Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Raedeira do Paleolítico atopada nas excavacións de Monforte |
O grupo de arqueólogos que traballo en Seoane e Folgoso do Courel recolleu onte as súas ferramentas tras tres semanas de traballo de campo na Cova do Sato, sen que atopasen indicios de ocupación humana prehistórica. Os investigadores valoraron a aparición doutros restos animais como ósos e dentes de oso e sedimentos do Paleolítico, que servirán para coñecer a flora e a fauna que habitaba daquela na área e facer unha reconstrución ambiental do Plistoceno na Galicia oriental.
Os traballos realizados consistiron nunha cata no exterior da entrada da cova e tres no interior. Nun primeiro nivel, acháronse restos de cerámica e dun fogar e en prospeccións máis profundas apareceron vestixios do Paleolítico: ósos fracturados e con marcas de mordeduras.
Ademais dun cranio e un dente pertencentes a un oso, o resto de elementos desenterrados deberán ser analizados en laboratorio para a súa posterior clasificación. Estes descubrimentos poñen de manifesto que a cova serviu de cubil a animais carnívoros.
Os arqueólogos tamén estudaron outras quince covas que presentaban características apropiadas para a ocupación humana e determinaron un par de cavernas que aínda non foran catalogadas, entre elas a Cova do Solar en Lousada. As escavacións nestes lugares faranse o próximo ano e agora a catalogación continuará no laboratorio.
Todo comezou en Monforte
A campaña arqueolóxica no Courel é froito da colaboración entre a Universidade de Santiago e a Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, e constitúe a segunda fase dun proxecto arqueolóxico que deu comezo o ano pasado con frutíferas escavacións na comarca de Lemos. O equipo de seis arqueólogos xa levou a cabo prospeccións durante o mes de xullo na cova de Valverde, en Becerreá, onde se atoparon vestixios dun enterramento humano prehistórico.