Venres 07.03.2008      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 2 de 25]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

memoria

Homenaxe da CIG á mestra compostelá Pepa Baamonde

Foi expedientada no ano 1981 por impartir as súas clases na nosa lingua ·· Reivindica un cambio de mentalidade da sociedade como cerna da normalización

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. DOPICO . SANTIAGO

Pepa Baamonde deu aulas en varios concellos galegos preto de Santiago
Pepa Baamonde deu aulas en varios concellos galegos preto de Santiago

"Non hai conciencia de que a lingua é un ben cultural, unha parte do noso patrimonio como pobo. Ninguén sería partidario de derruír, por exemplo, a Catedral de Santiago. Ben, pois, coa lingua, está a pasar o mesmo que se estiveramos tirando a Catedral pedra a pedra. A Catedral mantense en pé soa. A lingua non: para que se manteña viva, temos que contribuír todos". Así o cre Pepa Baamonde, unha mestra compostelá hoxe xubilada que, co gallo da entrega dos Premios do Día da Clase Obreira Galega, foi homenaxeada o pasado 4 de marzo pola CIG nun acto ao que asistiron unhas 200 persoas.

O sindicato nacionalista creou o ano pasado estes galardóns, mediante os que recoñece a traxectoria dos traballadores e traballadoras que sobresaíron no ano anterior na loita polos seus dereitos.

Pepa Baamonde, sindicalista desde o 1974, foi unha das primeiras docentes que impartiron no noso país aulas en galego. E, por este motivo, foi expedientada no ano 1981. "Visto aquilo desde a perspectiva actual, síntome un pouco frustrada. Entón pensabamos que o problema do galego era o seu desprestixio e que non estabamos alfabetizados na nosa lingua. Agora os nenos están alfabetizados en galego, pero en número de galegofalantes estamos peor ca daquela", comentou.

"No ano 1981, moitos ensinantes de primaria e secundaria fixemos mobilizacións para defender o ensino en galego. Mesmo varios compañeiros foron á Coruña para autodenunciarse por dar aulas en galego. A min denuncioume a APA do colexio no que traballaba. O Ministerio de Educación considerou que eu cometera unha falta grave por impartir as clases en galego. E, por iso, apartáronme do servizo durante seis meses e sancionáronme cun traslado. Pouco despois xa cambiou a lexislación", lembra.

"Daquela non había libros en galego. Tiven que preparar os meus propios apuntamentos. Eu o único que facía era falar cos alumnos, que eran galegofalantes, na súa lingua. Pero os pais, como os de agora, pensaban que se os seus fillos querían defenderse na vida tiñan que falar castelán. Por iso se están a perder falantes", salienta.

 

 

POLÍTICA LINGÚÍSTICA

Sen "grandes cambios" por agora

Pepa Baamonde non aprecia grandes cambios na Política Lingüística do bipartito con respecto ao goberno anterior.

"Todo o que se faga pola lingua é benvido. O novo goberno está a tomar algunhas medidas acertadas como a creación das galescolas. Pero en termos xerais non creo que estea a cambiar moito a situación. Tamén é certo que pasou pouco tempo", afirmou.

"Ademais, cando a Xunta tenta corrixir unhas mínimas pautas para que se respecte a lei xa aprobada, xorden asociacións que defenden o español e din que está ameazado, cando todas as estatísticas o que demostran é que é o galego o ameazado. Hai un conflito lingüístico, galego e castelán non están en situación de igualdade, senón que o castelán está por enriba. É incrible que cando se tenta facer un plan de normalización na escola saian profesores dicindo que a ver se os nenos van saír sen saber falar castelán, cando iso é imposible", concluíu.

OPINIÓNS

"Non abonda só co ensino"

Baamonde amosou a súa preocupación ante a mudanza de lingua que a propia institución escolar semella favorecer. "Eu téñoo observado cando daba aulas, e sei que é así. Os nenos de zonas galegofalantes son monolingües mentres están na escola. Ao pasar ao instituto, cambian ao castelán. Porque o castelán segue a ser considerado a lingua de prestixio: a que serve para ligar...", subliñou.

Para reverter esta situación, "tería que haber un consenso social sobre que a lingua é importante e é necesario falala. O ensino non pode resolvelo todo. Os medios de comunicación, por exemplo, están totalmente españolizados", apunta.

"Falta concienciación nos profesores, como falta no resto da sociedade. Os profesores son parte da sociedade. Os decretos sobre o galego no ensino non se cumpren. Tampouco hai interese en que se cumpran. Os inspectores pouco fan", asegura.

Para que os decretos non queden en papel mollado, cumpriría "non tanto tomar medidas punitivas, senón incentivadoras, como podería ser darche puntos para traslados. Pero tería que haber vontade de controlar o que pasa realmente. De todos os xeitos, creo que o máis importante é cambiar as mentalidades sobre o que significa ter unha lingua distinta", di.

 

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS