Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
Nun acto presidido polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e que tamén contou coa asistencia do subdirector xeral do Libro da Xunta de Galicia, Daniel Buján, Alvarellos Editora inaugurou onte a súa nova sede en Compostela, no número 4 da rúa Sempre en Galiza. Trinta e dous anos despois da súa fundación en Lugo, a empresa consolida -en palabras do seu director, Herique Alvarellos- "a súa nova etapa", iniciada hai cinco anos xa na capital de Galicia cando, tras o falecemento do fundador, Enrique Alvarellos, pai do actual director.
Henrique Alvarellos definiu a súa empresa como unha industria cultural de "pequenos editores pero grandes libros". "Un proxecto editorial", engadiu, "que é un negocio difícil sometido hoxe a moitas incógnicas como a dos libros dixitais e as novas formas de presentar a lectura e o libro, pero que por riba de todo está presidido pola vocación, a inspiración, o traballo duro e a ilusión de futuro".
Con respecto á súa vinculación actual coa cidade de Compostela, Henrique sinalou que "agora Alvarellos Editora ten dúas matrias: Lugo inesquecible e Santiago de futuro".
Finalmente, fixo fincapé no obxectivo principal dunha empresa editora: "Localizar e sacar á luz bos contidos, os mellores contidos. Con esta premisa, os formatos nos que se vendan (papel, e-book, ou o que veña) serán secundarios".
Aproveitando a inauguración desta nova sede, Henrique Alvarellos mostrou a colección de máquinas de escribir antigas herdada de seu pai, un conxunto de 150 pezas considerada das máis completas de España, con modelos que van dende finais do século XIX ata os anos oitenta do século pasado. Unha parte deles expóñense nas novas oficinas da empresa. Alvarellos anunciou o inicio de xestións por parte da súa editorial para conseguir que esta colección poida ser exhibida ao público, ben sexa nunha mostra temporal ou como museo permanente.