Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Política Galicia  |  RSS - Política Galicia RSS

comicios

O Bloque deseña unha campaña en positivo para ata os que falan español

11.01.2009 O Consello Nacional do BNG aproba, cun apoio do 85%, as candidaturas e o programa co que concorrerá ós comicios do 1 de marzo ·· Quintana asegura que Ánxela Bugallo segue sendo unha "destacada membro" da fronte e afirma que se non está nas listas é por mor do "proceso democrático" seguido na elección

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN E AXENCIAS . SANTIAGO

Anxo Quintana, acompañado por Suárez Canal e Teresa Táboas, á esquerda, e Ana Pontón e Fernando Blanco
Anxo Quintana, acompañado por Suárez Canal e Teresa Táboas, á esquerda, e Ana Pontón e Fernando Blanco

O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, adiantou onte que o BNG fará unha "campaña en positivo" na que presentará as súas propostas á "maioría social do país, ós que son nacionalistas e ós que non o son, ós que falan en galego e ós que falan en castelán", para ofrecerlles unha alternativa nacional galega, de progreso, benestar e orgullo da identidade, da cultura e do idioma".

Quintana informou de que o Consello Nacional celebrado onte aprobou con "case o 85%" dos apoios ás listas e o programa electoral da formación, de forma que dá por iniciada a precampaña cara ás eleccións galegas do 1 de marzo. Así, asegurou que a aposta do BNG é por unha "campaña en positivo e de propostas", polo que recomendou que "ninguén espere descualificacións das propostas dos demais".

O líder nacionalista emprazou a ambos os dous partidos a "aproveitar" as visitas dos seus líderes estatais -Mariano Rajoy (PP), onte en Lugo, e José Luis Rodríguez Zapatero (PSdeG), hoxe en Ourense-, para facer as súas propostas sobre a reforma do Estatuto, por exemplo. "Sería unha gran noticia que nos enchería a todos de ilusión que o señor Rajoy nos anuncie que vai retirar o seu bloqueo ao novo estatuto e o señor Zapatero diga claro e alto que lle vai recoñecer a Galicia o mesmo status que recoñeceu para Cataluña", resumiu.

Quintana prometeu que o BNG afondará nos cambios levados a cabo nesta lexislatura e defendeu que as listas electorais son "froito dun proceso democrático", no que os militantes foron "moi participativos" e co que se mostrou "unha gran cohesión" no seo da formación. En canto á ausencia da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, nas listas, o líder do BNG trasladou a decisión ás propostas das bisbarras e asegurou que "segue sendo unha destacada membro do BNG".

A POLÉMICA

"Eles verán", di sobre o debate a dous

Anxo Quintana advertiu onte de que se hai un debate a dous entre os líderes do PPdeG e do PSdeG, Alberto Núñez Feijóo e Emilio Pérez Touriño respectivamente, "non pasa nada" para o BNG, xa que os que "van quedar nunha situación moi difícil de explicar" serán tanto os organizadores como os participantes. En resposta a preguntas dos xornalistas acerca das declaracións de Touriño, que indicou o venres que debaterá "de todas as formas necesarias", o tamén vicepresidente da Xunta insistiu en que a sociedade "non "vai entender" un cara a cara no que "falta un", polo que dixo que "eles verán". "Adiante", afirmou o voceiro nacional do BNG, en relación con esta posibilidade. Así, agregou que el acudirá a "todos os debates" aos que sexa invitado porque "é unha norma democrática do BNG".

A UPG MANDA

Ana Pontón ocupa o posto da responsable de Cultura

A Executiva do BNG deseñou, tras as propostas das asembleas comarcais, unhas listas electorais que presentan un 30% de nomes que non apareceran nos postos de saída das galegas de 2005.

Pontevedra é a provincia con máis novidades, cunha lista encabezada pola conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, á que lle segue un membro da UPG da comarca de Vigo, Henrique Viéitez. De número 3, Carme Adán; 4, Bieito Lobeira; 5, Carme da Silva; 6, Xosé Ramón Paz; 7, Montse Prado Cores; 8, Roberto Mera; 9, Iria Aboi; e 10, Xosé Manuel Méndez Díaz.

A lista da Coruña está encabezada por Quintana e, de número dous, no posto que no 2005 ocupou Ánxela Bugallo, agora vai a deputada Ana Pontón, tamén da UPG. Carlos Aymerich ocupa o terceiro posto e Ana Luisa Bouza, unha das grandes novidades, o cuarto. O 5 é para Fernando Blanco Parga; 6, Pura Ferreño;. 7, Manuel Antelo; 8, Dominga Brión; 9, Xosé Regueira; e 10, Rosário Fernández Velho.

A candidatura de Lugo encabézaa o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, ó que lle seguen Isabel Sánchez Montenegro, Manuel Parga Núñez, Esther López Rodríguez, Balbino Fernández López e Cristina Ferreiro López.

En Ourense, a lista lidéraa o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e Iago Tabarés (deputado e cabeza de lista no 2005) vai para o terceiro posto. O segundo é para Tareixa Paz e o resto complétanos Isabel Gacio, Anxo Collarte Pérez e Tereixa Devesa.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS