Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
O hotel Louxo da illa da Toxa indicou onte que xa retirou o manual denunciado polo deputado do BNG Bieito Lobeira que lles prohibía ós seus empregados falaren en galego despois de recoñecer a súa "redacción desafortunada".
Nun comunicado en galego, o establecemento indica que o citado manual "foi eliminado de inmediato o pasado venres día 19", no momento en que "tivo constancia do erro". A dirección subliña que a súa "filosofía e práctica" é que "os traballadores falen sempre no idioma que entenda o cliente, que nun 90 por cento dos casos é de fóra de Galicia".
Engade que "nos máis de vinte anos de funcionamento" dese hotel que, subliña, é o único de capital galego" da illa da Toxa, "nunca houbo problemas lingüísticos nin cos clientes nin cos traballadores".
O establecemento hostaleiro apunta que ten prevista unha reunión con responsables da Mesa Pola Normalización Lingüística destinada a "confirmar todos eses aspectos" citados na nota.
A reacción do hotel Louxo é consecuencia á petición por parte de Lobeiro dunha intervención da Xunta para retirar o citado manual de "buenas maneras" do establecemento que, no apartado de "normas de cortesía", dise "literalmente": "Mantener posturas correctas delante del público, no hablar de temas personales con los compañeros y no hablar en gallego".
A Mesa saúda o "xesto de boa vontade" e acordou co director do hotel facer un seguimento dese proceso de introdución do galego no conxunto dos servizos que ofrece o establecemento.
Facer en galego as probas do permiso de conducir
O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, esixiulle onte ao Goberno que estableza as medidas necesarias para que os cidadáns que o soliciten poidan realizar en galego as probas de obtención dos diferentes permisos de conducir.
A través dunha pregunta parlamentaria, Rodríguez aludiu ás "dificultades, cando non imposibilidade" para realizar estas probas en lingua galega, especialmente para obter o permiso de moto (tipo A), no que "só se admite o castelán".
Ante esta situación, esixiu que o Executivo "controle máis axeitadamente" que se garanta "o dereito dos galego-falantes ao uso da súa propia lingua en todas as actuacións relacionadas coa Dirección Xeral de Tráfico en Galicia".