Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 21.03.2012

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

Marcha en defensa da Serra do Suído

Os participantes reclámanlle á Xunta que amplíe o espazo da Rede Natura

Solpor na serra do Suído - FOTO: NOUCHO
Solpor na serra do Suído - FOTO: NOUCHO

SANTIAGO. EP  | 18.03.2012 
A- A+

A Asemblea do Suído, integrante da Federación Ecoloxista Galega, convocou unha marcha en defensa da serra que leva o seu nome para este domingo 18 de marzo.

Os asistentes percorrerán diferentes puntos do espazo natural saíndo da Praza do Mestre Cerviño, en Covelo (Pontevedra), ás 10.00 e a chegada será ás 18.00 horas.

O seu obxectivo é reclamar á Xunta que amplíe o espazo da Rede Natura 2000 na Serra do Suído, así como a área de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) do río Tea, en Covelo (Pontevedra).

DESCRIPCIÓN DO LUGAR (Wikipedia)

A Serra do Home

Intúense refuxios do paleolítico, e cóntase con presenza de mámoas do período megalítico. A serra do Suído tivo e ten unha grande importancia para os labregos que viven as súas beiras. Aínda hoxe se poden ver os chozos do Suído, que durante séculos foron usados polos poboadores de case tódalas parroquias do concello de Avión. Alá levaban o gando nos veráns, aos sitios que os labregos lles chaman sesteiros: unhas zonas case que reservadas para o gando de cada aldea. Aínda hoxe existen o sesteiro da Abelenda, do Rodeiro, dos Boeixos, e de case que todos os pobos do arredor. Pódense ver os chozos subindo por unha estrada que se atopa en Neva, ou por outra que hai no lugar de Mangüeiro ou indo do Espiñeiro, na parroquia da Amiudal cara á Hedreira. Existen tamén foxos de lobo.

No alto da serra, vindo de Beariz cara a Pontevedra, está a Portela da Cruz. Nela pódense atopar vestixios dun camiño moi antigo, chamado a Verea, que era unha vía de comunicación moi importante para toda a zona, xa que atravesa todo o Suído e chega ou chegaba cando menos a Graña, xa en Pontevedra. Suponse que foi parte dun camiño real que se enlazaba con outros que unían Castela e Euskadi, rematando na Coruña.

Xeoloxía

Predominan as rochas de orixe metamórfica, especialmente o granito herciano ben visible nos afloramentos froito da perda dos sedimentos que os cubrían, aínda que tamén se atopan rochas estratificadas como os xistos. As formas son dondas e suaves con numerosos chans nas elevacións (Chan do Libro, Chan de Valdohome, Campo Largo...).

Solos ácidos e húmidos onde nacen os ríos Tea, Oitavén e Verdugo cara ao oeste, e o Río Avia cara ao Leste. Todos eles baixan en rápidos e fervenzas de gran beleza como a fervenza de Mouriscados ou Abelenda, a freixa do Xesta ou alto Oitavén e a fervenza de Verducido.

O punto máis elevado é a Sesta Cerrada con 1059 metros de altitude. Existen outros puntos que sobardan os mil metros de altitude como o Coto dos Xarotos ou o Portiño Escuro. Albíscanse uns certos efectos periglaciais como as turbeiras e a degradación das rochas por cuña de xeo. Estamos ante a zona máis chuviosa de Galicia onde as precipitacións chegan aos 2862 mm de media.

Hábitats

A media ladeira consérvanse fragas autóctonas de gran valor con carballos, cerquiños e bidueiros, rascacús, loureiros, sobreiras e acivros. Máis arriba, aparecen interesantes formacións herbosas, pasteiros, matogueiras, poulas, queirugas, uces, piornos e, sobre todo, toxo cuxas chumusas tinguen de amarelo os seus chans e as súas abas. Nas turbeiras encóntranse brións como o esfagno e tamén as curiosas orballiñas, diminutas plantas carnívoras que nas súas pegañentas follas atrapan pequenos insectos.

Existe unha gran riqueza floral: narciso, paxariños, xunca de algodón, amerelle, dente de can, abrótega, xacinto bravo, violeta, quitamerendas. Entre os mamíferos ademais da raposa, a lontra, o teixugo, a xeneta, o xabarín e o gato bravo, salienta o dominio do lobo. Existe unha grande variedade de morcegos. A avifauna é dunha enorme variedade (miñatos, tartarañas, falcóns, bubelas, merlo rubio, lavandeiras, aguia albela...) chegando a encontrarse exemplares de aguia real e bufo real. Entre os réptiles débese citar o sapiño pinto, a estroza, a ra vermella, a víbora de seoane, o limpafontes, a saramaganta, a píntega ou a cobra de auga.

Os parques eólicos supuxeron unha grave afección aos hábitats do Suído, malia ser un espazo natural a protexer segundo as normas subsidiarias e complementarias de planeamento de 1991.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS