Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

lingua

Ultimátum de Callón a Touriño: “Ou cambia a política lingüistica ou cambia a secretaria xeral”

18.05.2007 A Mesa lánzalle un ultimato a Touriño na súa declaración do Día das Letras: "Ou cambia a política lingüística ou cambia a secretaria xeral"

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Carlos Callón preside a Mesa
Carlos Callón preside a Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística non celebrou onte a tradicional manifestación coa que cada ano percorría as rúas de Compostela para mostrar as súas reivindicacións no Día das Letras Galegas. No seu lugar, ademais dunha concentración na praza do Toural ás cinco da tarde, realizou unha declaración baixo o lema "Temos lingua propia, queremos vivir nela" na que lle reclamou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que "cambie a política lingüística" ou que substitúa no seu cargo a Marisol López, a responsable desta materia no goberno galego.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, pediulle ó xefe do executivo "a posta en funcionamento" de Política Lingüística que cualificou de "departamento adormecido". "De nada serven as declaracións de amor propagandísticas ao galego se despois non se ven feitos que materialicen tanto amor", ironiza Callón.

Así, Callón criticou que "haxa un alcalde que se mofa da Constitución e do Estatuto nos aspectos lingüísticos", en referencia ao rexedor da Coruña, Javier Losada. O presidente da Mesa instou a Educación para que o decreto de galego no ensino "sexa cumprido integramente o próximo curso" e fixo un "chamamento para que as corporacións locais" cumpran o Plan Xeral de Normalización. Callón tamén demandou "novos pasos" para que os medios de titularidade pública teñan o mesmo uso do galego "que teñen do catalán para Cataluña".

A Mesa pola Normalización celebrou onte unha concentración na praza do Toural de Compostela
A Mesa pola Normalización celebrou onte unha concentración na praza do Toural de Compostela

Decenas de actividades realizáronse onte ao longo de toda Galicia e da emigración para celebrar o 17 de maio. En Noia, vila natal de María Mariño, descubriuse unha placa na casa onde naceu a poeta.

O Museo Provincial de Lugo regalou 150 exemplares de 30 obras distintas e o Museo do Pobo uníronse ás celebracións cun poema e un retrato da autora homenaxeada.

Ademais, no marco de Portugalizando que se celebra en Lisboa, Uxía Senlle interpretou poemas da escritora homenaxeada e Chus Pato, Helena de Carlos e María do Cebreiro recitaron versos propios na memoria da poeta.

En canto a algúns dos concellos que realizan actos, o de Vigo impulsou a proxección en galego do filme A vida que te espera, de Manuel Gutiérrez Aragón, o domingo ás 12.00.

O 17 DE MAIO NA CAMPAÑA ELECTORAL

Quintana e Núñez Feijóo apoian a lingua

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, instou onte ós 315 concellos de Galicia e ós 3.835 concelleiros do país para que usen o galego "con normalidade" na súa relación cos veciños e outras administracións e criticou os partidos que o "maltratan" 364 días do ano.

Nun acto en Vigo, Quintana leu un manifesto para conmemorar o Día das Letras Galegas e subliñou que o BNG quere "amar e vivir en galego todos os días do ano". Por iso, aclarou, en alusión a outras formacións políticas, que é "imposible" crer no "amor pola lingua", se un día se mostra con "agarimo extremo" e os 364 días restantes practícase a "indiferenza e os malos tratos". Desta forma, realizou un chamamento a toda a sociedade galega e ás organizacións e colectivos para que mostren todos os días "o seu orgullo e as súas ansias de sentirse galegos".

Fronte a esta reivindicación, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avogou onte por que os galegos practiquen "o bilingüismo útil" para aprender unha terceira ou cuarta lingua.

O líder popular dirixiuse aos 150 participantes nunha festa organizada polas Novas Xeracións do PPdeG con motivo do Día das Letras. Núñez Feijóo asegurou que un galego que só coñeza o idioma de Rosalía ou o de Cervantes "non é un galego do século XXI". Porén, o líder do PPdeG afirmou que un galego que non coñeza a lingua de Rosalía "ten unha parte sen explotar". Tamén reivindicou a figura de María Mariño pola súa "determinación, coraxe e valentía", e considerou que "o galego non se impón, quérese" .

Finalmente, Sánchez Bugallo, candidato do PSOE á alcaldía de Santiago, acompañado do intelectual Isaac Díaz Pardo, realizou unha ofrenda floral ante o monumento de Rosalía de Castro na Alameda compostelá.

 

EN BREVE

Cortexo cívico nas rúas da Coruña

A Asociación de Veciños da Cidade Vella da Coruña celebrou onte a súa Festa da Cultura cun cortexo cívico. O encontro comezou na praza de María Pita e tras a lectura do manifesto da asociación, percorréronse as casas de Ánxel Casal, Manuel María Puga y Parga, Picadillo, Manuel Murguía e Rosalía de Castro ou Francisco María de la Iglesia.

O músico Eloi Caldeiro acaba de publicar un libro-disco-dvd sobre María Mariño, que presentou o martes en Santiago. É un álbum con 10 poemas da poeta de Noia musicados e cantados polo propio Caldeiro, acompañado dun pequeno libro con textos do músico de Sarria, do biógrafo Xerardo Agrafoxo e con poemas da escritora homenaxeada polo Día das Letras Galegas.

Premios "Galicia en Euscadi"

Os premios Galicia en Euscadi entregáronse onte en Vitoria, no marco da festividade das Letras Galegas. A xornada comezou ás 11:00 horas cunha conferencia sobre María Mariño, e coa proxección dun documental sobre esta. Posteriormente, inaugurouse unha exposición temática sobre esta figura das letras galegas e unha degustación de produtos típicos.

"Festa da Lingua" en Pontevedra

En Pontevedra celebraron o 17 de maio cunha Festa da Lingua na que non faltaron os pasacalles, e Tui acolleu unha Feira do Libro Galego. Pola súa parte, o goberno local de Ourense organizou unha nutrida axenda para hoxe, na que se inclúen un recital poético e o descubrimento dunha escultura do escritor Eduardo Blanco Amor.

Reivindicacións dos xornalistas

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) denunciou onte que "moitos xornalistas seguen sen ser libres á hora de escribir en galego" nos medios de comunicación, que "os obrigan" a usar o castelán. Así, o SXG pediulles ás empresas do sector un "maior compromiso" neste ámbito, "que vaia máis alá do puramente estético ou testemuñal coa lingua".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS