Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
Que é o que fai ós espellismos de hoxe tan diferentes, tan atractivos? A pregunta en cuestión, ademais de ser "unha parodia do soado colaxe de Richard Hamilton", é o título dunha mostra colectiva comisariada por Claudia Giannetti e supón o punto de partida do novo proxecto cultural capitaneado por Concha Fontenla e Antonio Cervera, A Factoría Santiago, que onte abriu as súas portas ó público na rúa da Conga, disposta a coller a testemuña da galería C5 Colección.
Unha iniciativa que nace co obxectivo de "salientar a transversalidade inherente ós procesos creativos, a irrefreable proliferación e hibridación de soportes estéticos e a importancia da colaboración inter-xeracional e multidisciplinar".
Unha estrutura de "experimentación e creación contemporánea que amplía a proposta inicial de C5 Colección" a través de1.250 metros cadrados no corazón do Centro Histórico, e que xa ten alma xemelga na Habana, onde a sede xa se inaugurou o pasado mes de xullo con grande éxito.
A mostra inaugural, contemplada onte por coleccionistas e amantes da arte nunha cita que se converteu en toda a festa, inclúe as propostas estéticas de Giselle Beiguelman, Joan Fontcuberta, Liño Lago, Glenda León, Enrique Marty, Gisela Motta Leandro Lima e David Trujillo, un elenco de artistas internacionais de primeiro nivel baixo o comisariado de Claudia Giannetti, a quen o propio Cervera cualifica como "unha das grandes expertas en novas tecnoloxías a nivel mundial".
Colaboradora de centros de recoñecido prestixio como o MoMA de Nova York e o ZKM de Karlsruhe, en Alemaña, Gianetto afirma que a exposición "aborda as nocións e os sistemas que apontoan a construción de realidades no mundo actual, ademais de explorar as posibles idiosincrasias da era dixital".
"Neste sentido", explica a comisaria, "a arte do engano perfílase como idea articuladora da proposta expositiva. Aínda que sexa un concepto abstracto, o engano atópase practicamente en todas as partes, e varios artistas contemporáneos, especialmente no ámbito do media art, sacaron partido deste feito".
A exposición poderá contemplarse ata o 28 de febreiro.
Langui estará hoxe no Mupega
Membro dunha das bandas de hip hop máis relevantes en España, La Excepción, Juan Manuel Montilla, máis coñecido como Langui, é todo un exemplo da loita pola superación de obstáculos, perseguindo os seus propios soños sen desanimarse. Unha constante diaria da que hoxe, ás 11.30 horas, lles falará ós mozos que se acheguen ó Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en San Lázaro.
Ademais, Langui aproveitará para falar do libro que acaba de publicar, 16 chanzos, no que relata o seu percorrido vital ata chegar a converterse nunha estrela da música, e no que resalta a importancia da capacidade de poder elixir, do esforzo, a ilusión, a alegría e o humor para conseguir na vida as metas que cada un propóñase.
Xa pola tarde, Langui, que debutou este ano como actor na película El truco del manco, polo que gañou dous Premios Goya, estará a cargo dun taller de hip hop dirixido ós participantes no Programa Mentor, que xestiona IGAXES3.
O proxecto, segundo explican os seus propios responsables, busca "capacitar a mozos e mozas maiores de 16 anos tutelados pola Xunta de Galicia para que sexan eles vos que definan vos seus propios obxectivos de futuro, ao tempo que se lles axuda a inserirse laboralmente e contribuír, deste xeito, á súa independencia"