Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Irene Penas, pola esquerda, coa crítica literaria Ana Salgado, o distribuidor Alberto Abreu e o libreiro Xurxo Patiño onte no Consello da Cultura Galega FOTO: Patricia Santos |
A febleza do mercado literario galego, a falta de influencia da crítica nas vendas e o poder das grandes superficies no control da distribución foron os grandes temas que se discutiron onte na mesa redonda da primeira xornada do IV Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores e centrado no "Libro e o mercado".
A crítica literaria Ana Salgado, o libreiro Xurxo Patiño e o distribuidor Alberto Abreu, moderados por Irene Penas, debateron onte sobre os libros máis vendidos na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela.
Alberto Abreu, director de Administración da empresa de distribución Arnoia, puxo sobre a mesa datos reveladores. Por exemplo, dos 1664 puntos de venda que hai en Galicia, 1627 son grandes superficies, mentres que o resto son librerías de vilas, o cal, unido á dispersión xeográfica, fai difícil a supervivencia da pequena empresa. A isto engádese que, segundo dixo o distribuidor, "é moi complicado que ás librerías pequenas chegue o libro galego". Os primeiros postos das listaxes dos libros máis vendidos en Galicia están ocupadas polos "libros de texto" mentres que para atopar un libro galego hai que chegar ó posto 274 coa obra Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. "O sistema de distribución necesita vivir do sistema escolar", apuntou Abreu.
Da mesma opinión se mostrou o libreiro Xurxo Patiño da tenda Librouro en Vigo, que indicou que os máis vendidos en Galicia son "libros de texto e dicionarios". Patiño recoñeceu a importancia do libro comercial. "Os supervendas de ficción, coñecidos como best-sellers, teñen a penitencia de ser éxitos comerciais", co cal son considerados "subprodutos infraliterarios". Porén, ao seu ver, "os máis vendidos non deixan de ter un valor literario superior ó que se lle presupón".
O libreiro asegurou que a palabra best-seller non só se refire ás obras máis vendidas senón que tamén ten unha "compoñente pexorativa" ao considerar que os autores as escriben para seren éxitos de vendas. Patiño lembrou que "se vende só aquilo que se ve" de aí a importancia de que apareza nun escaparate ou nun suplemento literario. "A forza da mercadotecnia é importante pero, ás veces, fanse esforzos por destacar libros pero que non dan resultados e son fracasos, e polo contrario, actúa a forza do propio mercado a través das recomendacións do libreiro ou o boca-orella que foi como comezou Harry Potter", explicou. A dispersión dos puntos de venda é tamén importante. "As vendas das librerías non coinciden coas das grandes superficies: o público das librerías está máis preparado e non se lle ocorrería ir a unha grande área mercar un libro", advertiu.
Ao ver da crítica Ana Salgado, o debate sobre os libros máis vendidos bate con dous condicionantes: "a dificultade de contar con datos para facer unha panorámica desta cuestión" así como a "consciencia do estatuto de febleza do discurso crítico que ten pouca influencia no mercado literario en Galicia". O ano pasado, o libro máis vendido en Galicia tiña un nome propio: Os libros arden mal, de Manuel Rivas, unha obra agardada, como así o demostrou ao converterse na obra que máis cantidade de textos críticos xerou en Galicia en menos tempo, en total, 47 referencias. Malia iso, "non se pode concluír que haxa unha tranferencia entre crítica e mercado", opinou Ana Salgado que demandou máis persoas "que exerzan a crítica de xeito continuado" no país, pois só iso, na súa opinión, "podería influír na creación de máis lectores".
Un sistema literario sen normalizar
Outro dos temas que se debateron partiu dunha intervención do público na que se puxo en dúbida que se estea a piques de conseguir a normalización do sistema literario galego. Para a crítica literaria, Ana Salgado, "a noción de normalización" resulta conflitiva, xa que pon sobre a mesa a política cultural emprendida durante anos e consistente en "encher ocos e imitar os sistemas literarios do noso arredor". Porén, este debate sobre a normalización do sistema literario galego produce, ao seu ver, unha "dependencia do mundo da creación" que debería repasar "o que debería ser a normalidade". Mais este non é un dos retos máis complexos que lle agardan ao mercado literario galego senón a maneira de sobrevivir cando as grandes superficies de librerías se asenten no país, unha tendencia á que se referiu o distribuidor Alberto Abreu. "Estas grandes áreas funcionan con sistemas centrais de listaxes dos libros que funcionan no mercado; aí, será difícil atopar un libro galego, por iso hai que buscar a calidade para poder competir", dixo.