Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Esperanza Mariño é profesora no instituto de Cacheiras FOTO: Cris Tobío |
A curiosa coincidencia do apelido de Esperanza Mariño co da poeta que este ano será homenaxeada no Día das Letras, María Mariño, foi case unha premonición que levou os editores de TresCtres, Amancio Liñares e Antonio Puentes, a encomendarlle a esta profesora de familia pobrense a elaboración dun Dicionario cunha finalidade ambiciosa: a de reunir unha visión completa da autora noiesa cunha biografía, unha antoloxía de poemas e un estudo lingüístico das súas obras complementado con entrevistas e fotografías, algunhas inéditas, como a que irá na portada da obra, que descubriu nunha revista portuguesa.
O Dicionario María Mariño que sairá do prelo a principios de abril, achega interesantes e reveladores datos sobre a vida da poeta, froito dunha intensa investigación de Esperanza Mariño que imparte clases no instituto de Cacheiras (Teo). Segundo explica, a propia criada do Pazo de Goiáns -herdado por uns primos da escritora e a onde ela acudía con frecuencia- desmentiulle que alí existira unha biblioteca na que supostamente María Mariño cultivou a súa paixón polas letras. "Esta idea de que María lía no Pazo de Goiáns é un mito, aínda que familiares dela como unha sobriña-neta súa me dixera que era unha grande lectora, algo que desmente, por exemplo, Uxío Novoneyra, que era grandísimo amigo dela", apunta.
A profesora recoñece que este dato arriscado pode provocar polémica "porque todos os libros publicados até o de agora sobre a escritora din que María lía na biblioteca do Pazo", indica. A estudosa cre que este aspecto contraditorio se explica porque "se tende a crer á xente intelectual ou dun nivel social superior pero eu creo que lle teño que dar credibilidade a quen a ten".
Durante as súas entrevistas e consultas da prensa dos anos 60, Esperanza Mariño comprobou que dos primeiros vinte anos da noiesa apenas se coñecen datos. Retallos de escuridade dunha biografía con aspectos "morbosos" que non lle gusta tratar á profesora como a suposta relación amorosa entre Uxío Novoneyra e María Mariño, un adulterio que non sentou moi ben no contexto familiar da escritora. Ao seu ver, o autor do Courel "influíu moito" na poeta noiesa até o punto que comezou a escribir grazas á súa influencia. Da obra poética da homenaxeada este 17 de maio, destaca o seu segundo poemario Verba que comeza, no que descobre unha María Mariño que se opón á morte e ó sangue que a atormentaba xa enferma de leucemia. "Niso ten influencia de Rosalía de Castro pero con enfoques distintos: Rosalía vía a morte como unha liberación pero ela rexeitaba esa morte", sinala a profesora.
No estudo lingüístico que fixo da escritora, chamoulle a atención o "dominio do galego" aínda que comezou a escribir os seus primeiros poemas en castelán. Pero Uxío Novoneyra "non lle lía os poemas en castelán" , un feito do que a poeta se queixou nunha carta a Ánxel Fole. Pero argumentos como o de Novoneyra que "era un home galeguista que dicía que os antepasados só sobreviven a través da fala" foron máis que suficientes como para que a poeta optase polo galego nos seu versos. María Mariño é a terceira muller homenaxeada no Día das Letras Galegas logo de Rosalía de Castro e Francisca Herrera Garrido.
A ruína de editar unha muller
María Mariño viviu as dificultades de ser muller e escritora en plena posguerra. De feito, para publicar o seu primeiro libro, Palabra no tempo, tardou tres anos e "custoulle moito", asegura Esperanza Mariño. En 1960, a noiesa pedíralle un limiar para esta obra a Otero Pedrayo que el lle remitiu. "Eu conseguín na Fundación Penzol de Vigo unha fotocopia da carta na que María Mariño lle agradecía o prólogo", di Mariño. Pero non sería até tres anos despois que a editorial Celta tirou do prelo o primeiro libro da noiesa. "No ano 1963 era unha ruína publicar un poemario dunha muller á que non coñecía ninguén. ¿Quen o ía comprar? Só Novoneyra, Ferrín, Ánxel Fole e Borobó", explica a profesora. Porén, hoxe en día ser muller de ser un prexuízo converteuse en "politicamente correcto" e así é como lle adican este ano o Día das Letras.