Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
Emprender unha visita virtual polas naves da Catedral facéndose partícipe do Botafumeiro ou emprender o Camiño de Santiago a través dunha pantalla dixital onde cada peregrino pode deterse nas cidades polas que discorren as distintas rutas, son só algúns dos atractivos que ofrece a exposición Galicia dixital, un cúmulo de experiencias interactivas que se presentan ó espectador como algo diferente a unha exposición convencional.
E, posiblemente, de aí o seu éxito: Galicia Dixital abría as súas portas no mosteiro de San Martiño Pinario o 4 de decembro de 2000. Os seus obxectivos estaban claros: achegar os avances das tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia ós cidadáns á vez que se mostraban como un escaparate no que as empresas do sector e institucións públicas galegas daban a coñecer o seu desenvolvemento desde un punto de vista lúdico. Catro anos máis tarde, en 2004, a mostra converteuse en itinerante e comezou a debullarse por máis de 70 concellos e ata a actualidade foi visitada por máis de 600.000 persoas.
Susana Tojeiro, coordinadora desta exposición dependente da Secretaría Xeral de Medios destaca, o enorme éxito que está cultivando a mostra na súa itinerancia, en especial ás residencias da terceira idade "achega como algo distinto á súa rutina habitual". Chamou a atención sobre o público infantil "por aquí pasan todos os colexios", numerosas asociacións e un público maioritariamente galego. "Cando chegan as excursións a Santiago, os guías aconséllanlles tres visitas ineludibles: Catedral, Obradoiro e Galicia Dixital, dixo.
Na actualidade, a grande estrela da exposición que lle usurpou o liderado a Vertixe, montaña rusa que transporta o espectador por Compostela, son, sen dúbida, as carrilanas, vehículos situados fronte a unha gran pantalla e que por medio da gravidade transitan por rúas que simulan a cidade.
A coordinadora destacou o valor dunha iniciativa que traspasa fronteiras. Dixo, neste sentido, que "eu sempre digo que nós, aquí, temos que pornos os lentes de turista". A coordinadora da exposición apuntou que de cara ó próximo ano, a exposición conta con importantes proxectos "esperamos duplicar o número de visitas habituais" o que ata podería obrigar a afrontar certos cambios estruturais "Será un grande ano", concluíu.
Renovación continua
Esta é unha das características que mellor define a exposición que desde os seus inicios se converteu nunha plataforma de experimentación co audiovisual e Galicia como principais argumentos coa continua renovación das súas salas e novos contidos que lle proporcionan ó visitante unha variedade na oferta. É importante dicir que é a primeira vez que a mostra achega os seus contidos ós centros da terceira idade e os hospitais.
Primeiro filme en 3D da Catedral
Un dos moitos proxectos para o próximo ano 2010, de cara á celebración do Xacobeo, será a presentación da película Ritos e lendas da Catedral, que segundo manifestou, a coordinadora da exposición Susana Tojeiro, será a primeira vez que un filme grave en 3D os tellados da Catedral compostelá. Posteriormente proxectarase na exposición. Este novo traballo audiovisual correrá a cargo da empresa galega Enxebre.
O visitante, gran protagonista
Quizais unha das claves da exposición é que durante o tempo que dura a visita, as persoas que acoden a Galicia dixital son os verdadeiros protagonistas da mostra. Sirva como exemplo o tiraboleiro virtual, que pretende dar a coñecer esta tradición. Algo parecido ocorre nos aeroescorregadores por Compostela, de enorme éxito entre o público, onde o protagonista compite nunha carreira pola zona histórica nun vehículo futurista.
Un percorrido dunha hora
A exposición, que ocupa unha superficie de 1.300 metros cadrados en San Martiño Pinario, é gratuíta. Pode visitarse de luns a sábado entre as 10.30 e as 14.00 horas e as 16.00 e as 20.30, en grupos de 54 persoas. A visita dura unha hora e pode ser con cita previa. Os visitantes dos distintos puntos de Galicia son maioritarios, especialmente colexios. Tamén se rexistra unha importante afluencia de franceses e portugueses.