Domingo 13.05.2007
Hemeroteca web
|
RSS
O vilagarcián David Souto Alcalde foi elixido como gañador da cuarta edición do premio de poesía Fermín Bouza Brey, que o xurado ditou onte na casa do concello da capital arousá. Recibirá o galardon oficialmente nun acto previsto para o próximo xoves, Día das Letras Galegas.
David Souto Alcalde non publicou ata agora ningunha obra e é estudante de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, cidade na que reside. Este premio é un inicio prometedor para a súa carreira literaria.
O xurado, presidido por Gonzalo Bouza-Brey Villar e integrado por Fermín Bouza Álvarez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Alvarez Cáccamo e Camilo Franco Iglesias, elixiu a súa obra A árbore seca, entre as 15 composicións poéticas presentadas, e tras un amplo debate e deliberación, resultou elixida a obra por unanimidade, malia que a calidade dos outros competidores non desmerecía en absoluto e acadaba un excelente nivel en conxunto.
Un dos máis importantes premios da poesía galega
O Fermín Bouza Brey, considerado como un dos galardóns máis importantes en lingua galega na modalidade de poesía, está dotado con 3.000 euros, que benefician integramente ó gañador.
En anos anteriores gañaron este premio Emma Pedreira, por Os Cadernos d "Amor e os Velenos (Libro das Posturas), en 2001, Xurxo Alonso, por Cidades de Area, en 2003, e Xerardo Quintiá, por Poesía en ruta, en 2005. O premio convócase no concello de Vilagarcía de Arousa con periodicidade bianual.