Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Política Galicia  |  RSS - Política Galicia RSS

militante do PP

“Ao goberno de Feijóo fáltalle galeguismo”, advirte Rafael Cuiña

14.10.2009 Denuncia que o goberno de Feijóo “non é o suficientemente galeguista” e que o peso que ten o seu sector no partido é “practicamente ningún”, pero admite que “os que gañaron o congreso do PPdeG foron outros e hai que aceptalo democraticamente e seguir loitando polas túas ideas”

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R.C.B. . SANTIAGO

Rafael Cuiña é un destacado empresario lalinense e sempre aclara que non quere cargos políticos
Rafael Cuiña é un destacado empresario lalinense e sempre aclara que non quere cargos políticos

Rafael Cuiña (Lalín, 1972). Cursou estudos de Dereito e actualmente é un destacado empresario na comarca do Deza. Escribe artigos de opinión en Vieiros, é militante do PPdeG e fillo do xa falecido ex secretario xeral do partido e eterno delfín de Manuel Fraga ata que a crise interna o levou por diante, Xosé Cuiña Crespo. Como o seu pai, declárase abertamente galeguista e por iso estará na manifestación deste domingo a favor do idioma propio da nosa terra, para lanzarlle unha chamada de atención ó actual goberno de Alberto Núñez Feijóo.

 

É vostede un dos impulsores da Plataforma Prolingua, ou polo menos, un dos membros visibles...

Visible si, pero son un máis.

 

Como se decidiu a formar parte desta plataforma? Creo que llo propuxeron Xabier P. Docampo e Xavier Alcalá...

Si, efectivamente, reunímonos en Compostela; contáronme o seu proxecto, que coincidía co meu pensamento político con respecto á lingua, e moi honrado estou de que me convidasen.

 

A súa adhesión foi das que causou máis sorpresa. Certo é que hai outros militantes políticos integrados, –como Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, do BNG, ou Xosé Luis Rodríguez do PSdeG–, pero non do PPdeG...

Se estiveramos nun país no que determinadas cousas fosen normais non causaría tanta sorpresa. Ademais, eu estou a título persoal, non representando a ningún partido.

 

Que quere dicir con que se determinadas cousas fosen
normais?

Que se ten que ver como absolutamente normal o feito de que alguén, independentemente da súa militancia, poida coincidir con xente
doutros estratos ideóloxicos en defensa de algo básico como é a cultura deste país.

 

Digamos que hai unha submisión excesiva dos militantes cara ó seu partido...

Si, pero eu sempre digo, tanto en ProLingua como cando escribo columnas de opinión, que me represento a min mesmo, a ninguén máis nin a ningún partido. Eu non teño ningún cargo nin quero telo, actúo no ámbito persoal, pero mediaticamente parece que ten relevancia e eu encatando de atender ós medios sempre.

 

Que é o galego para vostede? Cal é o problema?

Estamos nun momento no que determinados poderes fácticos están facendo presións, para min sempre digo que obscenas, contra a promoción do galego, da lingua nai desta terra, e eu revélome contra iso. O galego non ten por que estar en ningún caso en inferioridade co castelán, e máis aínda sendo a lingua orixinaria desta terra. Revélome contra iso que eu sempre chamo as pseudoelites que están obsesionadas con que os seus fillos aprendan o castelán porque consideran o galego unha lingua de rango inferior, cando non para algúns tamén un dialecto.

 

Realmente, na sociedade galega hai conflito lingüístico?

Se non existise non estariamos a falar disto. Isto pasa sobre todo nas cidades. Eu móvome moito polo rural galego, vivo en Lalín, e ti vas por calquera aldea, fálaslles de conflito lingüístico e alucinan, porque pensan que non existe iso, para eles sempre foi o normal falar galego, aínda que tamén falan castelán. É cousa das cidades e de determinados grupos de presión, que falan de liberdade lingüística cando en realidade son monolingües castelanistas.

Vai estar obviamente na manifestación do domingo. Terá un papel activo nela? Xa se sabe quen vai ler os comunicados?

Quero deixar ben claro que vou a título persoal, que non teño especial interese en destacar nin en ter papeis protagonistas e irei con amigos como un máis. Si é certo que algún partido me chamou por se quería ir coa súa pancarta. Declinei a invitación, agradecéndoa, porque eu non estou nesa tesitura. Intentarei ir co meu fillo maior, que ten tres anos, se pode ser, e como un pai máis preocupado por este tema.

 

Esta é unha manifestación a prol do galego e en contra da política lingüística que está a levar a cabo o PPdeG na Xunta. Vostede milita nese partido...

Estou en calquera movemento a favor do galego. A miña modesta presenza é sempre positivista, eu non vou en contra de ninguén senón a favor do galego.

 

Pero a política que está a facer o PPdeG na Xunta non é precisamente a favor do galego...

Xa vexo por onde queres tirar. (Risas). Maniféstome constantemente dicindo que hai un problema que o está causando moita xente, sobre todo os que presionan a este goberno. Este goberno aínda non fixo o decreto. Pero o que si quero deixar claro é que se hai unha persoa por currículo, capacidade, e preparada para facer un bo decreto do galego ese é Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística. Esperemos que así sexa.

 

Parece que está un pouco presionado por Galicia
Bilingüe...

Eu o que leo de Galicia Bilingüe é que o poñen a parir, bo sinal para os que apoiamos a Anxo Lorenzo.

 

Vostede declárase galeguista abertamente...

Aberta e absolutamente.

 

O galeguismo vai máis aló da lingua. Que balance faría a nivel xeral destes cinco meses de goberno do PPdeG na Xunta?

Polo que vexo non houbo de momento grandes cambios. Supoño que será especialmente complicado gobernar nun contexto de crise como a que hai e as valoracións haberá que facelas máis adiante.

Está aí o concurso eólico e cousas así que chaman máis a atención mediaticamente, pero tampouco hai un tema polo que digamos que houbo unha ruptura absoluta co que se viña vendo.

 

Cre que é suficientemente galeguista este goberno?

Evidentemente, creo que non. O Partido Popular é un partido no que hai todo tipo de sensibilidades, incluído no goberno actual claro.

 

Seguen sobrevivindo dúas familias dentro do PPdeG...

Iso era máis antes que agora. Eu sempre digo que teño o meu máximo respecto político e aprecio persoal polo presidente Feijóo, aínda que eu, evidentemente, estou noutra liña, na liña máis galeguista, pero desde logo ten todo o meu respecto persoal.

 

Que peso teñen os galeguistas hoxe dentro do PPdeG?

Practicamente ningún.

 

E isto debería cambiar?

A algúns gustaríanos que si, pero como calquera funcionamento democrático, os que gañaron lexitimamente o congreso foron outros e hai que aceptalo democraticamente e seguir loitando polas túas ideas, con humildade pero con decisión.

 

Séntese gladiador, como Xosé Cuiña?

Non. En absoluto. Eu síntome unha persoa que sempre responde cando lle preguntan. Síntome comprometido co ideario galeguista e intento poñer o meu ínfimo grao de area para axudar a esa causa. Pero non teño ningunha aspiración persoal.

 

Todo este sentir galeguista vén herdado de seu pai...

Algo supoño que si. El era un galeguista e eu mameino na casa.

 

Galeguista e nacionalista tamén, porque é dos poucos populares que defenden que Galicia é unha nación...

A min non me importa que me chamen nacionalista, pero non son independentista. Desde o punto de vista de dotrina política, que alguén me quixese poñer dentro dun nacionalismo de centro-dereita admitiríao perfectamente. Non se pode pensar que os nacionalistas teñen cornos e rabo. Son xente normal. O nacionalismo non o hai só de esquerdas, tamén o hai de centro-dereita e hai moitas sensibilidades en Galicia, o que pasa é que ó mellor non están enfocadas nun proxecto político determinado.

 

¿Como está a ver todos os escándalos relacionados coa trama ‘Gürtel’?

Eu do que non sei non opino.

 

Pero non se deberían depurar responsabilidades dentro do PPdeG?

Aí hai moito de mediático e no que non me incumbe non me quero meter, porque non teño información.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS