Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Un grupo de 20 persoas representativas de diferentes ámbitos de defensa do galego, entre elas membros da Associaçom Galega da Língua, a Associação de Amizade Galiza-Portugal e o Movimento Defesa da Língua, constituíron o pasado día 1 de decembro en Compostela unha asociación cultural co obxectivo de contribuír á creación da Academia Galega da Língua Portuguesa.
A posta en marcha da Associação Cultural Pró-Academia Galega da Língua Portuguesa supón un chanzo máis dun proceso que vén xa de atrás. En outubro de 2006, o catedrático da Universidade de Vigo Martinho Monteiro propoñía, durante o V Colóquio Anual da Lusofonia, celebrado en Bragança, impulsar o nacemento dunha Academia Galega da Língua Portuguesa.
O 8 de Outubro de 2007, a comisión promotora desta academia realizou unha presentación pública da proposta na Faculdade de Filoloxía da USC. Os académicos Evanildo Bechara e Malaca Casteleiro, de Brasil e Portugal, respectivamente, amosaron neste acto o seu apoio a esta iniciativa.
O motivo destes esforzos en prol da fundación dunha Academia Galega da Língua Portuguesa é, segundo explicou o presidente da asociación cultural que acaba de iniciar a súa andaina, Ângelo Cristóvão, "a exclusión sistemática e total dos que temos un punto de vista distinto sobre a lingua por parte da Real Academia Galega, os editores... Visto que a hostilidade constante dos que se apoderaron da capacidade de lexislar sobre a lingua non vai mudar, defendemos a creación dunha Academia Galega da Língua Portuguesa".
As funcións desta institución serían "mellorar o uso da lingua, defender a súa tradición e os falantes desa lingua", segundo aclarou Cristóvão. E, en concreto, e nun principio, impulsar "publicacións cun contido que acade un nivel alto de calidade. Temos varias liñas de traballo, como recuperación de obras clásicas galegas e publicación de teses de doutoramento", engadiu.
"Todo isto é importante, pero non urxente, no sentido de que precisamos tempo para levar adiante un proxecto amplo, aberto, serio, que non vai excluír a ninguén", salientou. O fondo da cuestión é, porén, a reivindicación dun cambio na política lingüística que están a implementar os sucesivos gobernos galegos.
Unha transformación da política lingüística levada a cabo ata hoxe
"Tras 25 anos de autonomía, ninguén asumiu a responsabilidade polo fracaso estrepitoso da política lingüística, que nós entendemos que está equivocada desde o punto de vista normativo e social", subliñou Cristóvão.
"Desde a perspectiva dunha lingua nacional, unha lingua tan extensa e útil coma a nosa, non ten nada de particular que existan diferenzas entre a fala e a escrita, que se pronuncie dun modo diferente en Portugal e Galicia, por exemplo, como o español non se pronuncia igual en Andalucía que no norte. A escrita é o símbolo de unidade da lingua. O futuro da nosa lingua pasa pola lusofonía", comentou.
"É incrible que o Goberno galego non de decate das vantaxes de que os galegos aprendan portugués. E defender o portugués non supón, necesariamente, deixar de ser unha parte de España. Non hai que confundir a nosa proposta coa política", dixo.
A fórmula xurídica que adoptaría a Academia Galega da Língua Portuguesa "non é o máis importante. O nome xa está rexistrado. O relevante é o traballo que vai facer, que terá valor tamén para os que non pensan coma nós", asegurou.