Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Enrique Líster, militar republicano, xunto á súa muller, Carmen López Serrano |
Enrique Líster (orixinalmente, Liste), nacido en Ameneiro (Teo), destacado militante comunista, de formación militar na URSS e un dos máis activos mandos da República durante a Guerra Civil, é un deses personaxes ós que a recuperación da memoria histórica lles pasou por enriba. Para reparar esta inxustiza, a asociación A Oliveira, afincada en Teo, celebra esta fin de semana unhas xornadas adicadas a este xenio militar e activista político, baixo o título Enrique Líster, a longa viaxe dun home de Ameneiro.
A partir de mañá, o Hotel Congreso, de Teo, reunirá a intelectuais galegos como Ramón Villares, Margarita Ledo Andión, Xosé Lois Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo e Xosé Neira Vilas, para falar de Enrique Líster, quen, ó igual que o seu protector político, Juan Negrín, presidende do goberno da República entre 1937 e 1939, é un nome incómodo porque evoca momentos da Guerra Civil que non son agradables de lembrar, como o golpe interno de Segismundo Casado e o intento de rendición ante o franquismo (ó que Líster e Negrín se opuxeron).
O interese por esta figura histórica e tal que Marisa Mirás, presidenta de A Oliveira é a primeira que se amosa sorprendida. "Todos os intelectuais ós que chamamos, ou case, aceptaron participar nas xornadas", lembra.
Margarita Ledo: "Representa a resistencia, non o poder"
Margarita Ledo, catedrática de Xornalismo na Universidade de Santiago, opina que "Líster non representa o poder, senón a resistencia a el, a crenza nuns valores, e por iso non é un personaxe de moda". Ledo estivo durante os dous últimos anos realizando un documental sobre a vida do militar, co título Liste pronunciado Líster e proxectará para as xornadas de Ameneiro unha breve curtametraxe biográfica de quince minutos, Para Líster.
Tamén Marisa Mirás cre que o esquecemento de Líster se debe, en parte, a que "rompera con todo". Durante a súa etapa no exilio, o home de Ameneiro foi un partidario activo de organizar a resistencia interna contra Franco dende o Partido Comunista, pero as súas ideas chocaron coa visión de Santiago Carrillo. De feito, en 1983 chegou a publicar un libro tilutaldo Así destruyó Carrillo el PCE. Mirás, que coñeceu a Líster nos seus últimos anos de vida, sinala que o seu caracter forte e impulsivo e a súa tendencia a falar claro facían que non lle fose simpáctico ós políticos, nin na esquerda, nin na dereita. "Era máis militar que político, era moi mandón, pero tamén era un loitador polos seus ideais e un home de gran lucidez", explica.
Non obstante, tamén o lembra como alguén que sabía ser diplomático cando quería. Conta Mirás que, cando Líster regresou do exilio, o cura de Ameneiro quixo entrevistarse con el. Líster aceptou, dicíndolle, "claro que podemos ser amigos, porque nin vostede me vai convencer a min para ser cura, nin eu a vostede para ser comunista".
Enrique Líster, que morreu en 1995, sempre se dixo fiel os ideais do comunismo clásico, o que propugna a idea da comunidade como un camiño para mellorar a vida do ser humano. A súa participación na Guerra Civil, como Maior de Brigada ó mando da 11º División, foi excepcional. Nunca perdeu unha batalla, e logrou vitorias decisivas en Teruel, no Ebro e en Guadalajara. E se non se vía capaz de gañar, retirábase sen deixar atrás un só ferido.
Por iso, Marisa Mirás afirma que "é unha vergoña que os nenos de Teo non saiban que este home naceu na súa vila" e, para evitalo, o domingo colocarase unha placa conmemorativa na súa casa natal.
"Non é a Galicia que eu soñara"
Enrique Líster regresou do exilio en 1977, e ata a súa morte pasou longas tempadas no seu natal Ameneiro, onde atopou "non a Galicia que soñei, pero tampouco a que deixei atrás". Margarita Ledo explica que Líster "coñeceu a explotación xa de neno, traballaba vendendo piñas en Santiago ata os 11 anos, cando emigrou a Cuba".
A catedrática de xornalismo sinala tamén que Líster foi un adiantado ó seu tempo en materia de comunicación, xa que "sempre dicía que o que non se conta, e como se non existira". Por iso a súa 11º División viaxaba sempre cun equipo de cinematografía e "cos mellores fotógrafos".
Tamén foi un dos impulsores da radio El Altavoz del Frente e de revistas como Pasaremos, Milicia Popular, e a descoñecida El Miliciano Gallego, que se publicaba con diversas seccións na lingua do país e na que chegou a aparecer un retrato dos combatentes galegos feito polo poeta represealiado Miguel Hernández, segundo conta Margarita Ledo.