Venres 10.09.2010  | Actualizado 21.55      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

libro

"Pioneiro e construtor"

28.11.2009 A ASPG e a Universidade da Coruña publican as actas do congreso "Manuel María: literatura e nación", celebrado no 2005

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. DOPICO . SANTIAGO

"Manuel María, pioneiro e construtor principal da literatura galega, após a guerra civil, alimentou a planta desde abaixo, nun teimoso combate contra o silencio e o ocultamento de nós, da nosa personalidade colectiva, das nosas creacións, da nosa cultura, do noso idioma." Son palabras que a filóloga Pilar García Negro escribiu no epílogo de Manuel María: Literatura e nación, o libro que recolle as actas do congreso do mesmo título celebrado na Coruña no 2005.

Editado pola Universidade da Coruña e a Asociación Sociopedagóxica Galega, o volume reúne artigos de análise sobre a poesía, a narrativa, o teatro e o xornalismo do autor chairego, así como arredor da súa traxectoria vital e a súa relación cos seus amigos, ás que se engaden reflexións sobre a súa obra no seu tempo histórico. Completan o libro os poemas que lle adicaron ao poeta, nun recital celebrado no seo do congreso, Marica Campo, Bernardino Graña, María do Carme Kruckenberg e Luz Pozo Garza.

Basilio Losada salienta a "unidade esencial" da obra poética de Manuel María, que reflicte -sinala o crítico e profesor- "a evolución da lírica galega todo ao longo do século XX, dende a poesía existencial, a lírica do desacougo heideggeriano, ao neotrobadorismo, a lírica de tema relixioso, (...), e o que para min constitúe o mellor do seu labor poético, a poesía amorosa (...). E non esquezo os poemas da paisaxe, o seu canto á Terra Cha".

Manuel María non foi, -asegura Losada-, un poeta das modas do momento, senón un creador "perfectamente integrado": na súa terra, na ideoloxía política nacionalista e na fidelidade á lingua galega, cunha ética que concibiu como "servizo aos máis" e ao país e cunha dimensión popular que revela a súa "linguaxe sinxela e clara".

Xesús González debulla no libro unha comparativa entre a obra de Manuel María e a de Salvador Espriu; Marta Dacosta explica a súa definición do autor como representante do "socialrealismo de xorne nacionalista"; Aurora López lembra tres cancións que compuxo con outros tantos poemas de Manuel María; Celia Armas sitúa a poesía infantil do chairego entre a tradición e a innovación e Pilar Pallarés ocúpase dos seus primeiros poemarios, salientando Muiñeiro de Brétemas como "libro fulcral" da poesía galega, "por abrir o camiño á poesía de autores mozos na nosa posguerra, por ser un elo entre a poesía anterior ao 36 e a posterior, por ser obra iniciadora da denominada Escola da Tebra, pola reflexión metapoética (...), polo seu carácter unitario, pola intuición das que serán as liñas fundamentais no labor poético do autor".

En canto á narrativa, César C. Morán sinala que Manuel María ten "publicados contos e relatos e dúas novelas inéditas", e identifica como temas principais do autor a reivindicación do país e dos clases populares, a crítica dos "trepas" e da burocracia, o mundo rural, a evocación dun mundo que está a desaparecer e a opresión baixo a ditadura. Andrés Pociña apunta como trazos fundamentais da narrativa de Manuel María a súa atención á paisaxe, ás "xentiñas de a pé: os labregos, os humildes, os pobres, as súas familias, as mulleres, os nenos" e á "situación política de miseria económica e moral" que trouxo a sublevación militar do 36 e a ditadura.

A asociación cultural Abril de lume e ferro aborda a obra teatral de Manuel María, do que subliña que "prioriza o obxectivo de lle dar ao pobo o que necesita en cada momento" sobre a necesidade de "dar paso a un pulo modernizador" que viña doutras dramaturxias europeas, creando un "teatro popular e ao tempo reivindicativo". Pilar García Negro propón unha perspectiva semántico-intencional para ordenar a obra teatral do autor, conforme a cinco categorías: a reposición histórica, a liberdade, a materia galega, o teatro propagandístico e os paratextos: declaracións, artigos... Henrique Rabuñal analiza os primeiros autos de Manuel María no contexto do teatro galego dos 50 e 60.

OBXECTIVOS

A creación dunha lingua literaria a partir da fala popular

Do xornalismo de Manuel María ocúpanse, no libro, Margarita Ledo e Miguel A. Mato. A primeira salienta aspectos como a referencia do autor nos seus artigos xornalísticos á pertenza e á lingua, e o seu combate da perda de conciencia. Mato pon de manifesto o paralelismo nas liñas temáticas dominantes da poesía e o xornalismo do chairego: a evocación doutros poetas, a nostalxia do mundo tradicional, a paisaxe, a crítica social, a viaxe a o pesimismo ante o país e o seu destino.

No tema da viaxe incide Felupe-Senén López co seu texto neste volume, no que a relación de Manuel María co idioma galego é un elemento especialmente relevante.

Ramón Mariño condensa nun artigo a evolución dos axentes destrutores e dos factores construtivos do idioma galego no século XX, e Xosé Ramón Freixeiro describe a Manuel María como un "adaíl na defensa do galego", pola súa "exaltación apaixonada da lingua popular e sátira desapiadada contra quen deserta dela", e polo seu esforzo por construír unha lingua literaria "a partir da fala popular", cun "marcado carácter dialectal que lle dá maior autenticidade".

 

ANÁLISE

A influencia do desenvolvemento dos feitos históricos

A biografía de Manuel María é o tema do texto de Camilo Gómez. O volume sitúa o poeta no seu tempo histórico a través de varios artigos. Francisco Carballo describe e interpreta os principais acontecementos históricos que se desenvolveron na traxectoria vital de Manuel María e Francisco Rodríguez pon en relación a dinámica histórica de Galiza coa evolución poética do creador, a quen define como "o gran poeta da nación". A transformación do país baixo o franquismo, e os cambios que aconteceron en Galiza a partir do inicio do funcionamento do marco autonómico marcan, segundo Rodríguez, as dúas etapas nas que, grosso modo, se pode dividir a poética de Manuel María, froito dun "esforzo por construír unha cultura nacional".

Manuel Roca sinala como as mudanzas económicas: o paso da economía de subsistencia á "economía de mercado" e as súas consecuencias sociais, as loitas obreiras dos 70, as loitas contra a construción de presas, e emigración... influíron na obra do poeta. Xosé Neira Vilas incide na súa relación coa emigración en América, e Alfonso Blanco e Xosé Estévez céntranse na amizade e na súa importancia para o poeta.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS