Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Política Galicia  |  RSS - Política Galicia RSS

en clave interna

Beiras chama á UPG a meditar: "Non falar cos de fóra é enclaustrar o BNG"

04.02.2010 O líder irmandiño defende que a Rolda de Rebeldía foi un "éxito" porque logrou "recuperar" a interlocución do nacionalismo político cos movementos sociais e superar "desconfianzas" ·· Insta a dirección do Bloque para aproveitar a oportunidade para "restablecer a conexión" cos cidadáns

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R.C.B.

Xosé Manuel Beiras, cantando a Internacional, o sábado, na Rolda FOTO: Rolda de Rebeldía
Xosé Manuel Beiras, cantando a Internacional, o sábado, na Rolda
FOTO: Rolda de Rebeldía

O ex portavoz nacional do BNG e líder do Encontro Irmandiño, -corrente crítica coa dirección do Bloque e integrada dentro da fronte-, fíxolle onte un chamamento a todas as sensibilidades que forman parte da organización política hexemónica do nacionalismo galego para reflexionar. Logo do "éxito" de convocatoria e de propostas e de diálogo que tivo o sábado a Rolda de Rebeldía, Beiras contesta, en declaracións a GH, ás acusacións vertidas onte pola UPG, e aínda que non tan abertamente, por Máis BNG, ó respecto do encontro que reuniu a gran parte da esquerda política transformadora e social do país.

O histórico dirixente defende que o que pretendía a "arriscada" Rolda de Rebeldía era "recuperar a interlocución cos movementos sociais". "Cada quen pode ter a súa opinión sobre eles, pero existen", advirte. O EI puxo en marcha este "difícil" proceso no outono pasado, consciente das "reticencias" e "suspicacias" iniciais por parte dos movementos sociais do país, que "desconfiaban" dos irmandiños como corrente política que é.

Beiras lembra que o Encontro Irmandiño, "desde o día seguinte das eleccións" que levaron a Feijóo á presidencia da Xunta en marzo pasado, defendeu pública e internamente que "o BNG debía recuperar a interlocución cos movementos sociais que non están dentro das organizacións estritas en conexión co Bloque". Como a dirección do BNG optou por non facelo, o EI tomou a iniciativa "coidando moito as formas".

A quince días da xuntanza en Compostela, había máis de medio centro de achegas de textos para o debate e máis de 200 persoas inscritas e a xornada celebrada o sábado pasado foi "un éxito absoluto".

Beiras defende que tres cuartas partes do tempo dedicado ó diálogo "non foron debates con cargos políticos" e que "a temática das forzas políticas saíu porque unha das cuestións que se trataban era a relación entre os movementos sociais e as organizacións políticas, algo que se está debatindo en todo o planeta hoxe". "Iso foi o que saíu e non se pode dicir, se non se estivo alí, que as sesións estivesen centradas en atacar o BNG".

Na última xeira, na que participaron o propio Beiras, e tamén Carlos Bascuas de Máis BNG e os independentistas Mariano Abalo e Carlos Morais, "houbo un debate moi vivo" e saiu o Bloque de novo. "É lóxico que o BNG fose obxecto de análise e crítica tendo en conta que foi no último tercio do século XX a organización política que suscitaba máis empatía por parte da cidadanía que asume a cuestión nacional galega, que actuaba suscitando o diálogo na democracia participativa e que cambiou de actitude, especialmente no período en que participou no goberno da Xunta".

Para Beiras, o máis "importante" da Rolda foi "que se disiparon as suspicacias e a desconfianza" dos movementos sociais e se chegou "a un punto no que xa hai un clima distinto para poder continuar o diálogo con eles na procura de fórmulas e metodoloxías para articular esa relación".

El defende que o EI non pretende sacar disto protagonismo nin capitalizalo politicamente. "Trátase de contribuír a que ese diálogo continúe e que permita ir articulando bases de confianza recíproca e que sexan ademais aproveitables polas demais forzas e polo propio BNG para restablecer esa conexión", explica.

 

Difícil de entender as posicións de Paco Rodríguez

Cre que os nexos perdidos entre o Bloque e a sociedade só se poden recuperar "mediante diálogo moi franco, moi aberto, sen prexuízos e sen suspicacias e sen negarse a falar, porque se se considera que non se pode falar con quen estea fora da órbita dunha organización política determinada daquela evidentemente o que se fai é enclaustrarse. Se no BNG se leva tempo dicindo que hai que abrirse á sociedade, logo, que pasa, que os movementos sociais non forman parte da sociedade? É que hai que a abrirse ós cidadáns dunha maneira xenérica, en abstracto e non establecer diálogo con ningún grupo de cidadáns organizados nin plataformas ou movementos cívicos que non estean dentro da organización política? Iso resulta dificil de comprender", dille Beiras á UPG, que rexeitou estar na Rolda porque era un foro aberto.

A POLÉMICA

"É certo que non puxen a andar a comisión de estratexia"

Beiras recoñeceu onte que, tal e como critica a UPG, "eu non puxen a andar a comisión de estratexia do BNG" na fronte. Roberto Vilameá botoulle en cara ó líder do EI que non use os instrumentos internos que ten a fronte para debater e o faga publicamente con partidos e asociacións de fóra. Beiras quixo "agradecerlle" ó portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que o ano pasado o propuxera a el para presidir dita comisión interna. Non obstante, asegura de que despois de aceptar a tarefa "aconteceron cousas tanto na liña política seguida polo BNG como na miña relación en debates internos que me fixeron cuestionar se tiña sentido que asumise esa labor". "Agora estou nun proceso de reflexión para decidir qué fago", confesa. Beiras insiste en que "non pretendo ter a razón" sempre, pero "si que polo menos haxa internamente un diálogo". Nun inicio, Beiras pretendía que esa comisión fose "moi aberta", e que poidese contemplar "reunións de traballo con persoas que non son membros do BNG pero teñen cousas que achegar".

"Estamos dentro e actuamos dentro"

Considera que a Rolda de Rebeldía non ten por qué afectar á relación entre o EI e o resto do BNG. "O EI, en canto corrente do BNG, está dentro do BNG e actúa dentro do BNG", aclara Beiras, para matizar que, "se propostas que facemos para as relacións do BNG co tecido asociativo non son aceptadas na fronte, nós non por iso podemos estar coartados para facelo pola nosa conta".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS