Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| FOTO: Causa Galiza |
Santiago Mendes Rodrigues, Crístofer Machado Ibañez, Carlos Pena Neto e Alexandre Bolívar Esteves, militantes de NÓS-Unidade Popular os catro, foron detidos onte en Vigo por membros da Policía Nacional tras a manifestación convocada por Causa Galiza e que pola mañá discorreu polas rúas da cidade olívica a favor da autodeterminación galega e contra a Constitución Española, aproveitando a celebración do 6 de decembro. A marcha, á que acudiron máis de 500 persoas, segundo a organización, e menos de cen, segundo a Policía Local, rematou coa lectura dun manifesto e cuns encarapuchados que levaban un retrato en madeira do Rei Juan Carlos e que queimaron.
Vinte minutos despois de concluír a protesta, foron detidas as catro persoas como presuntos autores da queima. "Cremos que había axentes da policía secreta na manifestación", declaron fontes vinculadas ó independentismo galego.
Para apoiar os detidos, NÓS-UP convocou, apoiados por Causa Galiza, unha concentración ás 17.30 horas de onte diante da comisaría de policía das Travesas, onde, segundo a organización, se xuntaron máis de 120 persoas durante boa parte da tarde-noite. Os soberanistas reclamaban así a posta en liberdade dos detidos e denunciaron que o acontecido é "unha mostra máis das carencias democráticas deste estado monárquico e español que Galiza padece, onde se deteñen persoas por participar en manifestacións autodeterministas, coa escusa de arder unha figura de madeira como repulsa á monarquia vitalicia e antidemocrática española". NÓS-UP considera que as detencións son "un abuso contra os dereitos de expresión e manifestación".
Á hora de peche deste periódico, nada se sabía sobre os catro apresados, que permanecían, supostamente, na citada comisaría, e ós que se lles podería acusar de "inxurias á Coroa". Á parte da queima da figura do Rei, a manifestación de onte pola mañá discorreu sen ningún problema.
Normalidade no resto da manifestación
Partiu pasadas as 12.30 horas da mañá da Vía Norte da cidade olívica e rematou ás 13.45 horas na praza da Princesa, onde Pilar González e Braulio Amaro leron un manifesto en contra da Carta Magna de 1978, por considerar que foi un texto "imposto", que é o "cadro xurídico, político e administrativo para a opresión de Galicia", e por "prohibir expresamente o exercicio do dereito de autodeterminación", nun acto no que non se rexistraron incidentes.
No manifesto fixeron referencia á necesidade de que "o movemento polos dereitos nacionais galegos se rearticule e se rearme", e á autodeterminación como "única garantía democrática fronte á imposición constitucional".
Causa Galiza criticou o papel "españolista" dos dous partidos maioritarios e dos "nacionalistas tépedos, que falan coa boca pequena e tatexan reivindicacións mínimas". "Nunca a palabra política estivo tan deslexitimada", denunciaron. Tamén se referiron á actuación dos "grandes poderes económicos e políticos "inimigos da soberanía galega" e que, segundo Causa Galiza, pretenden "a privatización do territorio, a turistificación, o recorte de dereitos dos traballadores e a economía do cazo".
Campaña dos mozos do BNG pola autodeterminación
A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, comezou onte, aproveitando o Día da Constitución, unha campaña que leva o lema "Somos galegos, somos galegas, que non decidan por nós. Polo dereito de autodeterminación". A campaña está enmarcada dentro da defensa da organización de que se modifique a concepción unitaria do Estado e se recoñezan as nacións que existen nel, como a galega, a través dun estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe.
Dende a organización xuvenil pretenden con esta actuación dar resposta ás necesidades dos galeggos, "poñendo os nosos intereses por diante e deseñando dende Galiza o noso presente e futuro para poder deste xeito paliar moitos dos problemas en emprego, transporte ou ensino que a día de hoxe padecen a mocidade galega e a sociedade galega no seu conxunto, polo feito de estar supeditado a políticas definidas desde o goberno central que poucas veces teñen en conta as nosas verdadeiras necesidades", segundo defende a propia secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi Ferradás.
Aboi enfatizou que o que se reivindica "é un dos máis elementais dereitos democráticos, como que un pobo teña recoñecido o dereito a decidir sobre o seu propio futuro".
Defende que "se ten demostrado que o actual marco esta esgotado xa que non satisface as nosas aspiracións, nin as nosas necesidades" e por iso aposta "por un cambio de modelo que se concrete no dereito que temos de decidir as galegas e galegos, porque ninguén mellor ca nós pode gobernar a nosa casa".
Causa Galiza
"Rexeitamos a Constitución Española por ser o cadro para a presión da Galiza, a expotación dos traballadores e prohibir o dereito á autodeterminación".