Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
A plataforma social e política Causa Galiza convocou unha manifestación en Santiago para este sábado, 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia, na que defenderá a "soberanía nacional" da comunidade para afrontar a crise económica mundial. A manifestación convocada por esta plataforma, que agrupa diferentes correntes políticas independentistas, como FPG, Movemento pola Base, Nós-UP ou o Partido Comunista do Povo Galego, sairá ás 13.00 horas da Alameda de Santiago, -xusto unha hora despois de que o faga do mesmo lugar a manifestación convocada polo BNG-. A xornada reivindicativa de Causa Galiza seguirá despois cunha comida popular no parque de Belvís, onde tamén se desenvolverá un programa de actividades culturais, políticas e deportivas. O xantar do Bloque, pola súa banda, e como todos os anos, será na carballeira de Santa Susana, no campus sur compostelán.
O portavoz de Causa Galiza, Pedro Alonso, explicou onte que o lema da manifestación -a terceira consecutiva organizada pola plataforma- será "Contra a crise do capital, soberanía nacional", xa que, segundo el, a crise económica está afectando a "sectores estratéxicos básicos" de Galicia, como é o caso da pesca, o lácteo ou o do metal, entre outros. Alonso amosouse optimista e calculou que esperan xustar neste Día da Patria 2009 a ó redor de 1.500 persoas.
Núñez Feijóo é "negativo"
O portavoz de "Causa Galiza" valorou como "tremendamente negativos" estes primeiros cen días de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia que están a piques de cumprirse, e manifestou que a plataforma, "enraizada nos valores da esquerda", resistirá os "intentos do Partido Popular de diluír a identidade nacional galega".