Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] España  |  RSS - España RSS

congreso

Unha de ironía clásica

13.12.2007 Zapatero bótalle en cara ao candidato do PP a contradición de que "un presidente de León" defenda máis o galego que un "líder da oposición que é de Galicia"

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

FAX PRESS/EUROPA PRESS . MADRID

Cun evidente ambiente de fin de curso, a penúltima sesión de control ao Goberno da lexislatura transcorreu onte para mostrar a fenda que separa o Goberno e o PP na visión do modelo de Estado e na estratexia antiterrorista, a pesar de que a pregunta de Mariano Rajoy ao xefe do Executivo estaba relacionada coa economía.

Foi a unha interpelación do portavoz do PNV, Josu Erkoreka, sobre o seu "proxecto de convivencia" para os cidadáns "que non senten a España como a súa nación", cando Rodríguez Zapatero ofreceu a súa aposta, se gaña as eleccións, para garantir a convivencia con nacionalistas vascos, cataláns e galegos.

O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, defendeu este mércores que o "respecto á pluralidade de identidades" é a mellor forma de garantir a convivencia.

Zapatero, que recorreu ás reflexións do ex presidente do PNV, Josu Jon Imaz, asegurou que "a mellor convivencia é o respecto á pluralidade de identidades, os acordos amplos entre os que non senten a mesma identidade, como a garantía para uns e para outros e garantía de liberdade e democracia".

"Citei a Imaz, alegou o presidente, porque comparto as súas ideas e para que non se lles esqueza a vostedes", díxolle ao seu interlocutor.

O presidente leu unha cita de Imaz na que este afirmaba crer "nunha Euscadi na que os diferentes sentimentos de pertenza convivan compartindo un proxecto de país".

Erkoreka, quen considerou que as palabras do presidente adoecían de "ambigüidade", recalcou que quen queira que ocupe o seu escano na próxima lexislatura seguirá a defender as aspiracións "da maioría dos vascos que inclúen o pleno recoñecemento de Euscadi como nación".

 

"Que sigamos cada un nos escanos que temos"

O portavoz do PNV afirmou descoñecer tanto se el mesmo como o presidente do Goberno volverán ocupar o seu escano na próxima lexislatura. "O meu desexo é que sigamos cada un nos escanos que temos", foi a resposta de Zapatero.

Ademais, Erkoreka lamentou non estar no "selecto grupo de privilexiados" aos que o presidente do Goberno lanzou "un reto" para debater antes das eleccións. "Sempre estou disposto a debater con vostede", replicoulle.

Esta resposta do presidente, e outra ao portavoz do BNG sobre o sinal da televisión portuguesa en Galicia, provocou un irónico cruzamento de palabras entre Zapatero e Rajoy, quen preguntaba sobre as previsións económicas do Goberno.

O líder do PP expresou a súa sorpresa porque Zapatero compartise tese con Imaz. "Talvez se converteu vostede nun nacionalista", ironizou, antes de advertir que o presidente estivese máis preocupado de que o portugués chegue a Galicia que de que o castelán se poida utilizar en toda España. "A súa primeira obrigación era garantir que os galegos puidesen estudar en castelán", espetoulle Rajoy.

Zapatero remachouno expresando a contradición que, ao seu xuízo, supón que "un presidente de León" defenda máis o galego que un "líder da oposición que é de Galicia". "Isto si que é sorprendente, o cal di moito do que entendemos cada un polo respecto á identidade de cada comunidade autónoma", insistiu o presidente do Goberno, quen aproveitou a ocasión para dicirlle a Rajoy que o seu desexo de comentar as preguntas doutros portavoces se debe ao seu "discurso errado sobre a cohesión, vertebración e futuro de España". "

Acebes-Zaplana enfróntanse á vicepresidenta De la Vega

O secretario xeral do PP, Ángel Acebes, apelou á "división entre españois", á "negociación con ETA" e á "incerteza ecónomica" como o "legado" do Goberno. Pero ademais considerou "un abuso e unha vergonza" que o Executivo gaste 38 millóns de euros nos dous últimos meses en concepto de publicidade institucional baixo "a marca Goberno de España".

"As súas palabras, contestoulle a vicepresidenta, teñen o peso do fume negro". "Vostede perdeu e volverá perder, non nos dea gato por lebre", sentenciou.

Á publicidade institucional referiuse tamén o portavoz parlamentario do PP, Eduardo Zaplana, quen cifrou en 1.000 millóns de euros o gasto nesta materia na lexislatura. Pero foi Zaplana quen levou de novo ao hemiciclo a política antiterrorista ao lamentar que antonte "esta Cámara por cuarta vez non quixo pechar a porta ó dialogo con ETA".

"Que pouco lles dura a vostedes volver utilizar a violencia de forma partidista. É verdadeiramente lamentábel", contestou De la Vega.

OUTRA PREGUNTA

Salgado pide ser "máis respectuosos"

A ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, afirmou onte que actualmente non hai un "problema con valores e símbolos constitucionais que non se dera antes" da presente lexislatura, polo que acusou o PP de "intentar amplificalos con alarmas infundadas, introducindo irresponsabelmente na confrontación política o que sempre estivo fóra dela e debería seguir estando".

Salgado respondeu así unha interpelación urxente do deputado do PP Jorge Fernández Díaz, sobre as medidas que adoptou e pensa adoptar o Goberno para fortalecer os valores e símbolos que unen os españois. Neste sentido, a ministra acusou o deputado de defender un "conto cargado de ruído e esaxeracións", e recalcou que "a dereita adoita recorrer a visións apocalípticas".

Pola súa banda, Fernández Díaz, defendeu que a idea de España do PP é a que "se ve reflectida" na Constitución, "non a da II República, ese réxime que acabou nunha guerra civil e que tan presente estivo nesta lexislatura", nin tampouco a da Lei de memoria histórica "que quere romper coa Transición e reabrir feridas e divisións que se crían xa cicatrizadas". Reclamou liberdade para os pais para elixir colexios para os seus fillos, para que os nenos sexan educados na súa lingua materna en calquera parte do Estado, "en castelán, que é a lingua oficial". Ademais, criticou que nalgúns territorios se eduque "a algúns nenos para odiar a España".

Na súa segunda intervención, Salgado salientou que España é agora un "país con máis benestar e democracia" e realizou un "chamamento á cordura" dos integrantes do PP, a quen lle solicitou que sexan "máis respectuosos".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS