Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| César Antonio Molina posa a carón do río Eume |
O ministro de Cultura, César Antonio Molina, considera "moi viábeis" moitas das propostas que se lle expuxeron en Galiza a principios desta semana, durante a súa primeira visita institucional a unha comunidade. Tras as reunións que mantivo con diversas autoridades, entre elas o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegura que "vexo moi xustificado todo o que me reclaman".
Nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España, Molina di que "moitas das propostas que se me fixeron son moi viábeis, e son de poder facerse nos próximos meses ou nos anos inmediatos".
Tamén falou sobre a Cidade da Cultura, da que reiterou que constituirá un dos "referentes" españois para a celebración do Bicentenario das independencias das Repúblicas Iberoamericanas, en 2010.
Afirmou que con esta conmemoración "temos unha grande oportunidade", pero tamén indicou que van coincidir nos próximos anos varios aniversarios nos que poderá lucirse a obra do Gaiás, como son o das Guerras Napoleónicas en España, a expansión do liberalismo e o librepensamento, ou a Constitución de Cadiz, todos eles encontros que "van requirir infraestruturas e cidades de ambas as dúas beiras do oceáno que presten a súa colaboración".
Por iso, constatou que a Cidade da Cultura "pode ser un, non o único referente, pero si un dos referentes españois" nestas celebracións.
En todo caso, sobre as propostas expostas recordou que o Ministerio de Cultura ten uns orzamentos e "ten que repartilos do xeito máis equitativo posible", polo que desde o seu departamento "intentaremos ser xustos e, no posible, xenerosos con todos".
"Foi un recoñecemento á miña orixe"
César Antonio Molina explicou que quixo facer a súa primeira viaxe oficial a Galicia "en recoñecemento á miña orixe", e que compaxinou o traballo, para o que "tiven que vir estudado", coa visita á súa familia, que aínda reside na Coruña.
O próximo 21 de agosto comparecerá no Congreso para explicar o que serán as liñas mestras do seu mandato, no que "se vai ampliar a axuda a manifestacións culturais que ata agora non tiñan a presenza que debían ter".
Presentará o seu terceiro libro en setembro
Tamén se referiu ao seu labor literario, pois acaba de presentar na cidade herculina o poemario "Eume", anunciando a presentación do seu terceiro libro de memorias de ficción para finais de setembro ou principios de outubro, e un próximo libro de poemas en castelán.
Molina asegura que "vou seguir publicando libros" durante o período que permaneza como ministro, e aínda que sabe que vai ter "menos tempo" para escribir, está seguro de que vai "adquirir experiencia e aprender" que "o vai axudar no quinto libro de memorias", xa que o cuarto entregoullo á editorial o día anterior a resultar elixido para ser o novo ministro de Cultura.
O ministro de Cultura considera que con este novo labor, a pesar de ser política, "sigo facendo cultura" e, polo tanto, "aínda non me entrou a melancolía nin a nostalxia da escritura.
Ademais, continúo a elaborar proxectos literarios e presentacións de textos, co que non penso distanciarme deste labor", concluíu o ministro.
A Torre de Hércules, patrimonio da Humanidade
O ministro de Cultura referiuse na entrevista concedida a radio Nacional de España a cuestións como a aspiración da Coruña para que a Torre de Hércules sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Aínda que sinalou que "non é algo que estea totalmente nas mans do Ministerio de Cultura que represento" ,comprometeu que o Estado "tratará de apoialo en todo o que lle sexa posíbel e até onde poida".