Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O publicista Miguel Conde dirixe a empresa de márketing Bap & Conde |
Elixido en xaneiro Galego do Mes polo Grupo Correo Gallego en recoñecemento á súa traxectoria profesional e Mellor Publicista de Galicia por segundo ano consecutivo polos seus compañeiros de profesión, Miguel Conde está á fronte de Bap&Conde, a primeira axencia publicitaria de Galicia -responsable dos anuncios de Gadisa, Feiraco, Fadesa ou Política Lingüística- e é presidente executivo do grupo MCL-Mil Ciento Cincuenta Empresas. Onte pechou cunha conferencia o primeiro día das Xornadas de Publicidade Marca Galicia que se celebran en Pontevedra até o 1 de xuño.
Que quere dicir co título da súa conferencia: "Se non hai marca, non hai país"?
O título é xa unha declaración de intencións. De feito, a idea de marca é indisoluble da de país. Un país é á vez unha idea, unha realidade física e unha emocionalidade vinculada ao anterior. E unha marca ten un sustrato físico porque ten como etimoloxía o significado de provincia. O boom do márketing no século XX parece que só foi tarefa dese século. Pero realmente, o márketing como tal existe dende hai miles de anos. Nos nosos países parece que a publicidade fora unha ferramenta "nova" para difundir a reputación dun país ante a xente no exterior. Nada máis equivocado. É importante a xestión interna e externa da imaxe de Galicia porque mercamos clixés como a tecnoloxía alemá ou a precisión suíza. A nivel interno, ter unha marca é tan importante ou máis para Galicia. O futuro é tamén un estado de ánimo.
Fáltalle marca a Galicia?
Non lle falta porque a marca existe. Pero pódese xestionar mellor. A nosa proposta é a de crear dun Banco Nacional de Capital Simbólico para xestionar os símbolos do pasado e ser proxectados para ser vistos. E para iso, propomos o método dos COCOS: concebir, construír, coordinar e conquistar.
Cales son as claves para crear un concepto de "país"?
A primera das claves é que "todo comunica": a cultura, os símbolos, os lugares, as paisaxes. Hai que saber xestionar a simboloxía do país. A realidade física complétase coa simbólica. En Galicia deberiamos estar orgullosos de ser emprendedores. Se existe o soño americano, ¿por que non ter un soño galego? Outra clave é non considerar só a simboloxía do pasado, senón tamén a futura. Se só nos centramos nas gaitas ou no pulpo, nunca daremos a idea que queremos para o futuro.
Hai símbolos nacionais que se repitan até converterse en clixés que sempre funcionan?
Claro, cando se pensa en Galicia sempre se che vén á cabeza a verde, o mar, a gaita, un dos iconos máis fortes, aínda que non é a mesma gaita a do fogueteiro que a de Carlos Núñez. Son clixés a morriña, a retranca ou aquilo de que non sabemos se subimos ou baixamos.
Bap&Conde creou a nova campaña de Política Lingüística co lema "En galego tes todo por dicir (E logo!), unha aposta de futuro.
Do que se trata é de retratar a iconografía real de Galicia. Buscamos unha estética que sexa comprable pero tamén cunha linguaxe de futuro. O de Todo por dicir e a estética do E logo! significa que hai que ter sempre autoestima. De feito, a nós coñécennos como os cocos galegos.
Fernández Iglesias: "Debemos xerar a percepción de que o galego é bo"
O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, inaugurou onte as Xornadas sobre Publicidade, "Marca Galicia", que organizou o Club Internacional de Prensa. Para Fernández Iglesias para competir nun mundo global hai que botar man da "identidade propia e a excelencia dos resultados desa identidade, sexan produtos, servizos ou mesmo percepcións." Ademais de representar e diferenciar Galicia, unha "Marca Galicia" debería promover unha actitude "psicolóxica" positiva fronte á nosa produción para que xere a percepción de que o galego, é bo.
Pola súa parte, o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, salientou a importancia que estas Xornadas teñen para o sector co fin de lograr un consenso na necesidade de crear "unha imaxe propia que poña en valor os sinais identitarios de Galicia."
"Valorarnos como país"
Os lemas "O método Feiraco" da empresa láctea galega ou "En confianza" do grupo de supermercados Gadisa -que recibiu o premio ó mellor anuncio de televisión en galego no 2006- saíron dos creativos de Bap&Conde e, para o publicista, son "un territorio común de que debemos valorarnos como país".