Sábado 11.08.2007
Hemeroteca web
|
RSS
Política Galicia | O grupo municipal do BNG no Concello do Carballiño (Ourense) anunciou onte que lle solicitará ó alcalde desta localidade, o socialista Carlos Montes, que a Policía Local estea presente a partir de agora en todos os plenos, despois da agresión sufrida onte por un edil nacionalista, Xosé Dobarro, á saída da sesión plenaria.
O líder do BNG do Carballiño, Manuel Amil, asegurou que, tras estes feitos, o seu partido se sente "desamparado" e asegurou que o presunto agresor "participa activamente" nas campañas do Partido Socialista do municipio, aínda que admitiu descoñecer "se é militante ou non do grupo político". O incidente orixinouse no salón de plenos carballinés, cando o PP expuxo nunha moción a demora na tramitación do proxecto dun aparcadoiro xunto ó templo parroquial A Veracruz, que foi apoiada polo BNG, deixando en minoría o PSOE. Á saída da sesión, un home agrediu a Xosé Dobarro, quen presentou unha denuncia ante a Garda Civil. Manuel Amil asegurou que esta situación "que vén de atrás" nos plenos do Carballiño e explicou "xa se daba" na lexislatura anterior, na que se producían "frecuentes altercados entre o público e a oposición".
Así, explicou que se producían "murmurios" e, "en moitas ocasións, insultos" ó resto de concelleiros da oposición "por parte dun público afín ó Partido Socialista". "É alguén que se cadra non ten capacidade raciocinio polo que actúa deste xeito", esgrimiu Amil.