Mércores 27.02.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Eduardo Fernández comezou de moi novo a ler e investigar sobre o antiguo Exipto, país ó que viaxou moito |
"O catolicismo do Vaticano non ten nada que ver co cristianismo primitivo. O catolicismo tomou dos ritos faraónicos a parte máis epidérmica, superficial, a parafernalia dos rituais, sen chegar a entender o fondo, o significado das crenzas exipcias". Así o afirmou o escritor e pintor coruñés Eduardo Fernández, autor de Dioses y Faraones. Misterios de la religión egipcia, unha obra que acaba de chegar ás librarías da man da editorial Cydonia.
O libro recolle "narracións curtas nas que hai unha miscelánea de temas do antigo Exipto. Non fala só de relixión, senón tamén doutros aspectos, como a política. Ademais, nas súas páxinas conecto o compoñente político e social coa realidade actual", explicou Fernández nunha entrevista.
O ensaio é froito de "lecturas e viaxes. Desde moi pequeno comecei a interesarme polo antigo Exipto. Estudei os tratados dos mellores exiptólogos, visitei os museos máis importantes, e realicei moitas viaxes a Exipto, de mes ou mes e medio. Ademais, no ano 1999 xa publiquei un libro sobre o tema, Entre las ruinas de Egipto, nunha editorial virtual americana", lembrou.
"Despois de tanto ler, unha vez que chegas alí, a Exipto, o que máis che impacta é a escala, o tamaño, dos monumentos. Pero tampouco cambia tanto a visión que xa te compuxeras a través dos libros", asegurou.
Eduardo Fernández defende a "veracidade" da súa obra, a pesar da súa "paixón" polo antigo Exipto, e do feito de non ser un exiptólogo no senso académico do termo. Unha parte do contido do libro procede dunha serie de colaboracións que realizou para o programa de televisión Millenium.
Dioses y Faraones. Misterios de la religión egipcia defende a orixe exipcia de moitos dos principios fundamentais do cristianismo. "No capítulo 125 do Libro dos Mortos está o xuízo final. O deus Osiris dá paso á eternidade a quen se comportou ben en vida. Disto ven o paraíso cristián. O monoteísmo procede da revolución de Akhenatón, que rompe cos deuses e di que hai un só Deus, Atón, cuxa máis clara manifestación é o sol. Ese Deus tería creado a vida, e sería igual para todos os seres da terra", comentou Fernández.
"A trinidade cristiá tamén procede das triadas exipcias. A figura de Xesús mesmo é unha copia do deus Osiris. A anunciación de María está descrita no templo de Hatshepsut, Dheir-el-Bahari", engadiu.
A relixión era daquela, "como agora, un modo de manipular e someter a xente, atemorizándoa co castigo divino", pensa este autor.
A comunicación co máis aló
"Aquela xente cría que tiña comunicación directa cos seus familiares do máis aló. Por iso escribían mensaxes nas vaixelas coas que enterraban os defuntos. Tamén "recibían" mensaxes dos mortos a través dos soños. Eu creo que era autosuxestión, comprensible no mundo de crenzas no que vivían. Mesmo había sacerdotes que se encargaban de interpretar os soños", salientou.