Hemeroteca web
|
RSS
Venres 09.05.2008
Luís González Blasco ‘Foz’ recibirá unha homenaxe en Compostela o próximo día 14, como recoñecemento dunha vida dedicada a combater a opresión, a explotación e a discriminación e como "símbolo da solidariedade irmandiña". O acto será no Instituto Arcebispo Xelmírez, onde impartiu clases, e nel intervirán, entre outros, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xesús Sanxoás, Margarita Ledo ou representantes do Sinn Fein ou UDB e actuarán Miro Casabella, Tino Baz, A Quenlla e Na Virada.
Os organizadores recordan a traxectoria profesional, intelectual e política de Foz, "sempre ligada ó Movemento de Liberación Nacional Galego e á causa das liberdades, sempre marcada pola coherencia dos seus ideais independentistas e revolucionarios".
Tamén comentan os seus primeiros anos de estudante fóra de Galicia, en Xixón e Madrid, onde entra en contacto co grupo ‘Brais Pinto’ e "esperta nel o galeguismo que levaba adormentado desde a infancia e adolescencia, narcotizado polo opio nacional-catolicista dos "carasoles", "montañas nevadas", "prietas as filas" e o terror colectivo garda civil".
Participou na redacción da Carta de Brest
A súa estancia en Madrid e o contacto con ‘Brais Pinto’ déronlle á súa personalidade os primeiros trazos nacionalistas e marxistas. Previamente, formara parte do Consello da Mocidade (62-63) do que foi expulsado "polo sector coñecido piñeirista", xunto cun grupo de mozos acusados de comunistas, que fundan ó ano seguinte a Unión do Pobo Galego (UPG). Exiliado en 1968, ata 1974 "será o promotor principal" da organización de núcleos da UPG en Francia, Holanda, Reino Unido, Italia, Suíza ou Alemaña e participa na redacción da Carta de Brest, "que tivo unha enorme transcendencia política en toda Europa ó denunciar os réximes fascistas e a opresión colonialista das nacións sen Estado".
A súa estancia en Portugal para conectar coas forzas revolucionarias e os refuxiados galegos marca a súa idea dun Portugal inseparable dos intereses nacionais galegos e do reintegracionismo lingüístico. Á volta do exilio, abandona a UPG na súa primeira escisión e participa noutros proxectos ligados ó independentismo, como a FPG (1987) e a APU e dirixe gran parte do seu traballo intelectual á investigación lingüística e á docencia.
