Sábado 30.09.2006
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| A viúva de Cortázar, Aurora Bernárdez, rodeada de Rocío Santa Cruz e Fernando Salgado FOTO: GH |
"Os galegos son inevitábeis, porque están onde queira que un vaia", dixo onte a primeira muller de Julio Cortázar, Aurora Bernárdez, ao presentar en Compostela o libro Un (re)encontro con Galicia.
Ela, filla e neta de galegos, que lle doou ó país o legado fotográfico e fílmico do autor de Rayuela, foi a protagonista deste novo acto do Outono Cortázar, organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta. Fernando Salgado, titular deste departamento, acompañou a Bernárdez durante a presentación do volume, editado pola goberno autonómico e que recolle a relación deste matrimonio con Galicia. E ela regalou ao auditorio un relato ateigado de anécdotas e lembranzas.
Contou, por exemplo, que Julio Cortázar escribía "máis comodamente no cuarto de baño", e que nas viaxes a conferencias internacionais nas que Aurora Bernárdez, participaba como tradutora, "para traer diñeiro a casa", o escritor "quedaba escribindo no cuarto de baño" porque era onde se sentía "máis cómodo".
Julio Cortázar/Julio Bernárdez. Un (re)encontro con Galicia recolle varias das fotografías da viaxe que realizaran ao país en 1957, evidencias deste vínculo que forman parte da exposición Ler imaxes. O arquivo fotográfico de Julio Cortázar, que se pode visitar ata o 19 de novembro en Santiago.
Bernárdez destacou os estreitos lazos que unían ó que foi o seu home co editor galego Francisco Porrúa, a quen coñeceu por medio da tradutora. O editor da maior parte da obra de Cortázar, e descubridor da valía de obras cumio como Cien años de soledad non puido asistir á presentación do libro debido ó seu delicado estado de saúde. Porén, é posible que asista á presentación do catálogo da exposición, que sairá á luz no mes de novembro.
Foron precisamente os exiliados galegos os primeiros en editar a Cortázar, co seu relato Bruja, no Correo Literario. Máis tarde, foi o editor de Porrúa quen apostou polo mozo escritor, co que mantivo unha estreita relación, sobre todo epistolar.
Rafael Dieste, Luis Seoane, Arturo Cadrado e Lorenzo Varela foron outros intelectuais galegos vinculados ó narrador. Unha relación "inevitable", tal como o definiu a súa herdeira universal, debida á gran cantidade de galegos espallados por todo o mundo.
Julio contaba cun círculo de amigos entre os que se encontraba Paco Porrúa, se ben a súa primeira esposa lembra que "se mantiña na marxe" da vida social literaria. Porén, a parella chegou a coñecer a grandes escritores hispanoamericanos como Mario Vargas Llosa ou Jorge Luis Borges.
A comisaria da exposición, Rocío Santa Cruz, descubriu a través das cartas entre Francisco Porrúa e Julio Cortázar que o editor catalán Carlos Barral lle ofrecera a Cortázar participar nun concurso de narración para despois publicar Rayuela. O arxentino desprezou a oferta e recomendoulle a Vargas Llosa que se presentase ó certame, do que saíu galardoado.
Fernando Salgado repasou a relación tanto de Bernárdez e Cortázar, como do editor Francisco Porrúa -ós que denominou o "triángulo máxico"- con autores galegos como Luis Seoane e Lorenzo Varela. Salgado apuntou que foi en revistas como Cabalgata ou Correo literario, na que participaban estes autores, ademais de Arturo Cuadrado, nas que Julio Cortázar comezou a publicar as súas obras.
Fotografías, gravacións, xornadas de discusión e un ciclo de cinema
Baixo a denominación Outono Cortázar. Julio Cortázar/Aurora Bernárdez, un (re)encontro con Galicia, a Xunta agrupa a exposición Ler imaxes: o arquivo fotográfico de Julio Cortázar; o ciclo de cinema Modelo para armar: Julio Cortázar e o cinema, coordinado por José Manuel Sande e apoiado polo CGAI; e as xornadas Encontros arredor de Julio Cortázar: a viaxe infinita, coordinada pola comisaria da mostra e apoiada pola Fundación Caixa Galicia. A mostra pode verse en dous espazos, dúas salas do Pazo de Fonseca, onde estarán de forma cronolóxica unha selección das máis de 4.000 fotografías e de obxectos do escritor e na Igrexa da Universidade, onde se ofrece a relación entre a fotografía e o conto e o cinema e a novela, mostras de gravacións en Super 8 e pezas da colección de arte do escritor.