Sábado 10.10.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Lola Puerta abriu a librería Aenea en agosto de 1999 coa intención de vender libros sobre saúde |
Lola Puerta abriu esta librería en agosto de 1999 e entón dicíanlle que era "unha auténtica loucura". Ela seguiu adiante co seu proxecto de ofrecer unha coidada selección de libros que nos axuden a ter máis saúde e ser mellores persoas. "Cando entrei en textos filosóficos de mulleres escritoras como María Zambrano sentinme mergullada nunhas atmosferas moi saludables" conta Lola Puerta. Entrar na súa librería, e mirar os libros, tamén é un xeito de entrar nunha atmosfera agradable. Un ambiente tan tranquilo, acolledor e familiar como a música de Mozart. O 24 de outubro vaise celebrar unha mesa redonda nesta librería para abrir interrogantes sobre as culturas que son saludables e os espazos xeradores de benestar. "Hai persoas que son enfermos crónicos e teñen vidas saudables. Hai persoas sas que levan vidas enfermas". Lola Puerta cre que cando bailamos se produce un contaxio de enerxía, unha ósmose positiva.
Como lembras os inicios da librería Aenea? Foron difíciles?
A librería naceu dun xeito moi espontáneo. Non foi "un negocio preparado". Naceu coa espontaneidade dun desexo moi fondo, que era ir unindo a saúde coa cultura. Eu estudei Medicina. Visitaba herbolarios nos que atopaba libros que eran do meu interese, pero estaban moi desor- denados. Eu pensei: "isto hai que organizalo." O que quería era montar unha librería. Xorde dunha ilusión enorme e dunha forza vital que me levou a iniciar un proxecto sen saber onde me estaba metendo. Eu tiña claro o obxectivo e nunca me faltaron as forzas. Montei unha empresa, unha librería especializada, e era tachada como "unha gran loucura". Empecei a seleccionar temáticas, autores, obras. Quería coidar moito a edición. Dez anos despois, o ánimo segue sendo o mesmo.
Que relación existe entre os libros e a saúde, o benestar?
Cando empecei a estudar Medicina decateime de que me faltaba algo de comprensión. A facultade ten unha visión moi científica, técnica. Tiven a inquietude de estudar o ser humano nun ámbito máis amplo. Lin "Medicina en 40 leccións" de Eduardo Alfonso, que me introduciu nunha comprensión do ser humano que vai máis alá. Hai un ámbito psicolóxico, espiritual, que tamén contribúe ao benestar. Eran necesarias outras lecturas para comprender a saúde. Hai palabras que curan. Hai textos que te mergullan en atmosferas saudables, e sobre todo é ese encontro con outras persoas a través dos libros. A saúde, como a enfermidade, tamén se contaxia. Se empezamos a coidarnos e ter unha sociabilidade máis fraterna, e ser máis solidarios, a aposta é por unha alternativa contracultural.
Como vai ser o debate que estades organizando para o día 24 de outubro, con motivo da celebración do voso décimo aniversario?
Vai ser unha mesa redonda na que van estar presentes Xosé Antón Neira Cruz, escritor e mestre na facultade de Xornalismo, Miguel Salas, libreiro da librería Campus de Ferrol, Feli Estévez, experta en Psicoterapia Corporal, e eu. Vai ser sobre "Espazos culturais xeradores de Saúde e Benestar."
Pretendemos compartir e facernos preguntas. Todas as culturas son saudables? Que necesita unha cultura para ser saudable? Estamos nunha sociedade moi competitiva, na que "hai que saber moito, hai que facer moito". Hai un gran afán de saber. É saudable? A cultura e a saúde son as bases do coñecemento humano. Se hai saúde prodúcese un campo de cultivo no que o ser humano pode medrar e desenvolverse.
A área de talleres converte a librería Aenea nun espazo de dinamización cultural e social?
Se vives unha experiencia ou les algo que che interesa e que case che provoca as ganas de poñerte a escribir, despois queres compartilo. Por que non un taller de poesía e escrita creativa? Se leo o libro "A risa redentora" de Peter Berger, e por que non un taller de risoterapia? Eu vivín a experiencia de recibir unha masaxe nos pés. Eu tiña problemas de ventre. Había un mexicano que dicía que curaba coas mans. Quedei curada, e non me volveu a doer o ventre. Dediqueime á Reflexoloxía Podal. Se un neno escoita un conto éntranlle ganas de ler. A experiencia está conectada coa lectura, e a teoría compleméntase coa práctica.
Como podemos conseguir a potenciación da lectura? Ler é un acto de responsabilidade e unha actitude ante a vida.
Coidando moitísimo a selección. Hai unha responsabilidade nos adultos que é "nunca forzar a ler os nenos". Cando un neno non le hai que axudar a espertar intereses, ir atopando o que lle gusta. Os adultos non forzamos as nosas lecturas, e cos nenos estamos como "agresivos". Teñen que ler, teñen que saber, teñen que facer e todo se converte en "teñen que". Necesítase un espazo de silencio, cultivar os lugares propios. É un acto de vontade. Estamos nunha sociedade ruidosa, na que nos acapara o mundo audiovisual. O tempo de lecer ten que encherse de gran riqueza.
Considerades que o libro, máis que un obxecto de consumo, é un acto creativo.
Se un libro che chama a atención é por algo. Cando te achegas a el, descobres algo que xa pertencía a ti e empezas a crear algo novo. Mergúllaste dentro do libro e dis "que fago eu con esta emoción?". Ao mellor cambia un comportamento que tes co teu fillo, ou a túa forma de cociñar, ou a forma de ver o teu país, ou a túa actitude vital. Ese libro pasa de ser un obxecto impersoal a converterse nun símbolo de algo. Os libros fannos compañía, porque son "domesticados" e deixan de ser obxectos.
Por que é tan importante ter unha alimentación correcta?
Porque somos corpo, somos materia. Se non hai saúde non hai nada. Cando se fala de coches, do motor, do aceite, tamén se di que a carrocería dos coches vai en función do alimento. O corpo humano ten que partir dunha fase física, celular, que sexa correcta. Unha persoa á que lle faltan vitaminas non funciona como unha persoa cunha alimentación rica e variada. Tanto a carencia como o exceso producen unha alteración no rendemento e nas capacidades básicas e superiores. Ás veces forzamos a máquina e hai nenos que non teñen esa recámara saudable porque non están ben alimentados.
Na librería Aenea facedes talleres para aprender técnicas de relaxación, e para controlar a respiración.
Se tes suficiente autoestima para coidarte, dáslle tamén valor a coidar os outros. Sen comer podes pasar días, sen beber podes pasar horas, pero sen respirar... As células do corpo só funcionan se teñen osíxeno. Utilizamos un terzo ou un cuarto da capacidade respiratoria que temos. Respirar é un acto involuntario, que vén dado coa vida, pero podes influír sobre a respiración. Impartimos técnicas de educación corporal. Trátase de reeducar. Hai que desaprender para aprender comportamentos culturais sans. Nesta sociedade ás veces esquecemos respirar e estar no noso corpo dende un equilibrio, unha harmonía. Estamos como "forzados" e fóra do noso eixe. A saúde non é "non ter enfermidades" senón que é un estado no que buscas un equilibrio físico, psíquico e social. Que fago eu co meu corpo, as miñas limitacións e as miñas necesidades?
Entre as obras recomendadas pola propia librería Aenea está o libro "La ola" de Susy Lee, unha suxerente historia sen palabras sobre unha nena que pasa un día na praia. Tamén ofrecedes un libro que lles explica a música de Mozart aos bebés.
Gústanme moito os libros que deixan aberta a porta ao lector para que sexa tamén un creador. O mundo da ilustración ultimamente crea esta posibilidade. As imaxes suscítanlles aos nenos, cada vez que miran un conto, historias distintas segundo o seu estado de ánimo. Estimulas a imaxinación e o libro permíteche dicir, crear, escribir. Unha boa ilustración é a mellor invitación á escrita. O "efecto Mozart" é como a boa poesía. Os sons das palabras tocan emocións do ser humano e prodúcese a maxia dos efectos. O "efecto Mozart" é tranquilizador, familiar. Entras nun ambiente de seguridade, e faiche pensar en cousas agradables. Un neno que escoite música de Mozart vaille gustar e vai buscar eses ambientes e músicas.
Cres na posibilidade dun mundo novo, máis ecolóxico e solidario?
Todos estamos poñendo o noso gran de area para que ese mundo sexa posible e ese é o sentido da vida. Cada vez creo máis no efecto grupal, fraterno da sociedade. Creo na vida arraigada na Terra, que nos axuda a ir medrando en conceptos beneficiosos para todos. Todo parte dunha experiencia e dunha realidade concreta. Non se pode falar de teorías de forma abstracta. Creo que ese mundo mellor está no día a día. Eses cachiños de esperanza que atopo no traballo de cada día anímanme a permanecer e seguir traballando.