Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Mónica García nunca estivo tanto tempo sen traballar como no cambio de goberno, cando caeron tantos proxectos FOTO: Axencias |
Naceu en Asturias, onde seus pais eran mestres dunha escola unitaria. Aos seis anos veu para Agolada, e non lembra cando foi o seu primeiro día de escola, porque ela aprendeu a ler e escribir dunha forma natural. Mónica García, no escenario e fóra do escenario, é unha actriz vehemente. Ela pensa que "o teatro correcto é pouca cousa" porque debería servir para entreter, divertir e reflexionar. Aínda se emociona lembrando a forte "presenza" de Roberto Vidal Bolaño, o xenial dramaturgo que escribiu As actas escuras. O Centro Dramático Galego, baixo a dirección de Xulio Lago, está cos ensaios desta nova obra que se vai estrear no próximo mes de xaneiro. Mónica García traballa como actriz profesional dende o ano 1992. Ela nunca tivo unha compañía estable. Sempre traballou como free lance. "Ou vives o teatro con paixón ou te dedicas a outra cousa". Mónica García, dunha forma moi delicada, entrégase á vehemencia das palabras.
Como lembras a túa infancia?
Ata os seis anos estiven en Asturias. Empecei Primeiro de EXB en Agolada, porque veu meu pai para ser mestre. Eu, antes de ter idade escolar, xa estaba na escola dos meus pais. Para min a escola era un medio natural de xogo, aprendizaxe. Aprendín a ler e a escribir sen que me ensinaran. Eran escolas con moitos nenos, de todas as idades. Meus pais en Asturias estaban en aldeas bastante retiradas. As vías de comunicación eran precarias. Eu na escola xogaba e aprendía sen esforzo ningún. Non sei cal foi o meu primeiro día de escola. Sempre vivín nas vivendas dos mestres, que estaban na mesma escola.
Que foi o que te levou a dedicarte ao mundo do teatro?
Non foi unha decisión. Sempre me gustou. Xa dende pequena me disfrazaba coa roupa da miña avoa. Fixen teatro no colexio, no instituto e na primeira Aula de Teatro da Universidade de Santiago, dirixida por Roberto Salgueiro. O paso ao teatro profesional sucedeu porque me chamaron dúas compañías profesionais. Optei por Chévere, porque era un proxecto divertido e arriscado. O luxo das persoas que nos dedicamos ao teatro é que o pasamos moi ben mentres estamos traballando, e eso é algo que temos que agradecer todos os días. Creo que o bon teatro sae de xogar moito. Facer as cousas correctamente non é difícil. O difícil é facer cousas brillantes, emocionantes. Ser correcto no teatro é pouca cousa.
Cal é a maxia de traballar na televisión?
A maxia é o público, o que che transmiten pola rúa. Fálanche para agradecerche que os fagas rir. Eu traballei en Pratos Combinados e a xente agradéceche o teu traballo. Tes unha resposta moito máis maioritaria que no teatro. A televisión chega a todas as partes, ao monte, á praia. O traballo na televisión é estresante porque sempre hai présa. Hai un tempo para cada capítulo e non podes atrasarte. Está pensada para gastar poucos cartos e gañar moito. Non hai tempo para mimar o traballo dos actores.
Ti eras a camareira do Bar Suízo na serie "Pratos Combinados". Foi unha serie con moito éxito. Que che achegou profesionalmente?
Era a típica serie familiar de risa. Eu cando cheguei a Pratos Combinados a serie xa estaba instalada con bastante audiencia. Para min foi facilísimo. Todo o que sei de televisión aprendino aí, porque foron seis anos de sete ou oito meses de gravación ao ano. O rexistro de comedia é máis complicado. Ten unha clave que hai que aprender. Eran uns personaxes moi estereotipados, o listo e o parvo. Non era unha serie naturalista, e non che tiña que dar medo actuar porque entón quedabas por debaixo do histrionismo da serie. A comedia ten un ritmo frenético.
Agora acabas de gravar unha tele-movie. Podes falar un pouco deste novo proxecto?
É unha comedia que está baseada nun feito real. Un puticlub que patrocinaba un equipo de futbol no Carballiño. Antón Reixa fixo a idea de guión e o director é Alber Ponte. Eu fago dunha das putas. Aparecen putas e futbolistas. Ao equipo de futbol vaille mal e o puticlub está en horas baixas. A xefa do puticlub decide patrocinar un equipo de fútbol. Esta tele-movie ten formato de película e está pensada para emitirse na TVG.
Que retos e problemas ten o audiovisual galego? É unha industria suficientemente desenvolvida?
Levamos anos querendo que sexa así e cada vez hai máis cousas e proxectos. Agora celebramos o 20 aniversario do cine galego e eu estiven en Continental, a primeira película feita en Galicia con visión comercial. Estar tan supeditados aos cambios de goberno non nos favorece. Se tratas de estabilizar un sector e dependes do modelo de subvencións, é máis difícil. Sempre me parece que os cambios de goberno lle fan un fraco favor á cultura. A política xoga moito en contra da cultura, porque considera que a cultura é superflua. Pasaron 20 anos dende que empezou o cine en Galicia, pero o proceso é lento. Necesítanse anos para consolidar o sector.
Agora participas co CDG nos ensaios da obra "As actas escuras".
É un texto de Roberto Vidal Bolaño, que tamén está baseado en feitos reais. No século XIX, un dominico e un historiador veñen a Santiago e ante un achado dos restos do Apóstolo tratan de comprobar se son do Apóstolo ou non. Case todos os personaxes desta obra son masculinos. Hai cardeais, cóengos, freires... Son once actores e tres actrices. Eu son unha criada dun cóengo e tamén son unha muller que se vai por aí nunha noite de borracheira. Roberto Vidal Bolaño aproveita para contar a súa visión dese entramado eclesiástico. As verdades non interesan moito e canto máis poder ten a Igrexa máis mercadeo hai. Tamén hai un trasfondo político.
Ti acórdaste de Roberto Vidal Bolaño? Chegaches a coñecelo? Era unha persoa moi especial?
Nunca traballei con el pero era unha persoa que me impresionaba. Lembro a súa presenza, co seu sombreiro... A primeira vez que o vin foi no monólogo "Sen ir máis lonxe". El co seu sombreiro e o seu cigarro facendo o monólogo dun pallaso. Gustoume moito. Era un home de teatro. Era dramaturgo, director, actor, tertuliano. Sempre falaba de teatro con vehemencia. Ou vives o teatro con paixón ou dedícaste a outra cousa. A súa conversa sempre era sobre teatro e era un creador moi prolífico.
Desfrutaches moito coa túa actuación na obra "Os homes só contan ata tres" interpretada por Factoría Teatro e baseada nun texto de Antón Lopo?
O meu personaxe era bastante complexo porque cando empeza a obra parece unha cousa e vai evolucionando ata ser todo o contrario. Resulta complicado crear ese tipo de personaxes, porque hai que graduar moito. Actuar é mentir. Actuar ben é mentir convincentemente. O meu personaxe aparece como a irmá parva e ao final, ela manexa na sombra esa relación e era ela a intelectual da familia. Na obra Bailando en verán interpretei unha deficiente e tamén era difícil. Déronme un María Casares por ese traballo. O texto de Lopo é moi interesante. Era un mundo pechado pero cheo de vida, amor, asasinatos, odios familiares, relacións de dependencia... O percorrido emocional era moi potente.
A crise económica que sufrimos aféctalle tamén ao teatro?
Nunca pasara tanto tempo sen traballar como nos últimos meses. A crise é inherente ao teatro e en xeral a todas as artes. A xente non lle dá importancia ao teatro porque pensa que non é "necesario". O que afectou en Galicia foi que se adiasen as subvencións co cambio de goberno. Houbo proxectos que caeron. Na medida en que os políticos queren austeridade empezan recortando as axudas ao teatro. Tamén é certo que a xente, cando hai crise, vai máis ao teatro porque te abstraes do problema diario, entreteste, divírteste, reflexionas e emociónaste.
O teatro debe estar comprometido coa sociedade, co mundo?
Podes falar do universal contando cousas locais. Había unha película, En terra de ninguén, que falaba de dous inimigos que compartían trincheira nunha guerra. Había unha mina, e eles tiñan que axudarse entre eles. Contas unha guerra a partir de dous personaxes. É máis efectivo contar o absurdo da guerra así que cunha gran batalla. Dende o teatro hai moitas posibilidades de extrapolar. Podes contar historias pequenas pero estás falando de inxustizas, violencia, das cousas que moven o mundo. O funcionamento do mundo paréceme un sensentido. Para que nós vivamos ben estamos explotando unha gran porcentaxe da poboación. Todo está patas arriba. Paréceme absolutamente inxusto.