Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28

O deputado do PPdeG, Xesús Palmou, expuxo onte unha interpelación no Parlamento galego para lograr un pacto pola xustiza, que permita establecer medidas que solucionen a situación de pendencia dos xulgados galegos.
No debate, no entanto, non foi apoiado por PSdeG e BNG, que instaron os populares para impulsar unha reforma do Estatuto de Galicia. Así, o conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu, felicitou o PP por sumarse á "cultura dos pactos", claro que considera necesario saber se isto tamén o aplicarán para reformar o texto estatutario. A deputada socialista Beatriz Sestayo incidiu neste tema, asegurando que "o pacto en materia de Xustiza era o Estatuto de Autonomía", que o PP boicoteou.
Pola súa banda, o deputado do BNG, Iago Tabarés, considerou fundamental o acordo para un novo Estatuto, que podería favorecer a creación dun Consello Xudicial Galego para abordar estes problemas.
O asunto da xustiza, no debate parlamentario, tornouse nun cruzamento de acusacións e comparativas entre os gobernos do PP e o actual bipartito. A xuízo de Palmou, urxe pór en marcha 33 novas unidades xudiciais (17 xulgados e 19 prazas de maxistrados) así como elevar os xulgados específicos de violencia de xénero. É, indica, a demanda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tamén aludiu a que 32.000 asuntos que antes eran infraccións administrativas agora van pola vía penal, a través das reformas de Tráfico, o que aumenta a saturación dos xulgados. Palmou pide, novas unidades xudiciais -entre elas un xulgado mercantil para Vigo-, e máis edificios xudiciais.
Pola súa banda, o conselleiro, Méndez Romeu, reprochoulle aos populares e en concreto a Palmou que, no seu período como conselleiro, a pendencia era superior á actual. Ademais, sinalou, co PP en España e Galicia creáronse 18 unidades xudiciais, "tres a iniciativa de vostede", con alusión a Palmou; mentres que co PSOE en ambos os gobernos van, coas previstas agora, "44 unidades xudiciais".
Tabarés reprochoulles aos populares a súa falta de rigor en materia de xustiza e acusounos de responsabilizar ao "bipartito" de cuestións que dependen do Ministerio de Xustiza. Respecto das críticas de Palmou, que sinalaba que non hai Consellería de Xustiza, Tabarés recordou que a comunidade nunca tivo tal Consellería pero lle espetou que "un dous seus mellores anos" como conselleiro (dixo a Palmou) obtivo peores resultados "que na actualidade".
44 unidades xudiciais con Zapatero e 18 con Aznar
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, contrapuxo onte as 44 unidades xudiciais creadas en Galicia dende que goberna en Madrid José Luis Rodríguez Zapatero coas 18 logradas no anterior cuadrienio cun executivo do PP.
Así o recordou tras denunciar o deputado do PP Xesús Palmou -e conselleiro de Xustiza na anterior Xunta- que "fronte a unhas necesidades de 39 novas unidades xudiciais" para a Comunidade galega, en 2009 o Goberno autonómico prevé conseguir "nove".
Ademais, ante a reiterada petición do parlamentario popular de crear de novo unha Consellería de Xustiza, o actual titular de Presidencia recriminoulle que na súa etapa non priorizara as súas competencias nesta materia e recordou que o actual bipartito "incrementou un 50 por cento" o presuposto para a Xustiza respecto das últimas contas elaboradas polo PP.
Por outra banda, Xesús Palmou replicoulle ao conselleiro que crease unha comisión, con 43 membros, para coñecer o estado da Xustiza en Galicia, pero que aínda non se reuniu" e avanzou que non o fará porque a intención da consellería é "utilizala electoralmente".
Na súa intervención final Méndez Romeu volveu desautorizar a xestión de Palmou cando era conselleiro de Xustiza e acusouno de practicar "a referencia fronte aos togados e a indiferenza fronte aos administrados". "Así o condecoraron. Noraboa", concluíu.
Xesús Palmou
"Hai 32.000 asuntos que antes eran infraccións administrativas e agora van pola vía penal, o que satura aínda máis os xulgados"
J. L. Méndez Romeu
"No período de Palmou como conselleiros, a pendencia era superior á actual. Co PP, creáronse 18 unidades xudiciais, co PSOE, 44"
