senvolvemento. "Trátase dun concepto diferente, no que o aforrador sabe o que se vai facer co seu diñeiro", sinalou.
Polo demais, a "banca ética", protagonizada por iniciativas como O Peto en Santiago de Compostela ou Fiar no eido internacional, funciona como un banco tradicional.