Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Feijóo, no exterior da residencia oficial do presidente da Xunta, en Monte Pío, tras reunirse con Touriño, o 3 de abril, para abordar o traspaso de poderes FOTO: Antonio Hernández |
Alberto Núñez Feijóo converterase en presidente da Xunta esta semana e mañá comezará a sesión de investidura durante a que o líder do PPdeG comprometerse coa "austeridade e o traballo" e a "gobernar para todos os galegos". Co seu discurso, aspira a que PSdeG e BNG reflexionen antes de que decidan o sentido dos seus votos.
Será mañá cando o presidente dos populares de Galicia pronuncie sen límite de tempo a súa declaración para ser proclamado xefe do Executivo autonómico. Nas súas palabras, segundo avanzou tras ser ratificado como candidato á Presidencia, Feijóo argumentará a necesidade dun goberno "responsable, valente e serio", polo que prometerá "responsabilidade, sacrificio e dedicación". Do mesmo xeito, Feijóo debuxará as liñas do seu goberno, que "non só será para os votantes do PP, senón tamén para a inmensa maioría dos galegos", e que responderá ás características de "responsable, valente e serio" como "sinais de identidade". Así mesmo, explicará "máis en detalle" o seu programa electoral e incidirá na necesidade do "diálogo" para abordar asuntos considerados de país.
Tras 48 horas de reflexión, o xoves retomarase o pleno á mesma hora na que conclúa o martes. Os tres grupos que conforman a Cámara autonómica exporán as súas posturas en senllas primeiras quendas de 45 minutos para intervir. A este respecto, fontes parlamentarias indicaron que os socialistas aproveitarán o seu discurso para explicar que a súa oposición será "seria, responsable e intensa" e coa "vocación de empezar a traballar desde xa para recupera o goberno da Xunta". Este obxectivo tamén é o do BNG, que describiu o seu labor como grupo fóra do Goberno como "moi duro e rigoroso", e coa mirada posta nos próximos catro anos. O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruiz Rivas, avanzou que primeiro escoitará o discurso da oposición e, en función deles, pronunciarase.
"Se a súa estratexia é a de pechar páxina e iniciar páxina, ben", explicou Ruiz Rivas, tras o que avisou de que se continúa (a oposición) coas súas declaracións na liña dos últimos días, verase "obrigado a deixalos no seu sitio e pór os puntos sobre os is". "As cousas empezan dunha forma que é previsible que haxa que contestar, e non me gustaría que fose un exame do bipartito", advertiu Ruiz Rivas, quen interpretou que socialistas e nacionalistas "están buscando escusas", á vez que asumiron un papel de oposición "anticipadamente".
Feijóo poderá responder con tempo ilimitado de novo e haberá unha contrarréplica de 15 minutos para as tres forzas políticas do hemiciclo, mentres que o futuro presidente disporá dos minutos que estime para culminar as súas palabras.
Finalmente, procederase á votación do candidato á Presidencia da Xunta, que PSdeG e BNG non apoiarán. Segundo avanzou o portavoz do grupo nacionalista, Carlos Aymerich, o BNG votará "en contra", aínda que os deputados do Bloque ratificarán esta decisión o mércores. En todo caso, Feijóo ten o aval dos 38 deputados populares, que lle outorgan a maioría suficiente para ser elixido presidente do Goberno na primeira votación.
Hernández encargará un informe para demostrar que cumpriu a lei
O deputado do PPdeG Agustín Hernández encargaralle hoxe a un avogado independente un informe para demostrar que cumpriu coa Lei de incompatibilidades de 1996 e entregarao "esta mesma semana" na Consellería de Presidencia, que é a que "en teoría abriu a investigación", indicou o PPdeG. Este departamento abriu un expediente para establecer se foi legal que Hernández traballase, tras abandonar a Consellería de Política Territorial debido ó cambio de Goberno de 2005, para unha empresa á que esta área adxudicara obras.
O PP reprochou, na nota de prensa remitida onte, que a investigación aberta na Xunta por este caso "aínda non lle foi notificada" a Hernández, a pesar de que "coñecen perfectamente o seu domicilio de traballo". Así mesmo considerou "indigna" a actitude do Goberno da Xunta en funcións porque demostra, a xuízo do PPdeG, que o bipartito "non sabe encaixar a derrota electoral" e pretende "manchar" o traballo demostrado polo deputado ó longo de traxectoria profesional.
O PP reiterou a súa pregunta acerca de por que o presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, non denunciou hai tres anos a situación do deputado "tendo en conta que coñecía a vinculación coa empresa Serycosa". Así, lamentou que PSdeG e BNG utilicen o Goberno "con fins partidistas" e dean informacións "coma se o informe estivese concluído antes de empezar".
A toma de posesión, no Obradoiro e con gaitas
Esta próximo sábado, 18 de abril, o líder do PPdeG tomará posesión como presidente da Xunta despois de que a xefa do Lexislativo, Pilar Rojo, informe á súa Maxestade o Rei. Ademais, o pleno solemne de apertura da lexislatura será o martes día 21 no Pazo do Hórreo.
O acto de posesión celebrarase, como habitualmente, na compostelá praza do Obradoiro, na que se reunirán unhas tres mil persoas, con gaiteiros, pero nun acto austero. Núñez Feijóo agardará logo uns días para nomear ós conselleiros do seu goberno.