Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Paco Martín editou en 2006 o libro de relatos ‘A bisneta lercha’ |
"Ramón Lamote é o vello que a min me gustaría ser, unha boa persoa, pero desgraciadamente non o son". Vinte e tres anos despois de nacer, así define o lugués Paco Martín a Ramón Lamote, o mítico mestre de chairego que debuxaba soños por encarga, que volve ás letras galegas nun volume titulado Das novas cousas de Ramón Lamote que Galaxia tirará do prelo en breve.
O personaxe creado polo escritor lugués conseguiu transcender a súa vida literaria, incluso a do propio autor, e quedou no imaxinario de toda unha xeración dos oitenta, convertido en best-seller, ao ser traducido a varias linguas e lido tamén alén do Atlántico.
"Non sei moi ben por que volvín a escribir de Ramón Lamote, algo que durante un tempo moita xente me pediu pero a verdade é que non tiña a intención de sacar nada novo. Chegou un momento no que me sentín unha miga rebordado polo personaxe. Pero o ano pasado houbo unha serie de circunstancias e deume por empezar a contar algunha cousa máis e así foi", explica Paco Martín, quen logo de editar Das cousas de Ramón Lamote en 1985, obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e o Barco de Vapor, entre outros recoñecementos.
A aparición de Ramón Lamote osixenou a poder de humor as letras galegas dos oitenta. "Eran tempos máis míseros e podía ler case todo o que se publicaba, pero hoxe resúltame imposible. Ademais, xa estou na idade de volver reler algunhas cousas", asegura o autor.
Un éxito "inesperado" que entendeu anos despois
O éxito literario de Ramón Lamote resultou para o seu creador tan "inesperado" que só o entendeu moito despois. "Antes quería que a crítica non fose demasiado aceda, que o libro fose visto dende o prisma da boa fe". E así foi, o público reaccionou con agarimo cara a ese mestre de sesenta e un anos, cheo de retranca, entregado a entender as cousas cotiás, en interpretar o comportamento alleo, o home que sempre tratou a todos con amabilidade.
O único que sabe definir os "entomodelfos" e os "marmolubios" e organizar unha carreira de nubes. Mesturando realidade e fantasía, Paco Martín conseguiu convertelo en universal. "Iso é unha das cousas que máis me chamaron a atención: que xente de Bos Aires, ou Managua asumisen o personaxe como propio. Incluso me escribiu un profesor de Salamanca convencido de que falaba de alguén de alí. En Tortosa mesmo hai un Ramón Lamote que tivo o detalle de vir a Lugo a coñecerme, unha persoa encantadora que tamén podería pasar polo mestre de chairego".
"Ao estar xubilado mira con escepticismo algunhas cousas"
Pasados máis de vinte anos, aquel mestre "vai moito máis vello e foi evolucionando, adaptándose aos cambios. Cambiou de idade, pero segue sendo igual de curioso", engade o lugués. "Agora que xa está xubilado, engade o autor, ten que mirar con escepticismo algunhas cousas".
O propio Ramón Lamote -que na escola lles ensinaba aos nenos o chairego- botaría as mans á cabeza escoitando os debates actuais sobre a lingua. "Aos políticos -sinala Martín- fáltalles humor. Pensan que calquera cousa que digan é transcendente. Se fosen capaces de entenderse entre eles, as cousas irían moito mellor. Pero tamén é verdade que un político con sentido do humor e capacidade de negociar tería pouco futuro tal e como están hoxe as cousas".
Ao ver do escritor lugués, os debates que os políticos escenifican sobre a lingua "é perder forzas, confundir a xente e molestar os que están interesados en loitar pola lingua. Os idiomas hai que dalos a querer. Hai que conseguir que a xente xogue, ame ou berre no seu propio idioma. Iso é algo que non se amaña nun despacho: discutir por iso é dun vulgar espantoso. Un escoita falar os políticos e dáse conta de que o nivel que teñen no noso idioma dá pena", asegura.
Consciente de que varias xeracións de galegos gardan no seu imaxinario colectivo a Ramón Lamote, Paco Martín ten unha ilusión. "Tiven a sorte de que Lamote funcionaba coas tres xeracións dunha casa, avós, pais e nenos. Supoño que os que eran nenos daquela, agora teñen fillos e a miña ilusión é volver contactar con aqueles lectores porque o único que pretende Lamote é facerse querer e que o queiran".
Agora perfila o novo Ramón Lamote, máis vello pero tamén máis lúcido, que sairá á rúa nuns días e, ao mesmo tempo, prepárase a súa tradución ao castelán.
Tamén traballa en novos libros dos que non quere desvelar nada polo de agora. Pero Paco Martín non se confunde co seu personaxe senón que o converte nun deses soños que fai por encarga. "Ramón Lamote é o vello que a min me gustaría ser, unha boa persoa pero desgraciadamente non o son", asegura.
Osíxeno nas letras galegas con sona fóra das nosas fronteiras
Paco Martín -Francisco Martín Iglesias- naceu en Lugo no 1940. Mestre de escola dende 1961 até o 2000, foi membro do consello de redacción da A trabe de ouro. Autor de libros de texto para o ensino en lingua galega, ten publicado libros de narrativa como Muxicas no espello (1971), No cadeixo (1976), E agora cun ceo de lama (1981), Dende a muralla (1990) ou de relatos como Tres historias para ler á noite (1992), Autovía (1994), Un reguiño na Terra Chá (1995), O estadio, relato incluído en Berra liberdade (1996), O lume novo, en Antoloxía do conto galego de medo (1996).
Pero foi un personaxe o que marcou un antes e un despois na súa traxectoria literaria. A publicación en 1985 da obra Das cousas de Ramón Lamote (1985), que recibiu o Premio Barco de Vapor (1984), o Losada Diéguez de creación (1985), o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1986), e tamén foi incluído na Lista de Honra do IBBY (1986). A obra, traducida a varios idiomas e convertida en best-seller nos anos 80, chegou a ter sona incluso fóra das fronteiras de Galicia, sobre todo, grazas á tradución española que correu por Latinoamérica.
Tamén publicou Lembranza nova de vellos mesteres (1988), Servando I, rei do mundo enteiro (Xerais 1990), Un robot pequeno (Xerais 1991), O vagón que perdeu o tren. O xardín (Xerais 1991); A, se cadra. Verdadeira historia do Basecus Anxeliño Viltroteira (1992); Pierre (1993); Dous homes ou tres (1993); Andanzas e amizades dun robot pequeno (Xerais 1994); Medio burato (2000); Auga para encher un cesto (2002) ou máis recentemente A bisneta lercha (2006).