Xoves 16.08.2007      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 13 de 14]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

enquisa

A Catedral de Santiago e as Cíes, as dúas "marabillas"

Tres arquitectos galegos e o conselleiro Manuel Vázquez elixen Compostela e as Illas Cíes como as dúas "marabillas" do patrimonio galego

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

EUROPA PRESS . SANTIAGO

A Catedral de Santiago e as Illas Cíes son os espazos galegos máis valorados por expertos en arquitectura e patrimonio do país, que prefiren os espazos naturais antes que as edificacións ou conxuntos urbanísticos, entre os que destacan, ademais de Santiago, as murallas de Lugo. Recoñecidos arquitectos galegos como José Luis Pereiro, César Portela e Andrés Reboredo -docentes os dous últimos na Escola Superior de Arquitectura da Coruña- e o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, confeccionaron a súa propia lista de marabillas galegas, seguindo o modelo do suízo Bernard Weber que propuxo elixir, a través da rede, as Sete Marabillas do Mundo Moderno.

A Catedral de Santiago e as prazas que a rodean -Praterías, Quintana, Obradoiro e Acibechería- é o conxunto urbanístico máis valorado. As Illas Cíes, alcumadas por Ptolomeo illas dos Deuses, foron declaradas Parque Natural en 1980, en febreiro de 2007 e o xornal británico The Guardian elixiu a súa praia de Rodas como "a máis fermosa do mundo".

César Portela destacou as vistas destas illas e do arquipélago de Ons que ofrece a Costa do Facho, na Península do Hío, no Morrazo. A área, de "indubidable atractivo patrimonial e paisaxístico", conta con acantilados de 150 metros de desnivel.

Os tres arquitectos consultados coincidiron tamén en sinalar a Ribeira Sacra, que comprende as canles dos ríos Miño e Sil, como unha das marabillas galegas. O seu nome podería derivar da grande cantidade de mosteiros e templos que se situaban na zona, dos que, actualmente, se poden visitar 18. Por outra banda, o paso do Río Miño pola comarca do Ribeiro traza o val no que se sitúa e confírelles ás súas terras a fertilidade que as fixo famosas. Esta é unha das eleccións do conselleiro de Medio Ambiente. Entre os municipios da comarca cabe sinalar Ribadavia, co seu barrio xudeu.

Outra comarca, destacada por Pereiro e Reboredo, é a dos Ancares, na fronteira entre Galicia e León. Pereiro afirmou que constitúe "unha paraxe natural cunha riqueza bioclimática incomparable", e inzada de vestixios históricos, como as pallozas prerromanas do Piornedo e os castelos medievais, pazos, igrexas e castros que poden atoparse na zona.

Ademais, no municipio de Cabana de Bergantiños áchase o Dolmen de Dombate, seleccionado por Reboredo. Trátase do "monumento megalítico máis importante de Galicia".


OS ESPAZOS

Felipe Arias: "Isto é pouco serio"

O director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, tamén foi invitado a facer a súa selección, pero rexeitou participar por opinar que se trata dun asunto "pouco serio" e "absurdo".

O resto dos participantes mentaron amplamente nas súas respostas as rías galegas: a de Vigo por Portela, as Baixas por Pereiro, a de Ortigueira por Reboredo, e no seu conxunto, por Manuel Vázquez.

Entre os espazos arquitectónicos máis destacados polos expertos, atópanse as murallas de Lugo. Datan do século III. O recinto é o mellor conservado da Península Ibérica entre os da súa época, e o seu aspecto actual responde case totalmente á súa configuración orixinal.

O conxunto da fortificación abrangue 34,4 hectáreas e ten un perímetro de algo máis de dous quilómetros. A Unesco considerouno "exemplo único e excepcional das fortificacións militares romanas", incluíndoo na denominación Patrimonio da Humanidade.

Dentro da clasificación, Portela citou o Pazo de Gansa, na Estrada, unha casa señorial galega construída no século XVII, cuxo recinto conta tamén cunha capela e varias vivendas para traballadores. A fama desta edificación débese aos seus xardíns, que están ornamentados con estanques, sebes e mais pontes.

Vázquez, pola súa banda, destacou o mosteiro barroco de Oseira, do século XII. Pereiro, pola súa banda, sinalou o Barrio da Madalena, en Ferrol, que data do século XVIII. Mostra do "racional" urbanismo da Ilustración. Reboredo destacou a desembocadura do Río Xallas, no Ézaro, que ten as particularidades de ser o único río europeo que desemboca en fervenza. A elección de Vázquez foi Pena Trevinca, pico fronteirizo entre Galicia e Zamora.

Portela, en cambio, destacou o Monte de Santa Trega, que conta con mostras humanas dende o Paleolítico até a época castrexa.


Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS