Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Últimos toques á exposición de arte contemporánea antes de ser inaugurada dentro da Feira do Libro de Guadalajara FOTO: Axencias |
A Asociación Galega de Editores (AGE) está desde hoxe na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (FIL), en México, para a que, ademais da exhibición dos seus produtos, elaboraron un completo programa para celebrar a Semana da Edición Galega. Porén, nin a súa presenza nin o programa específico contan co apoio da Xunta, senón soamente co do Ministerio de Cultura, que facilitou o presuposto para achegar a obra de Manuel Rivas, Fina Casalderry e Alfredo Conde, ou para celebrar unha mesa redonda entre editores galegos e mexicanos.
A Consellería de Cultura informou hai unhas semanas os membros da AGE de que non había cartos para apoiar a presenza do libro galego na feira, a pesar de que Galicia aspira a ser a invitada de honra da próxima edición, un dos obxectivos marcados xa polo Goberno do bipartito.
Esa mesma tese é a que argumentou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fasero, do que dependen directamente os orzamentos para promoción exterior.
Deste xeito, as editoras téñense que custear a súa propia presenza, se ben a embaixada cultural galega se integra nunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, con Odile Lueiro, responsable de comercio externo da institución á fronte. Tamén contarán coa axuda do promotor de comercio exterior do Foexga e da Cámara en México. Así mesmo, os editores manterán unha xuntanza de traballo o día 30 con representantes da Asociación de Empresarios Galegos en México. A AGE, "consciente de que o futuro da edición galega pasa pola difusión", segundo subliñan os seus responsables, preséntase en Guadalaxara con Manuel Rivas, Fina Casalderrey e Alfredo Conde que desen- volverán diversas actividades.
Manuel Rivas, estará o xoves, 3 de decembro, dentro do programa Ecos de la FIL, que consiste en visitar e falar con mozos/as estudantes de bacharelato na súa escola. O venres 4 de decembro realizará un acto de presentación de La desaparición de la nieve nun espazo do recinto, nel estará acompañado por catro lectores. O sábado día 5, no salón VIP de Tequila Herradura, haberá unha Lectura de poemas dentro do Salón da poesía e estará presentado por Ángel Ortuño.
Alfredo Conde estará o venres 4 de decembro e participará tamén nos Ecos de la FIL. O día 5, compartirá co público a historia de como se converteu nun ávido lector, e cales son os seus escritores preferidos e as historias coas que máis ten gozado na súa vida. Será entrevistado polo escritor mexicano Rogelio Guedea.
Fina Casalderrey, o martes 1 de decembro, participará no programa Ecos nun colexio dentro da cidade de Guadalajara e o mesmo día manterá unha charla con futuras profesoras de primaria e promotoras da lectura. O mércores 2 e o venres 4 continuará con actividades polos colexios da cidade.
A mesa redonda Editores gallegos y editores mexicanos. Los desafíos de la edición independiente: presente y futuro celebrarase o día 2 de decembro. O acto estará moderado por Amelia Guardiola e participarán, representando a Galicia, Xosé Ballesteros, de Kalandraca Editora; Francisco Villegas, de Edicións do Cumio e Ellago; Victor F. Freixanes, de Galaxia; e pola banda mexicana estará Mauricio Volpi, de Nostra Ediciones; Guillermo Quijas, de Editorial Almadía e Francisco de la Mora, da Editorial Sexto Piso.
Os Ánxeles, invitada de honra
A Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (FIL), a maior cita editorial do mundo hispano, abre hoxe "nove días de poesía e tequila". A FIL, que logrou convocar o ano pasado 600.000 persoas e case un milleiro de editoriais, será cita de grandes nomes como Carlos Fuentes, Orhan Pamuk e o poeta venezolano Rafael Cadeas, a quen se lle outorgará o Premio FIL de Literatura en Linguas Romances.
A edición deste ano, o número XXIII, terá á cidade estadounidense dos Ánxeles como invitada de honra. A metrópole presentará un programa no que se esforzou por envorcar a súa diversidade cultural, con cine, arte e exposicións.
Tamén haberá unha homenaxe ó escritor Mario Benedetti, cunha convocatoria á poboación para que elixan os 30 poemas máis emblemáticos do autor. Outra homenaxe será para a Xeración española do 27, cunha comitiva de poetas andaluces encabezados por Luis García Montero.