Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Manuel Gago imparte clases na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago |
Máis de cen blogs gastronómicos comprometéronse a garantir a transparencia dos seus contidos a través do Código Cociña, a primeira guía de boas prácticas orientada a evitar un uso propagandístico das bitácoras que abordan estas temáticas. O impulsor desta iniciativa pioneira, autor de Capítulo 0, Manuel Gago, defínea como "unha especie de norma de calidade" que xorde en resposta a unha "influencia crecente" dos blogs nas decisións dos consumidores á hora de decidir en que restaurante comer ou que viño comprar. Trátase, xa que logo, do primeiro referente ético.
"Cada vez temos máis audiencia", sostén Gago, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC), que fala dunha "segunda fase" no ámbito das bitácoras, diarios creados polos internautas para compartir opinións e contidos diversos. Tras unha primeira etapa de proliferación destas webs personalizadas, este blogger destaca a desaparición dalgunhas delas para dar paso a "novas fórmulas de expresión" como as baseadas nas redes sociais como Facebook ou My Space.
O Código Cociña, pola contra, diríxese ós que Gago denomina "micromedios", aqueles blogs que cumpriron xa tres ou catro anos de actualizacións diarias, con contidos que "son máis que un diario persoal" e manteñen o seu obxectivo de "informar, dar a opinión, contar as novidades e chegar a un público pequeno pero moi especializado".
A iniciativa pretende garantir a transparencia e honestidade nas crónicas ou referencias que se realicen nos blogs que inclúan contidos gastronómicos. "Non pasa nada porque digas que fuches comer ao restaurante do teu amigo ou que bebiches o viño que che regalou un adegueiro, pero di que cho regalaron e di que é teu amigo", defende.
A transparencia, como apunta, non está en contradición coa crítica, aínda que neste sentido tamén se esixe ós subscritores do Código Cociña que eviten inxurias e calumnias.
Á iniciativa de Manuel Gago sumáronse máis de cen autores de blogs con algún tipo de contido gastronómico. O código xa se expandiu por España, Portugal e algúns países de Latinoamérica como Arxentina, Venezuela ou Brasil. Está traducido a sete idiomas e, na actualidade, preparan a súa versión xaponesa.
Maior rigor en contidos habituais do país, con máis de 7.000 festas
O respecto duns mínimos á hora de tratar información gastronómica nun blog marca unha aposta por un maior rigor a un tipo de contidos máis que habituais en Galicia, con máis de 7.000 festas. A filosofía do Código Cociña, explica Gago, fundaméntase nas licenzas de cesión de dereitos en internet; calquera internauta que dispoña dun blog pode subscribirse a esta garantía de transparencia.
O autor de Capítulo 0 defende que as perspectivas da información gastronómica a través dos blogs son infinitas. Destaca que a literatura deste xénero contou desde sempre coa achega de grandes autores europeos e, máis recentemente, latinoamericanos. Con todo, advirte da entrada nunha nova fase deste tipo de xénero. "Antes era un escritor só, pero agora a gastronomía medrou como sector, apareceron máis xornalistas, máis profesionais, máis publicacións e neste momento está absolutamente todo por facer", sostén.