Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O colectivo de gays celebrou o ano pasado un picnic na carballeira de San Lourenzo |
O colectivo gay sairá mañá ás rúas de Compostela co lema Bi-ve e deixa bi-vir para denunciar o esquecemento e a marxinación dos que son vítimas as persoas bisexuais en Galicia. Así o explicou onte o representante da Federación Aturuxo, Alfredo Saborido, na presentación dos actos de celebración na cidade do Día do Orgullo Gay.
A Carballeira de Santa Susana acollerá mañá ás14.00 horas o "Maripicnic" que se vén organizando dende hai xa 12 anos. Os asistentes poderán participar en distintas actividades, como unha carreira de tacóns ou un concurso de tortillas, orientadas a loitar "con humor" contra os estereotipos que se lles impoñen a gays, lesbianas, bisexuais e transexuais, segundo indicou Saborido.
As 20.00 horas recorrerá as rúas compostelás a manifestación unitaria convocada pola Federación Aturuxo. O xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, lembrou que é compromiso da Concellalía de Cultura apoiar todos os actos que conleven unha normalización do colectivo, o fin no que se centran as actividades promovidas pola Federación Aturuxo.
Compostela celebra esta festa nunha data que se afasta do propio Día do Orgullo Gay marcada no calendario para o 28 de xuño, polo que os galegos puideron gozar tamén da celebración da festa europea do orgullo gay, Europride 2007, en Madrid. O representante do colectivo gay animou a xente a participar nunha manifestación que serve para festexar os avances producidos aínda que subliñou que "por desgraza" queda moito que berrar. Este ano en concreto cabe sinalar que a comunidade LGTB conta con representación en case todas as cidades galegas cunha nova asociación en Ferrol e outra en Ourense.
Segundo aclarou Pablo Rodríguez, a celebración do día 7 de xullo é "o punto de chegada" dunha serie de actos celebrados en Compostela con motivo do Día do Orgullo Gay. A Concellalía veu apoiando outras iniciativas como o Ciclo de Cinema Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual realizado entre o 16 e o 20 de maio. Tamén se convocou o I Certame de Fotografía LGTB Aturuxo, no que primaban temáticas orientadas a normalizar outras opcións máis alá do heterocentrismo. A gañadora foi Natalia Devesa co traballo A familia bem, ghrasias que obtivo un premio de mil euros. A fotografía pode contemplarse xunto con outras sete en núltiples soportes publicitarios espallados pola cidade. O certame materializouse nunha exposición de fotografía q ue estará até o 28 de xullo no Centro de Documentación e Información Xuvenil.
As Nancys Rubias pecharán a festa
Pola noite, a poetisa Lucía Aldao presentará na Praza da Quintana unha Festa Concerto a partir das 22:00 horas coas actuacións de grupos tan diferentes como The Homens, Projecto Mourente, o grupo Tridance coa Bellidance Performance e as Nancys Rubias, e que conta coa colaboración da Concellalía e a Dirección Xeral de Xuventude.