Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Os transportistas galegos reivindicaron onte que as administracións convoquen unha mesa de diálogo do sector, para negociar a posibilidade de desconvocar o paro que manteñen desde o pasado 1 de febreiro.
O portavoz da Plataforma para a Defensa do sector Transportes, Antonio Llanos, indicou que segue estudando emprender accións legais porque consideran dumping, unha práctica "non consentida" pola Unión Europea, que algúns transportistas estean traballando por baixo dos custos de explotación. Neste sentido, Llanos denunciou que existen acordos de prezos e indicou que o Tribunal Galego da Competencia pode "oporse" a estes pactos e limitar os prezos, "por arriba e por abaixo".
O portavoz da Plataforma reprochoulles ás administracións que os "ignoren" e non fagan un chamamento ó diálogo, porque "somos pacíficos", pero ameazou con "colapsar" as estradas "se é necesario". Ademais sinalou que a situación está agora "peor" que cando se convocou o paro, debido ó incremento do prezo do carburante e á maior presión recadatoria e reiterou que "antes de 90 días" haberá un paro total en todo o Estado do transporte por estrada.
O representante dos transportistas indicou que o paro, que é "asimétrico", non implica "parar os camións" e indicou que os profesionais galegos, que nun 87 por cento apoian a protesta, están dando servizo ás empresas, fundamentalmente lácteas, que incrementaron os prezos.
No caso doutras compañías, de conglomerado de madeira ou siderúrxicas, que mantiveron os prezos "ruinosos", o servizo préstano transportistas "foráneos" e "algún de aquí", que están identificados e contra os que estudan accións legais.
Llanos pediu, ademais, un trato "digno" para os transportistas, que se ven "obrigados" a cargar e descargar os camións.