Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

ccg

En verde e negro

08.01.2007 A estrea de "Vacuo" abre as perspectivas para que Galicia poida conseguir un discurso propio no ámbito da danza contemporánea

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Unha prolongada ovación pechou a estrea de Vacuo, a coreografía coa que na noite do venres botou a andar o Centro Coreográfico Galego (CCG), a máis anovadora actuación emprendida pola Consellería de Cultura desque Ánxela Bugallo ocupa o cargo. Cun cheo total do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, cidade onde ten a súa sede o Centro Coreográfico, Vacuo desenvolve ao longo dunha hora un espectáculo de resonancia telúrica e, segundo a súa autora, a ourensá Maruxa Salas, nel tamén hai ecos da traxedia incendiaria que asolou Galicia este verán.

Á cita do Rosalía de Castro non faltaron Ánxela Bugallo ou o alcalde coruñés, Javier Losada, pero tampouco os seareiros do Ballet Rey de Viana, formación da que se desprendeu a Consellería de Cultura para apostar, en palabras dos responsables do departamento, por unha fórmula de maior compromiso vangardista. Ademais dalgún que outro apupo, os seareiros aproveitaron os minutos previos ao comezo do espectáculo para salpicar o patio de butacas con octavillas de crítica a Bugallo, á que acusan de "incompetente" e de ser unha "conselleira da súa incultura". Nas proclamas tamén se cualifica o Ballet Rey de Viana como "o máximo expoñente cultural (de Galicia) durante máis de cinco décadas, engrandecendo a nosa cultura en todo o mundo".

Alén desta intervención e da insólita presenza de dous bebés que nos momentos máis íntimos do espectáculo choraban ou balbucían, a estrea discorreu comodamente, cunha apoteose final na que todos os creadores implicados no espectáculo subiron ao escenario. Alí estaba Baltasar Patiño, poderoso iluminador de Vacuo, ou os membros de Berrogüeto, autores da música na que se asenta a coreografía.

Sen dúbida, a música foi o aspecto máis comentado do espectáculo, non pola súa calidade -Berrogüeto son practicamente indiscutibles- senón pola súa pouca ductilidade á hora de encaixar nunha cadencia coreográfica. Nun escenario con quince bailaríns e entre os acordes duns recoñecibles ritmos tradicionais, resultaba difícil -para algúns dos asistentes- distinguir matices, cerciorar técnicas ou apreciar emocións.

O balanzo final, porén, pareceu agradar a todos, en grande parte polas perspectivas que abre o centro. Cunha execución limpa -sen estridencias pero tampouco sen arrebato-, o Vacuo de Maruxa Salas amosa o longo camiño que falta por percorrer e, ao mesmo tempo, fai real a esperanza de que algún día -non excesivamente lonxano- Galicia teña un espazo propio no ámbito da danza contemporánea.

O PERFIL

Cambio de tendencia

A danza contemporánea parece que vai ser "a nena linda" da política cultural da nova Consellería de Cultura. De feito, os profesionais do sector -agás, por suposto, os membros do Ballet Rey de Viana, expulsados ao averno sen procurarlle alternativa- celebran o cambio de tendencia e que, por vez primeira, alguén lle preste atención á danza desde a Administración.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS