Luns 15.01.2007
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Celebración do XI campeonato autonómico de caza do zorro, unha práctica que pon en perigo a conservación da fauna galega |
A asociación ecoloxista Adega cuestionou onte a legalidade da Festa da caza do Carballiño e, especialmente, a IV Copa de España de caza do raposo, que se inclúe no devandito evento. Os ecoloxistas consideran ademais que a celebración deste campionato pon de manifesto a "pouca sensibilidade ambiental dos responsables deste concello e do propio conselleiro de Medio Ambiente" que, recordan, foi alcalde do Carballiño. "Coa súa actitude contribúen a empeorar o estado da maltreita fauna autóctona", advirten.
Adega explica que a Lei de caza prohibe as batidas en situacións extraordinarias polas que os animais se vexan obrigados a buscaren novos refuxios. Estas situacións, engaden, poden ser tempos de seca, incendios, envelenamentos ou, entre outras, obras especiais que fraccionan os hábitas, como as autoestradas ou o tren de alta velocidade.
"De todo isto -apuntan desde a asociación ecoloxista- houbo na comarca do Carballiño e en todo o país sen que Medio Ambiente ditase ningunha medida proteccionista de urxencia". A xuízo de Adega, non existe xustificación de ningún tipo para que desde o Consello e desde a Consellería de Medio Ambiente, que dirixe Manuel Vázquez, promovan e apoien eventos como a IV Copa de España de Caza de Raposo. Os ecoloxistas pídenlles así tanto ós responsables do Concello como ós do Goberno autonómico que retiren o seu apoio e prohiban, "dadas as circunstancias excepcionais que vimos de sufrir", estes "masacres inxustificados" que, ademais, "poñen en perigo a conservación da nosa fauna".