Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Economía  |  RSS - Economía RSS

especialista en desregulación financeira

Vigueras: "O FMI é o menos indicado para prever que pasará cando non soubo ver o que chegaba"

12.12.2008 Con catro libros ás costas, este profesor non dubida en situar a orixe da crise financeira na "opacidade coa que operan as entidades bancarias" grazas á falta de control e á existencia de paraísos financeiros. "Na medida en que isto non se resolva non regresará a confianza"

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

DIEGO E. BARROS . SANTIAGO

Hernández Vigueras, nun momento da entrevista, onte, no Clube Internacional de Prensa de Compostela
Hernández Vigueras, nun momento da entrevista, onte, no Clube Internacional de Prensa de Compostela

Juan Hernández Vigueras impartiu onte unha conferencia en Santiago na que presentou o seu libro La Europa opaca de las finanzas, no que analiza o efecto dos territorios offshore (zonas fóra dos límites da lexislación financeira e fiscal), máis coñecidos como paraísos fiscais no sistema financeiro internacional. Unha incidencia "negativa" en tanto que, na súa opinión, estes teñen moito que ver coa orixe da actual crise económica. "Estes sitios proporcionan sombra e iso é algo que está moi cotizado no mundo das finanzas", di.

 

Que é exactamente un territorio offshore e como funciona?

Son estados onde se poden ter contas sen ser residentes, e para o cal, hai unha serie de privilexios como a escasa fiscalidade. O que ofrecen é a posibilidade de facer operacións sen que se coñeza a identidade de quen a fai. O segredo está en que na partida económica, os demais xogadores non saben cales son as túas cartas operando desde estes lugares. E esta é a raíz da crise actual.

 

En que sentido?

No escurantismo que envolve todo o sistema financeiro pola falta de control. É o sistema de operar da gran banca internacional, na sombra, comezando polos bancos de investimentos norteamericanos coa creación de filiais nestes territorios e operar a través destes. A partir de aquí, créanse as operacións financeiras das que agora todos coñecemos os seus nomes raros como as famosas subprimes, ou os chamados fondos "de alto risco, ou "de investimento libre". Operacións que non figuraban na contabilidade dos bancos até que o negocio foi a pique. Algúns dixeron que a crise iría solucionándose na medida en que se desmontara esa banca na sombra, pero a realidade é que isto non foi eliminado e por iso seguen os problemas a pesar de que se nacionalizaran bancos e que os gobernos lles desen garantías ás entidades. Segue sen haber crédito e todas estas axudas non se trasladaron á economía real, o que quere dicir que os bancos seguen a desconfiar entre eles pois descoñecen cal é a posición de solvencia ou insolvencia da outra parte. Porque boa parte das súas contas segue pasando polos chamados paraísos fiscais. Na medida en que isto non se resolva non volverá a confianza.

Canto capital sae de España cara a estes países?

É difícil sabelo. O Observatorio de Responsabilidade Social publicou un informe a principios deste ano no que sinalaba que máis da metade das empresas que cotizan no Ibex 35 e toda a banca española traballaba cos paraísos fiscais. A Comisión Europea ten dito que se descoñece a canto ascende a evasión fiscal nos países membros xestionada a través destes centros.

 

Fálase agora da necesidade de máis control e coordinación sobre os mercados. Serve de algo se non se actúa sobre estes lugares?

Dificilmente. A raíz está aquí. O demais son consecuencias e efectos. O señor Trichet (presidente do BCE) parece que descubría o outro día que o Euríbor non baixa a pesar de que o BCE recorte os tipos de interese. A boas horas. O que está claro é a dificultade dos gobernos europeos para encarar as dificultades dunha crise económica orixinada por unha crise financeira, algo que ás veces se tende a confundir. Se non imos á orixe, pouco se poderá facer.

 

Por que a resposta até o momento é apontoar a banca e non esixirlle un cambio de funcionamento?

Iso non o podo dicir eu.

Considera as medidas tomadas como axeitadas?

Eu creo que se trata dunha especie de socialismo. Un socialismo para ricos no sentido en que como a crise é tan gorda agora será o sistema o que se faga cargo das perdas. O sistema somos todos, e a mensaxe é que ou facemos isto ou afundimos todos. Un argumento que se mantén porque aínda ninguén presentou medidas que vaian máis aló de paliar efectos. O demais son malos agoiros que alimentan o medo, sen que haxa un diagnóstico claro.

 

Algo que non se produxo e que seguimos esperando.

A pregunta é por qué o Fondo Monetario Internacional, en vez de sacar, día si, día tamén, malos agoiros sobre as economías como a española, non nos di o por que da orixe desta situación? Precisamente o FMI é o menos lexitimado hoxe para falar da crise, cando en marzo dixo que o peor xa pasara. Resulta que agora fai prognósticos e di que sabe o que vai pasar no futuro cando antes foi incapaz de previr o que viña encima.Por que é a Comisión Europea a que fala dun tema que non controla e para o que nin sequera ten competencias? En Europa non existe organismo responsable das bolsas ou da banca. O BCE limítase a prestar e emitir moeda. Préstalles diñeiro a bancos que despois foron rescatados, o que quere dicir que non mira as contas de ninguén. Precisamente o Fondo Monetario Internacional é o menos lexitimado hoxe para falar da crise.

 

Non obstante, EEUU ten estes órganos e non parece que lles vaia moito mellor.

Non, pero por diferentes razóns a posteriori. Esquecemos que EEUU é un estado e en termos financeiros conta cun só Goberno. A existencia dun mercado sen Goberno é a grande debilidade da Unión Europea. Europa controla fronteiras e agricultura, por dar exemplos, pero financeiramente esta definida como un espazo libre para o capital. Isto é o que explica a corte de paraísos fiscais que rodean a UE e que viven dela.

 

Ningún banco español resultou afectado que saibamos.

Iso é así, até agora o que pode demostrar que o Banco de España exerceu un control contable mellor que o seu homólogo alemán. Pero tamén é certo que a banca española ten filiais que escapan a este control. O problema é que se avalan bancos e o crédito non flúe. Se non ocorre é porque os gobernos non controlan o funcionamento da economía. E iso pasa porque desde hai unha década estes evitaron desempeñar o seu papel deixándolle liberdade ao mercado. Agora é o Goberno o que ofrece unha poxa para intentar restablecer o crédito e faino porque non existe unha banca pública que puido evitar todo isto.

 

Por agora non hai máis que declaracións sobre o control financeiro.

Hai que saír deste razoamento que non conduce a ningures. A UE non existe como unidade. Reunión tras reunión non hai institución que responda á situación. Dase a receita: Poñamos máis gasto e recortemos impostos, o que será discutible ou non. Pero a realidade é que cada país aplica isto como lle dá a gana coa consecuente competencia entre membros. Estamos no sálvese quen poida.

 

Falouse dunha "reinvención do capitalismo". É posible?

O problema desa frase é que houbo xente que a creu. O seu autor, (Nicolás Sarkozy) en lugar de abordar os problemas da UE, porque só tiña seis meses sacouse un lema e un cumio bonito. Pasou o tempo e xa non queda nada. Que hai máis aló do capitalismo e do libre mercado? Coido que nada.

O PERFIL

Doutor en Dereito, e procedente do mundo directivo empresarial, Hernández Vigueras leva tempo investigando a opacidade do sistema financeiro e a súa falta de regulación, o que permite a existencia de territorios offshore. Na súa opinión de aí saíron os chamados produtos tóxicos que hoxe contaminan o sistema, "porque aí estaban agochados". Os mesmos que impiden "coñecer até onde chega a crise. No seu último libro, La Europa opaca de las finanzas, ataca a falta dun organismo regulador con competencias sobre o sistema que substitúa a descoordinación evidenciada polos membros da Unión Europea. Pese a todo, desconfía dos informes que falan dos apocalipses que quedan por vir e amósase optimista sobre a situación española. "Tardarase un tempo, pero o principal é que había un problema, a chamada burbulla inmobiliaria, algo que era previsible que picase, que agora está a corrixirse", explica. Sobre canto haberá que esperar é tallante: "Non me corresponde a min dicilo".

 

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS