Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A sala do Hotel Compostela ficou pequena o sábado para acoller a toda a xente que participou na Rolda de Rebeldía FOTO: Ramón Escuredo |
"Non nos pareceu de recibo participar nun encontro onde ían discutir forzas que son do BNG e forzas que son de fóra. Non ten lóxica, sobre todo porque se incluía xente que ten demostrado o seu pouco aprezo polo Bloque. De feito, quen foi quedou abraiado co que escoitou. Entendemos que iso non ía ser un foro de reflexión política, senón que tiña unha parte moi autodestrutiva e a UPG, polo respecto que lle temos ó Bloque, vimos absurdo ir. Cada un pode ter os seus puntos de vista, pero discutir cos de fóra estando dentro... tería unhas repercusións públicas, e aí está a nosa responsabilidade". Así lle explicaba onte Roberto Vilameá, secretario de Organización da UPG, a GH a decisión da formación maioritaria que integra o Bloque de non participar na Rolda de Rebeldía que congregou o sábado en Compostela a centos de persoas vinculadas á esquerda nacionalista e social do país co fin de debater sobre a "inoperatividade" dos partidos clásicos e a necesidade dunha maior comunicación entre as partes.
A xuntanza impulsada polo Encontro Irmandiño, a corrente que tamén integra o Bloque e que lidera Xosé Manuel Beiras, aumenta aínda máis o afastamento interno entre Beiras e a UPG e incluso Máis BNG.
Os de Francisco Rodríguez non ven con bos ollos que Beiras impulsase un foro de inscrición aberta. "Nunha organización seria que lle ten querencia ó proxecto común, as cousas non se fan así", insiste Vilameá, quen aproveitou para reprocharlle a Beiras que "dentro do BNG hai unha comisión de estratexia, que se creou a proposta do EI e que preside el precisamente e nunca se convocou, aí é onde podemos discutir todo o que queira".
Tampouco na corrente liderada por Carlos Aymerich sentou ben a iniciativa irmandiña. Alegando unha afonía, o portavoz parlamentario do BNG decidiu non acudir á chamada. No seu lugar e representando a Máis BNG estivo Xoán Bascuas, unha das poucas voces que se escoitaron na Rolda defendendo que o Bloque segue a ser un instrumento útil. Onte Bascuas aseguráballe a este periódico que valora "positivamente calquera foro de reflexión crítica e construtiva da esquerda e do nacionalismo". "A Rolda de Rebeldía veu desenvolver un traballo que as axendas políticas impiden que se poida executar, e é poder pararse e pensar", engade. Bascuas considerou que na Rolda "houbo críticas ó BNG, algunhas que poden estar ben argumentadas, pero quedaron aí. Creo que se está correndo o risco de sacrilizar a idea dos movementos sociais e fálase dunha crise ligada ó BNG cando é unha crise que desde a década dos anos 60 está cuñando a esquerda, o modelo económico, o modelo de estado e a formulación dos modelos organizativos dos partidos", advirte.
A unión co independentismo non senta nada ben
Bascuas di que se Máis BNG aceptou participar nese foro foi porque "dialogamos con todo o mundo", pero advertiu a Beiras de que "os debates que afectan ó BNG teñen que darse no seo do BNG", aínda que "é certo que para que unha organización estea viva ten que escoitar os axentes sociais".
Segundo puido saber GH, no entorno de Aymerich son bastante críticos co que se formulou na Rolda de Rebeldía. "Aí o que se postulou é algo parecido a empezar de novo o nacionalismo independentista porque Beiras se deu conta de que non ten cabida dentro do BNG ou está a quedar fóra del", aseguran fontes consultadas. "Máis BNG segue mirando para o Bloque, non sei se o EI tamén ou mira máis para fóra", afirman. Non obstante ven importante que Máis BNG estivera no foro que "prentendía ser un acto de certificación da morte do BNG", porque "ía ser o único que defendera ó Bloque" alí. Aínda así, aclaran que un acto así nunca o impulsarían eles. "Temos como referentes sociais outro tipo de persoas".
Fontes internas tamén aseguran que a día de hoxe a situación entre os irmandiños e a UPG é de "tirar a dar". Afirman que as relacións entre Beiras e Paco Rodríguez son cada vez máis tensas, tanto no Consello Nacional como noutros ámbitos internos, facéndose contrapropostas acotío.
"A xente reclama foros abertos, non ridículas asembleas"
Desde a comisión organizadora da Rolda de Rebeldía, Manoel Santos fixo onte unha primeira valoración "moi positiva" do sábado, aínda que emprazou a agardar unhas semanas para unha análise de conxunto. Asegura que a cita "foi máis alá das expectativas". De feito, a sala do hotel quedou pequena para os asistentes que, ademais, colaboraron voluntariamente para sufragar os gastos acarreados para poder celebrar a xuntanza. "Minusvaloramos as ganas que ten a xente de falar e os poucos foros de expresión política que ten. A xente reclama foros de expresión política abertos, non ridículas asembleas onde se debate unha frasiña dun texto xa creado,", denuncia.
Santos destaca como positivo que todo o mundo puido falar o que quixo e que "se lle dedicou ó público máis do 60% do tempo", para insistir en que o do sábado foi un "primeiro paso" que seguirá.
Xa como opinión persoal, ó redor da situación interna que se dá no BNG, o director de Altermundo explica que "a Rolda existe porque hai unha desvinculación absoluta entre a esquerda social e a esquerda política e o BNG é moi responsable disto, aínda que non é o único". Santos tamén aclara que "Beiras fixo alusións mínimas ó BNG, pero dixo algo que é evidente, que é que o BNG non cumpriu coas expectativas e enriba está ensimesmado e négase a admitilo botándolle a culpa da derrota electoral a outros. O BNG podería aprender moito e debería haber máis dirixentes alí para que por unha vez escoitaran a xente". Tamén considera que "a actitude da dirección do BNG coa Rolda foi "desleal". "Dáme a impresión de que a Rolda acadou unha dimensións mediáticas e de participación da xente que molestaron a certos sectores da dirección".
A escisión non está na mesa
Fontes do EI aseguran que "é unha mágoa" que a UPG non estivera na Rolda e que Máis BNG "mandara a un de segunda fila". Tamén afirman que na axenda do EI a curto prazo non está abandonar o BNG, pero si está o "non calar", xa que "os estatutos do BNG recollen que a discrepancia interna se pode facer pública". "O BNG é tamén o EI e por que imos abandonar o Bloque? Que o abadonen eles que son os que levan o BNG a mal porto", din. Desde Máis BNG, cren que "se no Bloque somos tan malos e tan vendidos ó sistema fai tempo que tiñan que estar fóra. A incoherencia cométena eles", engaden.