Domingo 08.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| A asemblea anual dos escritores, con Cesáreo Sánchez, terceiro pola dereita, e Marta Dacosta, cuarta pola dereita, que foron reelixidos á fronte da asociación |
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou onte a súa asemblea anual de socios en Santiago de Compostela, na que -entre outras cuestións- aprobou a nova composición da súa xunta directiva, que seguirá a presidir Cesáreo Sánchez, con Antía Otero como vicepresidenta. Na asemblea deuse tamén o visto e prace ao programa de actividades para o 2009, entre o que se acordou a concesión do premio "Bos e xenerosos" a Mariví Villaverde, así como a concesión da Letra "E" ao escritor Agustín Fernández Paz. Asemade, declarouse "Escritora Galega Universal" á mexicana Elena Poniatowska, distinción que se lle otorgou tamén, e por primeira vez, a un autor do ámbito literario da lusofonía, recaendo nesta ocasión no escritor angoleño Jose Luandino Vieira. Estes premios entregaranse na xa consolidada Cea das Letras conxuntamente cos Premios AELG, que este ano incorporarán unha nova distinción: a do mellor blog literario. Igualmente, entregaráselle o galardón á institución que destacou durante o ano no seu labor cultural, concedéndoselle nesta ocasión á Sección de Literatura do Liceo de Ourense, personificada na figura de Marcos Valcárcel.
Mariví Villaverde, filla do alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa Elpidio Villaverde, marchou de pequena ao exilio francés coa súa familia a fins do 36 e tres anos despois, embarcou rumbo a Bos Aires onde casou co escritor galeguista e dirixente comunista Ramón de Valenzuela. Alí traballou no Teatro Galego da Federación e dirixiu xunto con Arturo Cuadrado o diario Galicia. Regresou a España en 1966.