Venres 01.02.2008
Hemeroteca web
|
RSS
A Asociación Galega de Editores (AGE) defendeu onte nun comunicado "a absoluta lexitimidade do canon e o dereito de autores e editores a percibir unha compensación axeitada polo emprego das súas obras".
Dende a asociación lembran que, segundo a Lei de propiedade intelectual, "os autores teñen un dereito exclusivo de reprodución sobre as súas obras" e que os creadores "deben ser compensados por estas copias privadas".
Coa nova orde ministerial de decembro do 2007, os editores galegos aseguran que "as tarifas de compensación por copia privada se reducirán nun 25%". Lembran que a recadación do canon se distribúe entre os titulares de dereitos, "un 55% para os autores e un 45% para os editores". Ademais, desmenten o que consideran "mentiras sobre o canon" como que a copia privada só beneficia os autores e entidades de xestión.
"O certo é que resulta beneficiosa para os cidadáns" e para a "industria tecnolóxica", indican, xa que permite o uso privado de obras sen solicitar a autorización previa dos seus titulares de dereitos.