Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Miguel Anxo Fernán Vello é tamén o cronista do acontecer diario nas páxinas de GALICIA HOXE FOTO: Fugaz |
Miguel Anxo Fernán-Vello (Cospeito 1958) estrea o 2008 cun ciclo expansivo: prepárase para cumprir "en plena forma física e creativa" os 50 anos, publica o "poemario aberto" Diccionario do Estremecemento e aparece Astro interior, unha escolma da súa poesía realizada por Teresa Seara que hoxe, precisamente, se presenta na Coruña. Co reloxio na man dereita -quedoulle o costume de cando aprendía a tocar a guitarra e quería ter sempre a hora á vista- e coa vontade de "ser ambidextro" -"esfórzome en facer moitas cousas coa man esquerda"-, Fernán Vello mantén intacto o seu aspecto romántico, encaixando nun mesmo perfil a vertente de poeta erótico, de editor comprometido e de articulista que cada día ofrece nas páxinas de GALICIA HOXE unha fiestra ao acontecer do mundo.
De Diccionario do estremecemento fala con apaixonamento. A súa escrita -"dun rauto" nunha dieta de xexún de varios días- supuxo o seu reencontro coa "poesía pública" e a constatación dunha mudanza que se viña efectuando na súa obra a partir de As incertezas do clima, un libro que -na súa opinión- marcou un drástico cambio na forma de enfrontarse á poesía. "En certo modo, trazo unha fuxida da cultura poética para achegarme á poesía como comunicación do inmediato".
Trátase, engade, de "restarlle á palabra esa condición de transcendencia que antes lle daba e volver á idea de Kafka: o libro como un machado que se crava nas costas do lector para obrigalo a reaccionar". Ese machado é, de feito, o significado último do "estrondo" no seu Diccionario, unha obra que pretende ir ampliando nos próximos anos con entradas novas nunha especie de poemario interminable. "A miña empresa actual é lograr que a poesía aumente a realidade e que o poema provoque, como dicía Borges, unha reacción física".
Vivo na respiración do poema / e non teño outro oficio / nin outra patria. Con esta confesión ábrese o libro, por onde desfilan escenas de hospitais, de autoestrada, do parque ou da punzada da pobreza, pero tamén do erotismo, da paciencia, de Rilke, de Rosalía ou dos propios poetas. "Hai biografía", recoñece, "porque non se pode separar da túa vida a conciencia, pero tampouco é biografía exactamente. Na poesía faise, máis ben, unha translación dun mesmo desde dentro a fóra. Mestúrase abstración e realismo simbólico para que o poeta baixe á praza pública e interveña coa súa voz na sociedade".
Sobre Astro interior -que hoxe presentarán Luis González Tosar, Arcadio López Casanova e Teresa Seara-, Fernán Vello considera que é "un excelente espello das voces que percorren a miña poesía", un espello no que non sempre se mira cómodo. "O meu primeiro libro ten poemas adolescentes que hoxe non publicaría. Pero xa non hai volta atrás. O máis importante é que a antoloxía amosa como fun medrando en conciencia poética e expresividade, expandindo a miña linguaxe. Hai que procurar non repetirse sen renunciar ao teu propio selo e iso, creo, queda patente nesas páxinas".
"Nos noventa, as poetas ocultaron a realidade dos homes"
Como un dos máximos representantes da denominada xeración dos 80, Fernán Vello considera que todos os seus integrantes "seguimos moi activos". Igual que ao resto dos seus compañeiros, el vese "nunha primeira madurez, cheo de enerxía, fenomenal no plano físico e mental", con moito que dicir porque "aínda non escribín o que me gustaría ter escrito". E é que, engade, "o máis importante desa xeración ou grupo, desa época, está aínda por facer".
Pasados os anos, coa perspectivas que dá o tempo, o autor de "Memorial de brancura" cre que xa non hai diferenza entre eles e a xeración dos noventa, cos que tradicionalmente se enfrontaron en disputa de espazo: "os estudosos do futurano verannos a todos como un grupo compacto".
Agora, Fernán-Vello traballa nunha antoloxía de poetas noveis que, na súa opinión, será unha sorpresa para os que opinan que Galicia está a producir unha fractura de renovación xeracional. "Nos anos 90, as mulleres poetas ocultaron a realidade dos homes, que quedaron á súa sombra a pesar de ter unha grande obra. Nos novos, porén, os homes volven coller o primeiro plano até o punto de que se vai establecer unha nova transversalidade".